Ata que o divorcio vos separe
Editorial - viernes, 16 de marzo de 2007
Que lonxe aqueles tempos nos que a máxima era a de Ata que a morte vos separe. O matrimonio era un, relixioso, e para sempre.
A sintonía era perfecta entre o monolitismo político e o poderío eclesiástico, de xeito que o que se unía do único xeito posible, non fose posible desatalo alomenos nesta vida.
Máis lentamente que a apertura política tamén se foi producindo a apertura matrimonial tendo legalidade plena os matrimonios civís feitos diante un xuiz ou diante a autoridade municipal como os que teñen por testemuña un representante da Igrexa, para recoñecer a nova unión diante da comunidade de crentes.
Pero algo falla na institución matrimonial, sexa cal fose a canle de acceso, porque cada día se producen máis rupturas e en Galicia xa case son maiores os fracasos ca os éxitos entre as parellas que matrimonian.
Se facemos caso a recentes informacións, en Galicia son 22 matrimonios ó día que se desfán, sexa con divorcio sexa con separación: Máis de 8.000 ó ano.
Algo falla nos elementos da parella. Como mínimo, cada separación é un fracaso asociativo. En moitos casos, con danos colaterais, como agora se chama ás víctimas inocentes, que son os fillos que quedan como resultante de unións efémeras ou duradeiras e de por vida arrastrarán un pouso difícil de comprender, imposible de evaluar.
Os cregos nas vodas xa non ofician pedindo felicidade ata que a morte vos separe. Agora falan de tódolos días da vosa vida. Van ter que ir pensando nunha nova fórmula
que inclúa unha cláusula de caducidade, para os que se arrepintan cando xa é tarde.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora