Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sempre a vaca

martes, 31 de enero de 2017
A vaca é e foi a raiña da nosa Galiza, aínda hoxe as dúas multinacionais galegas arrostradas son as do leite e as da madeira, cun predominio dominante da primeira sobre da segunda. Véxase a lexislación da Xunta de Galicia sempre a favor do leite e dos gandeiros e en contra dos silvicultores, o que supón a presenza dentro dos nosos xenes da vaca como raíña, e incluso como deusa dos altares da terra, motivo de adoración cal se na India nos movésemos.

Todo o que procede da vaca ou todo o que atinxe á vaca, é sacratísimo, aínda que sexa malo para o país, non se pode tocar, sexa porque as leis o protexan ou sexa por que se obvia a presenza destas para que os males que haxa que soportar sigan per secula seculorum.

Seguro que todos vostedes están pensando na presenza do xurro (máis coñecido na nosa Galiza por purín) que se bota aquí e acolá, chova ou faga sol, haxa nevada ou xeada, e moitas veces ao lado da casa do veciño que rabuxa e patexa polo cheiro fedorento, ou cerca das correntes de auga que rematan nas oficinas dos nosos estómagos. Proteste Vostede! Vaia a Medio Rural! E dígame qué pode facer vostede ante tamaño disparate a non ser seguir inspirando o cheiro repulxente dos ouriños e da fétida bosta das vacas e dos outros ouriños do común dos mortais que van para o mesmo foxo continente dunhas cisternas que se te collen pola estrada has de abeirar como deus manda para que non te boten fóra do sólido elemento polo que circulas e non do outro no que pensas.

Mais á vaca hai que darlle de comer e para iso o empobrecemento das nosas terras con glifosatos supón un elevadísimo mal que todos eluden mirando para o outro lado. Fíxense vostedes, para botar millo hai que sulfatar a herba con glifosato, e para botar a herba hai que matar a outra herba, a nosa, tamén con glifosato, e se botas millo tes subvención e se botas o que botes e fagas o que fagas, sempre a teor da vaca, tamén a tes, porque a vaca é a deusa, a cantante máxima reverenciada e respectada por todos nós, seareiros do culto da vaca que dende os tempos míticos deunos leite, traballo, carne e xatos.

Agora ben, se ti queres chantar un piñeiro ou un eucalipto, ten coidado, amiguiño, que toda a administración e adláteres se poñerán en contra túa, aínda que estas árbores entre outras nos solucionen o problema da contaminación e dos gases de efecto invernadoiro producindo nada máis, nin nada menos que osíxeno, e a nosa querida vaca é unha das culpábeis coas súas flatulencias destes mesmos gases.

Bendigamos a vaca e maldigamos aos silvicultores, e non pensemos, porque pensar é malo e non leva a ninguén por bo camiño.

O seu sempre afectísimo.

Xosé Otero Canto.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES