Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Se eu che contase (3)

martes, 31 de enero de 2017
.../...

'Crime e castigo'
de
Fiódor Dostoyevski.


Da Universitas: “Unas pocas páginas bastan al autor para describir los hechos… Y el resto, de una novela copiosísima, es dedicado a analizar, Se eu che contase (3)faceta tras faceta, matiz tras matiz, los estados de ánimo por que va pasando el criminal y que constituyen su verdadero castigo”.
-.-


Estas historias son algunhas das que eu podo falar, pero tamén están as dos outros patrucios da tribo...; ¡unha enciclopedia dos saberes, e tamén dos padeceres, deste país tan..., tan verde!

Para exemplo diso, estes casos:

O bo do señor, ademais dun Stradivarius herdado, e das moitas casas que se fixo construír, tiña Don, ¡por Salamanca!, que daquela era moito dicir. Por parte, ademais do don, tiña din, que se lle soubese case en tódolos Bancos da cidade, segundo os extratipos que lle pagasen. Sobre diso, unha criada xamón, daquelas de antes, que merecía un testamento, a falta doutras atencións! A familia visitaba ao Don, de cando en vez, que tamén tiñan que atender aos seus negocios, xaora! Á parte diso, caíalles mal porque vivían ás aforas, na Cidade Xardín, que a tal momento, en Lugo, non me lembro onde é, onde está. Nunha daquelas visitas:

-¿A ver, irmán, ¿que che dixo o Médico?

-Díxome..., ¡que testar non mata a ninguén, pero eu son algo supersticioso, para certas cousas! ¿Sabes?

-¡Niso ten razón, que matar non mata! Mira, home, por nós non te preocupes, que para vivir temos, e aínda nos sobra algo, pero está o caso da Manuela..., ¡que che merece unha satisfacción!

-¿Esa tetuda...? ¡Xa a ten! ¿Ou non é pouco que podan casarse con ela cando eu falte, coma quen di, coa viúva dun rico? ¡Daquela vana pretender tódolos mozos deste barrio..., coidando que lle deixei o saquete das onzas!

-Desde logo, irmán, non tés conciencia: Unha muller que te sirve tan ben; unha moza na flor da súa vida, arrimada cun vello asmático...; ¿e vala deixar sen sostén?

-¡Nunca o levou..., que así non ten que quitalo cando se deita comigo!

-Mira, voume, e fai o que queiras, que contigo non razoa nin o diabro maior. ¡Se precisas algo, ou vas a peor, xa sabes, que nos chame Manuela!

-Espera, ho; espera, que te vou compracer. Dácame a carteira dos documentos, esa que levo cando vou aos Bancos...; ¡si, esa!

-¿Que vas facer...?

-¡O que ti querías, irmán; un cheque de..., vinte quilos..., para darllo á Manuela!

-¿Tanto? ¿E non será moito?

-Queres que a deixe recoñecida, ¿non si?

-Home, é que..., se lle dás agora esas pesetas, daquela..., ¡daquela igual deixa de coidarte, e como nós vivimos lonxe...! En fin, fai o que queiras, que o diñeiro é teu.

Tocáronlle o timbre á criada, que pasou ao dormitorio, deseguida, cun cafeíño ben quente para o enfermo, toda agarimosa:

-¡Xa os oín parolar, desde a cociña, e falan demasiado, pois este home, alasando de continuo, non debe fatigarse!

-Irmán, ¿ves cánto me quere? ¡Pois eu penso corresponderlle! Toma este cheque, Manueliña, que vai sen datar; pero doucho cunha condición, cunha promesa: Se me vou de viaxe, ¿entendes?, daquela cóbralo, ¡no mesmo día do óbito!, que así é diñeiro negro, ¿sabes? Pero..., se por fin decido quedarme, e me levanto desta cama, daquela mercareiche un apartamento..., ¡o mellor da cidade, e non aqueles que facía eu! ¡Si, muller, non chores, que isto é para que o poñas á renda..., e así casas ben, do mellor! ¿Váleche?

-¡Que cousas di; tanto que o coido, e vostede pensando en morrer!

Todo isto, os antecedentes deste caso, contoumos seu irmán, ao pé da letra, e tamén ao pé do mostrador, dúas ou tres semanas despois, que andou polos Bancos recollendo as certificacións dos depósitos do finado para liquidarlle á Facenda, que tamén é herdeiro legal, ademais de forzoso! Daquela díxenlle:

-¡Ben que o sinto, que teu irmán foi un bo cliente, dos máis simpáticos! Non o souben, e por iso non lle fun ao enterro; ¡nin vin a necroloxía no El Progreso, e iso que adoito lelas!

-¡É que non lle fixemos funeral!

-Daquela, cando llo fagades..., eu...

-¡Nin te molestes, que non llo faremos!

-¿Entón..., -na Banca, como lles pasa aos dentistas, sempre hai que segui-la conversa co cliente, por moita que sexa a dor-, ...entón deixou dito que...? ¡Comprendo! Hai casos así, de pura humildade, que non queren causar molestias ao próximo. ¡Admirable!

-¡Tampouco é iso! Trátase de que, se está no inferno, cousa que moito me temo, daquela son gastos superfluos. ¿Enténde-la cousa?

Quedei sen verbas ante un caso da maneira, que logo parecía unha situación fiódoriana, das que relatou o propio Fiódor Dostoyevski; pero aquel trago, aquel corte, duroume pouco, que deseguida se explicou seu irmán, aquel herdeiro dos certificados:

-¿Coidas que se librou do inferno un home que lle deu á querida, in artículo mortis, un cheque de vinte quilos? ¡Pois si! Pero, o que son as mulleres de mal vivir..., pois aínda ben non saíra eu de xunta a meu irmán, aquela prepa, a Manuela, foise ao Banco, ¡co cheque!, pero, meu irmán, un home previsor onde os haxa, dérallo dun Banco onde canto tiñan del era..., ¡un descuberto! Coa mesma, a Fulana, seica botando fume, foise a un Notario, ipso facto..., protesta-lo cheque, ¡e coa mesma xa non volveu pola casa do enfermo! ¿Que che parece?

-¡Desde logo, hai cada un, sexa home ou muller..., tras do diñeiro! E, a todo isto, ¿quen coidou de teu irmán, nos últimos momentos; vosoutros, non si?

-Sería o patanexo, pois como estaba prostrado naquela cama, esgarecido de todo e sen folgos para uparse nela, na cama seguiu, esperando pola Manuela... ¡Nin se sabe canto! Ao segundo día chamei eu, en vista daquel silencio, pero, ¡nada!, que non collían o teléfono; así que aló fomos, e daquela, xa sabes, ¡certificado médico, pois o home estaba alí, só, teso, máis frío cós Ancares! Agora estámosche en preito coa Fulana, por iso dos vinte millóns..., que esa golfa, encima de que o abandonou, chámase aos cartos!

Aquí remata a historia daqueles clientes tan..., ¡especiais!, e só me resta engadir que se alguén pensa que é aburrido ser empregado da Banca, aquí ou en Madrid, ese tal está nun erro. O malo destes contos verdadeiros é que non os goza o próximo..., ¡por culpa do secreto profesional dos bancarios, que é máis secreto aínda có dos Curas pois aos confesores só lles din os pecados miúdos, os veniais, tanto aquí como en Madrid, que o diñeiro, xa se sabe, ademais de pecadento é universal!
-.-

Otelo
de
William Shakespeare

Se eu che contase (3)Da Universitas: “El tema de Otelo está tomado de una obra italiana, de Giraldi Cinthio. Mas lo que en ella vale, sobre todo, es la pintura de los caracteres. Universalmente, el nombre de Otelo ha pasado a ser sinónimo del celoso-tipo”.
-.-

Non, non era Otelo, senón Bértalo, que non se lle parecía en nada, pero a min, ¡que lle vou facer!, sempre se me representou vestido de mouro, cunha especie de xilaba, ou sexa, con aquela blusa moura de arrear nos xatos, alí na Explanada da Estación, polos Corenta.

Na alma non se parecían, niso non, pois o Bértalo tíñaa moura, sen remorsos; el si, ¡peor cá do Otelo shakespearino! En canto á Desdémona..., ¡niso, miñas pobres, quif quif, todo igual, pois para o caso que pasou daquela pouco máis dá chamarse Filomena que Desdémona!

Explicareime:

Casaran en Albeiros, nun cómaro, detrás dun valado, polo San Froilán, e daquela o patrucio tivo que facerlle os bens en venta á filla, á Filomena, para que “Otelo” recoñecese a cría, que logo ía nacer cando se deron unha volta pola igrexa do lugar, ben cediño por certo pois o Bértalo seica lles tiña medo aos irmáns das nais dos outros fillos, tamén seus, dous ou tres sabidos, que polo visto reclamaban dereitos; iso que din os avogados de que, primeiro no tempo, mellor no dereito!

Pero o Bértalo decidiuse pola Filomena, que era de boa casa, e precisaba dos seus cartos..., ¡para ascender de xateiro raso a xateiro exportador!, que era mellor choio aquilo de mandalos para Barcelona por conta propia; ¡coa fame que tiñan entón os cataláns, que cambiaban a pana e mailo fío “de la Cadena” por camións: unha de xatos traes, unha de tecidos levas! Nun daqueles arreos Bértalo díxolle á muller:

-¡Volvo en sete días! E ti non te movas da casa, sempre aquí, coa porta pechada, que hai por Lugo moitos carnívoros, xateiros sen carne!

-¡O que digas, meu Bértalo! Pero terei que saír algo para que lle dea o aire á neniña, miña pobre, toda esbrancuxada, sempre nese barrelo...!

-¡Para iso abre as ventás, as dúas follas! E cando eu volva de Barcelona, despois de reparti-lo fío levareite ás augas do Incio..., que tamén tes cara de ictericia!

-¡E non hei ter, sen saír nunca desta casa!

Pareceulle mal ao Xateiro:

-Oes, non se fale máis disto, que a miña muller é propiedade miña, e daquela fago de ti o que eu queira! ¿Entendiches?

Filomena non entendera cousa, pero preferiu calar, que daquela non había divorcio; ¡e aínda que o houbese, calquera se lle atrevía ao Bértalo!

Nisto, ¡a casualidade, as malas fadas!, que chegou da Arxentina o irmán dela, que emigrara pasándose por Portugal, para librarse da guerra; veuse sen previo aviso, por se aínda perseguían aos desertores, e daquela, na Quiroguesa, un vello coñecido deulle referencias de súa irmá, que casara cun xateiro, e que vivían en Lugo, no mesmo Lugo, alí detrás, pola Escalinata da Estación. O arxentino viuse no Ceo: ¡Súa irmá en Lugo, e rica! Por suposto que non era cousa de saír a escape para a aldeíña, e menos coa pouca prata que traía; os da taberna da parroquia podían esperar... Súa irmá ben entendeu todo iso, e daquela franqueoulle parada e fonda:

-¡Ai, ho, foi boa pena que non chegases onte, pois ías co Bértalo a Barcelona, sen custarche nada, que incluso che ía dar propina, como fai cos mozos que lle axudan a leva-los xatos!

-¿Xatos? ¡Xa arreei moitos, aló na Pampa! Mira, irmá, sexamos ocorrentes, pois agora que veño de bo ver, ben presentado, con esta gravata de seda, vou ir á aldea, un domingo, agora que morreron moitos na guerra, esculcar unha morgada..., ¡para non ter que apamparme outra vez!
-¡Iso non está mal pensado! Pero mellor será que te quedes comigo, dúas ou tres semanas, ben lavado, ben comido, e ben planchado, que con todo vir de man branca, se te coido podes mellorar, e coller carnes. E logo que na casa aos nosos pais moito non lles sobra, que me tiveron que facer unha venta por causa de que caín..., iso, en estado, e daquela o Bértalo non quería casar! Espero que me perdoes esta herdanza en vida, pero eu tíñate por rico..., ¡tanto tempo sen escribir...!

-¡Muller, fixeches ben! ¿E logo, qué tal co Bértalo? Daquela, na nosa crianza, era un animal; ¡ou máis aínda!

-Agora éche rico..., ¡coa miña dote e mailos xatos! A xente quítalle a pucha, coma aos señores, ¡e dinlle de don!

O Arxentino, no seu plan, dedicouse a ir tódolos días de Deus aos coches da Liña..., ¡para que se espallase a nova do seu retorno, un indiano moi aseñorado! Todo se lle volvía dicirlles aos paisanos:

-¿Che, vos, por aquí, con iso de la guerra, estades ricos, ou seguides traballando en la tierra? ¡Ai, si! ¿Sen porvir, coma antes? ¡Pos, chinito, se atopase unha moza de buen caserío, con mi experiencia de las Pampas..., en tres años, la mejor hacienda del contorno!

Con aquelas sementes, tódalas morgadas do seu municipio veña adobiarse dos días Santos, “Maderas de Oriente” ás presadas, acotío, esperando pola Liña, ¡pero o Arxentino facíase de rogar! Ata que un día, nestes medios, deuse o casual de que Filomena, coa Filomeniña no colo, saíu un momento para ir á Praza de Santo Domingo, que non era cousa de ter ao Arxentino, por Lugo adiante, facendo recados. Así que daquela o diabro, que de cando en vez fai das súas, levou da man, á súa propia casa, ao Bértalo, de volta da súa entrega. Como de costume entrou directo ao baño, ¡que boa falta lle faría co aquel dos xatos!, e..., ¡nin case é para contado o que alí atopou! Un home, un perfecto descoñecido, coa cara enzoufada de xabón, e coa barbeira, coa Solinger, na man... ¡Un home..., na súa casa! O Fulano, o intruso, quedouse tan tranquilo, e seguiu dándolles ás barbas:

-¡Pero, che, no te esperaba tan pronto!

A Bértalo anubróuselle o entendemento coa sorpresa e coa carraxe:

-¿Quen es ti, fillo de puta? ¿Que fas aquí, durmiches aquí? ¿Onde está esa vaina?

O Arxentino nin pestanexou, a pesares dos insultos, confiado, suponse, nun pronto esclarecemento:

-¡Pos, chacho, te soy el Sabino, el hermano de la Filomena...!

Bértalo, nin con esas, que só escoitaba a voz dos celos:

-¡A nai que te pariu, tramposo do nabo, ladrón de mulleres!

Bértalo, coa caxata de arrea-los xatos; e seu “cuñado”, aquel descoñecido, ¡aquel aproveitado das ausencias!, coa barbeira. A refrega seica durou un intre, só un intre, pois nunha daquelas acometidas Bértalo conseguiu guindarlle unha perna ao Arxentino, coa cachaba, e desde que o tivo no chan, coa mesma barbeira, que se lle soltara ao Sabino ao caer espatarrado, afeitouno de vez por aquela gorxa enxaboada!

Feita a degolada, o primeiro que se lle ocorreu ao Bértalo foi identificar ao intruso, así que lle furgou no peto: ¡Seu cuñado, en efecto!

Nin pola Filomena esperou, que Vigo estaba lonxe, e había que coller un taxi para embarcarse a tempo, ¡antes de que o atopase a Garda Civil!, para Arxentina, ¡co nome e cos papeis do Sabino! Seica apampou, ou toleou, na Pampa, que se colgou dunha viga, pero despois de testar, que iso dixo o seu testamenteiro cando veu traerlle á Filomena os documentos da herdanza do Xateiro, e de paso referirlle cómo fora a historia dos seus celos, do seu ofuscamento, tan incrible como certa. En Lugo botáranlle a culpa do asasinato aos fuxidos, e díxose que entraran na casa para atracar ao Arxentino, sabedores de que traía unha saca de pesos..., e que o Xateiro fuxira para que non lle botasen, inxustamente, a culpa.

Un día destes, que me deu por refolla-lo “Otelo” de Shakespeare, acordeime do Bértalo, por asociación de ideas naturalmente, pero parei de ler xa na primeira páxina, simplemente para poñerme a matinar nas obcecacións e nas mentiras que ten a vida, pois algunhas realidades do noso propio entorno deixan de lado calquera ficción dos mellores dramaturgos!
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES