A Paz en miniatura (No día escolar da Paz e a Non Violencia)
Lamas, María Xosé - miércoles, 01 de febrero de 2017
Presentámola, explicámola, fomentámola, practicámola,... a Paz.
Esa paz en miniatura necesaria dende o berce, cando entoamos as melodías máis suaves para acalentar o pranto e devolver a quietude con tenrura.
Esa diminuta paz que asinan cunha aperta e un "perdoa" no recanto dos xogos uns meniños de catro anos cando rifan por un brinquedo.
Esa pequena paz que precisan dous numerosos equipos de dezasete membros nunha pista de vinte e dous por doce, cando se produce un fóra de xogo que nunca ve o árbitro colectivo.
Esa paz na aula, cando un amigo/a che falla. Aquel/a que antes te apreciaba, agora divulgou o teu segredo... Que mágoa!
Esa sinxela paz, cando María chora agraviada porque Xosé se mofou dela por ...levar sabida a lección que el non sabía? Non, porque lle dixo Ana que Xesús estaba por ela.
Esa paz que necesita quen se sente illado/a, desprezado/a, marxinado/a,... para conseguir pintar na súa cara un sorriso con rotulador permanente, indeleble, para sempre!
E practícase a paz plantando mans de goma-eva nos xardíns do patio, colgando bandeiras pintadas con corazóns polos muros de formigón que pechan os colexios, e interpretando a voz en grito o baile da paz de Mamá Cabra.
Esa paz nena, que se estende ao día a día, e que se desenvolve cos anos, coas vivencias, coa vida, ...ou debería!
Esa paz que se sente no interior cando se procede de acordo coas ideas, a calquera idade, en calquera lugar e situación: a carón dun berce, no recanto de xogos, na aula, no patio, no colexio enteiro, mediando entre discordias que semellan nimias, mais son o xerme das guerras.
Coidemos da paz en miniatura, porque medra!

Lamas, María Xosé
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora