Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cidade 'fermosa' si, ruidosa non!

sábado, 04 de febrero de 2017
Non vos é desde logo boa noticia -e se cadra por iso non foi case comentada- iso de vivirmos oficialmente nunha cidade, Vigo, que polo que hai poucos días se informou nalgún xornal resulta ser a máis ruidosa, tanto de día coma de noite, de todo o territorio español, entrando en liza neste tema unhas corenta cidades de máis de cen mil habitantes.

Pensaba eu que tal privilexio sería cousa de cidades con máis habitantes ca Vigo, como Madrid. Pois non. Madrid ocupa o antepenúltimo lugar en produción de ruído. Nesta disputada liga de ruídos e decibelios, a chamada cidade olívica (quen o diría, levando como leva ela consigo un fermoso adxectivo de resonancias vexetais!) ocupa neste intre polo contrario o primeiro posto. Mellor sería que ese posto o ocupase o Celta de Vigo pola súa boa categoría futbolística e non que fose o ruído quen erga o brazo triunfante.

Posibelmente sexa o ruído un inconsciente berro de desespero dos galegos non afeitos a vivirmos artificiosamente amoreados trala súbita desfeita da tradicional vida rural nun mesmo distante e inhóspito lugar, no que a paisaxe deixou xa de ser próximo e inmediato compañeiro de cada quen. Son moitos os séculos e xeracións que levamos vivindo en pequenos lugares ou parroquias, ben asentados na paisaxe case coma niños de pombos ou rulas, agarimados de noite pola lene música do silencio e de día polo canto lonxano do lento andar dun carro do país.

En vez de continuarmos irmandando paisaxe e hábitat humano, en íntima e esponsalicia convivencia, fíxose o que se fixo e á vista está. Agora non hai enxeño mecánico tan descomunal que sexa quen de anchear de vez unhas rúas que oprimen a residentes ou viandantes case como fai o bocadillo co friame que leva dentro agachado. Pois para “humanizar” as rúas ou beirarrúas das cidades habería antes que “vexetalizalas” a fondo e non permitir que as máquinas que temos construído para andarmos comodamente nelas actúen libremente como ruidosos altofalantes ou botafumeiros laicos, que coa súa ameazante contaminación fan enfermar ouvidos, pulmóns e corazóns, fornecendo hospitais e centros médicos de precioso e axeitado material para poderen así eles sobrevivir e medrar.

Por que continuamos logo aínda a encartar penosamente as perniñas no interior dunha máquina produtora de gases daniños para achegármonos a unha pequena tenda a só case un tiro de pedra, se dispoñemos todos e gratis do ben ecolóxico coche de San Fernando?
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES