Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Apostade pola música!

viernes, 03 de febrero de 2017
Nada hai tan definitivamente morto como un stradivarius na caixa forte dun narcotraficante caprichoso. E nada tan palpitantemente vivo como o vello violín dun músico ambulante. Pero o irremediablemente triste sería que non houbera violíns. Porque todos deberiamos ter a oportunidade de adquirir coñecementos teóricos de música, un gusto sensible para a audición musical e saber tocar con solvencia un instrumento.

Necesaria é a música como o pan, o aire e o sal. É a linguaxe universal que nos fai próximos, irmáns. Enche de quentura os primeiros anos ao tempo que descubrimos que a pel é o órgano máis profundo. Necesaria é a música que abre os poros á capacidade estética e excita a fantasía de homes e mulleres condenados a soñar. A música fertiliza a cultura recuperando a memoria colectiva, as cores da historia, o patrimonio inmaterial. A súa falta constitúe unha castración intolerable.

De música están feitos os himnos que mobilizaron e volven sentar nas prazas á mocidade. “Blowin’ in the wind”, “Imagine”, por exemplo. A música acompaña loitos, vodas, festas, soidades e soños dende fai tanto que sería de parvos considerala bixutería prescindible. A música é ourivaría con rostro humano.

A utopía máis fermosa é que a música non sexa alimento elitista senón comida para todos, apostando por ela como educadora do noso lado máis apaixonadamente humano. Entendan os que gobernan, porque así o decidimos nós, que a música non é adorno prescindible. Desenvolve o cerebro e potencia a capacidade de sufrimento e de superación.

Mesturada de beleza e suor, aplausos e bágoas, modela o máis nobre do ser humano. A música fainos mellores. E na asignatura sempre pendente da vida debería ser lección imprescindible. Atuarse coas musas e cos xigantes do País das Artes require dun esforzo continuo e apaixonado, non só para chegar a ser músicos senón para construírse como persoas. A gloria, o trunfo, o obra de arte esixe unha peaxe implacable de traballo duro, de disciplina, de ensaios.

Escolas de Música e Conservatorios son unha inversión intelixente para que a mocidade afine a sensibilidade, a capacidade de escoita, de ocio e diversión. Para que o ruído e a confusión non sigan colonizando o seu cerebro e domesticando a súa rebeldía. É unha aposta cara, pero máis custosa é a ignorancia, a esmorga do ruído e palabras vociferantes, as condutas pouco saudables.

Ocorre en cada concerto, nese territorio de sons e silencios onde é posible a ética do pensamento, a estética da arte e a creación de beleza. Alí, en silencio relixioso, tocamos coa punta dos oídos o sabor delicado da beleza. Gardamos no cofre da memoria os sons que nos habitan. E apostamos pola música que nos educa.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES