Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Algo máis que un modesto investigador

viernes, 03 de febrero de 2017
Testemuñas da memoria:
Algo máis que un modesto investigador

Sempre presumín un pouco de que cando leo un xornal adoito fixarme en algo máis que os titulares ou as letras grandes que asoman nel... E aínda que non lea a crónica, o relato ou a crítica completa, sempre me fixo na foto que acompaña, principalmente se son personaxes. Estes axiña se me quedan na retina. Non serei moi fisionomista na realidade, pero no papel si teño a suficiente memoria para reter a ese personaxe (pola reiteración das fotos e influenciado polas xentes do cine).

Agora mesmo non sei se foi nun adestramento ou nun partido dos rapaces, pero un día vin unha cara coñecida que asomaba abondo nos xornais, pero non souben dicir quen era. Tan só se me viña á cabeza a palabra “Gobernador”. Comenteillo á muller: sei que foi algo de gobernador ou semellante. Xusto ó comentarllo tamén case berrei “a UNED”, a universidade a distancia. Non obstante, o nome tíñao na punta da lingua, pero só me saía Juana. Entenderedes que aquela tarde xa non pensase noutra cousa. A todos nos pasa igual, que cando non nos acordamos de algo, a idea zumba aí na cabeza ata que aparece enteiriña.

A min tamén me apareceu o nome enteiriño. Con todo, recoñezo que foi logo de velo diante miña por dúas ou tres veces máis. Jesús de Juana tiña a un rapaz no mesmo equipo cós meus. Un rapaz que, lembro, incluso antes de coñecer ó pai, moito antes, a todos nos caía moi ben. Era deses ós que se lle di “un cacho de pan”. Agora levamos xa algúns anos sen velo porque seica se pasou ó rugby. A verdade é que corpo tiña para ese deporte.

Sempre fun tímido, creo que son tímido, pero a idade, ás veces, vai poñendo a cada un no seu lugar e a experiencia diche que ninguén comeu a ninguén. Así é que axiña pasei do típico ola, ola e dalgún que outro comentario do mundo do baloncesto e dos rapaces. Entón pregunteille. Mira como levaba razón; Jesús de Juana fora Gobernador Civil de Ourense en 1996 e 1997 e Subdelegado do Goberno en Ourense desde o 97 ata o 2000. E leva de director da UNED a tira e máis de anos.

Naceu o 4 de xullo de 1949 en Molina de Aragón. Catedrático de historia contemporánea na Universidade de Vigo. Foi vicerreitor do Campus de Ourense. Deputado no Congreso dos Deputados polo PP en 1996. Xunto a Xavier Castro promoveu as Xornadas de Historia de Galicia. Falar aquí dos libros que escribiu sería o conto de nunca acabar. Incluso só que sexa nomealos. Imaxinade entón os artigos, estudos, comunicacións, manuais, truques e retruques en toda clase de prensa.

Hai poucos días atopeino nunha rúa de Ourense e non deixei escapar a ocasión. Comenteille o destas reportaxes, pero sen lle deixar meter baza, por se as moscas, por se se me botaba para atrás, e tan só lle pedín o correo electrónico (explícome mellor escribindo que falando). Axiña lle puxen unhas letras e contestou cunha humildade que o honra: “Son un docente máis e un modesto investigador desta `mínima´ universidade que temos en Ourense, e non sei se esa reportaxe pode ter algún interese para os lectores”. Amigo Jesús, se non ten interese é por culpa miña, porque non souben escribila, porque estará mal escrita. Pero os teus méritos aí están. Paso dos asuntos políticos, porque naquela época nin tan sequera os recordo moito. Se asomas nestas testemuñas da memoria é precisamente por iso, porque un día te coñecín nun pavillón de deportes e aínda que a primeira palabra que se me veu á cabeza foi Gobernador (influenciado polas fotos dos xornais que dicía ó principio), eu sabía que eras o director da UNED. E ser director dunha Universidade non é calquera. Es algo máis que un docente e que un modesto investigador. Tes unha obra demasiado extensa como para pechar os ollos, como para deixala pasar.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania