Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

AVES e coches de liña

sábado, 04 de febrero de 2017
Leo, con ollos de criatura -é dicir, sen saber ben o que estou lendo-, que unha nova revisión ministerial do cronograma das obras da alta velocidade a Ourense desvela un novo retraso respecto da data de 2018, que era coma as bruxas, pois todo o mundo falaba dela aínda que ninguén a acreditaba.

Polo que transcendeu da reunión do presidente da Xunta co ministro (algún día haberá que teorizar sobre qué misterio ou qué elixir conteñen as carteiras ministeriais que, cando llela entregan a calquera homosapiens de a pé, tan pronto xura ou promete o cargo e terma da asa da carteira, inmediatamente se lle pón cara de ministro), resulta que agora será, "en fase de probas", o terceiro trimestre do 2019. É dicir, afinando un pouco máis o axuste, os primeiros "aveturistas" poderán poñer pé na estación do Empalme (non sei cómo os de Lepe nunca lle inventaron algún conto) para o estío de 2020. Unha minucia!

Malia que se volva retrasar, a min tranquilízame o asunto porque en todo caso será -se deus quer- sempre denantes do 2021, que é para cando o turismo galego ten depositadas as súas esperanzas de despegue definitivo con motivo da celebración dun novo Xacobeo do que xa case nos temos esquecido polo tempo que dura este longo ciclo.

O que xa non me tranquiliza tanto, entre outras cousas porque tampouco transcendeu moito o que dela se falou na reunión bilateral Galicia-Madrid, foi iso que agora lle chaman estación intermodal e que seica vai reconducir o que se fixo rematadamente mal hai corenta anos cando foron construídas as estacións de autobuses de Galicia. A saber, construílas ó pé das estacións de tren co fin de que calquera que teña que facer un transbordo do tre ó autobús non teña que pagar nun taxi máis do que lle custa o billete do autobús, do tren ou, se cadra, dos dous xuntos.

E digo que non me tranquiliza tanto, non por se o que se executa finalmente é ou non é o modelo Norman Foster ou outro menos ambicioso. Nin sequera por cal vai ser o nome que substituirá ó enigmático "empalme", malia que eu teña a miña preferencia, senón pola supervivencia dos propios autobuses.

Eu non sei se vostede ten ido ultimamente pola actual do Pino. Se é así, concordará comigo en que o ambiente decadente e de inactividade que nela se respira anuncia unha sorte de morte por inanición do servizo que me dá que como sigan retrasando a chegada do tren, cando estreen a súa estación e a estación adxacente de autobuses, xa non haberá coches de liña que a teñan como terminal de referencia.

É certo que o que estou dicindo pode semellar apocalíptico. Pero é a realidade que se albisca no horizonte. Polo menos, en canto a Xunta non colla o boi polos cornos e decida -coma os forcados- darlle unha reviravolta completa ó transporte interurbano galego.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES