Se os nosos soños son iguais...
Santalla, Iago - miércoles, 08 de febrero de 2017
A semana pasada impresionoume a historia que conta a película de Figuras Ocultas, dirixida por Theodore Melfi e protagonizada por Octavia Spencer (Dorothy Vaughan), Kevin Costner (Al Harrison), Kirsten Dunst (Vivian Mitchell), Jim Parsons (Paul Stafford)...
A trama sitúanos na carreira espacial que dá lugar a un novo pulso entre a URSS e EEUU. Neste contexto, a NASA precisa traballar con dilixencia e a contra reloxo para que o inimigo oriental non se lle adiante. No equipo da NASA, un conxunto de mulleres afroamericanas encárganse de facer os cálculos necesarios para os lanzamentos espaciais. Entre elas, empeza a destacar a figura de Katherine G. Johnson, unha excelente matemática capaz de ver moitísimo máis alá de un encerado cheo de operacións matemáticas...
A excelencia de Katherine está fora de toda dúbida e é tan obvia como a luz do día ou a cor da súa pel. Non en tanto, aquela sociedade racista e machista non podía aceptar que unha muller afroamericana amosara ao mundo a súa xenialidade.
Este caso fíxome pensar en como unha sociedade que no seu momento pareceu abrirse ao mundo, volve a pecharse en si mesma ata o punto de amosar tendencias autárquicas e, por suposto, excluíntes. Ás veces, analizando o devir da historia, un ten a sensación que ben describía meu avó cando dicía remar e remar e caer na mar. Sendo seres racionais e emocionais, diferenciándonos do resto das especies polo feito de ter unha historia na que viaxamos en colectivo, semella que non sabemos tirar dese fío para dirixir o barco cara á evolución senón que nos paramos a escoitar os cantos de sereas involucionistas que nos devolven a un pasado cruel e excluínte do que simplemente tiñamos que sacar unha aprendizaxe do que non podemos repetir.
Existen grandes intereses multinacionais que basean o seu triunfo nunha manipulación que oculta realidades erguendo barreiras á creatividade humana, de xeito que a cor da pel ou o lugar de nacemento marcan os límites do desenvolvemento persoal. Este feito constitúe a gran diferenza entre unha oligarquía e unha democracia. O problema é que existe un entroido ideolóxico que disfraza de democracia o que é unha oligarquía.
Isto é un fenómeno mundial que está a agudizarse no chamado primeiro mundo.
Un fenómeno que nos impide volver a sentir a cor da humanidade e recitar xuntos eses berros, esas feridas, eses soños, esa loita que compoñen a complexa vida das persoas e que un día levaron a Celso Emilio a compoñer unha mensaxe urbi et orbi de unidade que afirmaba como un irmau che falo.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora