Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Casan ou non casan humor e relixión? (VIII)

jueves, 26 de enero de 2017
O xoves pasado remataba con varias citas do Evanxeo nas que se nos convida ós seguidores de Xesucristo á alegría que non é posible en estado de mal humor; non obstante, non poucos non crentes bótannos en cara ós que dicimos ser crentes cristiáns a nosa tristura, a nosa falla de ilusión, e una relixiosidade máis enfocada á dor e a morte que á festa e á vida. O peor é que en non poucos casos teñen razón.

No enterro dun humorista co que me unía fonda amizade, Carlos o Xestal, dixen, despois de pensalo ben, que me parece que lle fan máis favor á mensaxe cristiá e ó Evanxeo algúns humoristas ca algúns teólogos; porque os humoristas son capaces de falar da morte e mesmo enfocala con cara de risa, mentres que máis dun teólogo falan da Vida con cara de loito. Pero isto non se reduce a uns poucos teólogos, que é bastante frecuente tamén en predicadores tremendistas e en cristiáns que entenden a relixión como unha negociación coa divindade para mercarlle o que haxa detrás da negra porte da morte.

No prólogo dun dos libros antolóxicos de Mingote titulado “Al cielo iremos los de siempre”, di o profesor, periodista e escritor licenciado en Teoloxía, Bernardino Hernardo: “Mingote, mejor que muchos católicos militantes progresivos, ha sabido ver los fallos de esa religiosidad impreparada para el cambio, que es lo mismo que decir para la conversión. No es un teólogo; pero ante lo religioso reacciona con inmenso respeto por la teoría cristiana del amor, porque está lejos de la intolerancia, la intransigencia y la violencia de los que quieren ser más papistas que el papa, más cristianos que Jesucristo y más divinos que el mismo Dios”.

É ben curioso que dende tempo inmemorial se nos urxa ó clero baixo a vestir de loito. Menos mal que ó clero intermedio permitíuselle ir de alivio e ó alto ou moi alto, ata de festa con púrpuras e armiños. Non será esa una mensaxe subliminal de que os curas que andamos por entre a xente estamos máis para axudar a ben morrer que para axudar a mellor vivir? É curioso, porque de Xesús o que se di é que pasou facendo o ben e curando ós oprimidos polo mal, ou que con El os coxos andan, os xordos oen, os cegos ven.

Nin una palabra referente ós responsos, nin ás gregorianas nin ós primeiros e segundos cabodanos nin á roupa confeccionada ex profeso en xastrerías especializadas. A súa vestimenta non debía ser moi distinta da do resto dos seus veciños cando lles valeu ós soldados que a botaron a sorte. Fálase si dunha túnica dunha peza que según a tradición era larga e feita pola nai, María; pero parece ser que as túnicas non eran vestimentas talares reservadas a dignidades relixiosas; senón roupa común dos israelitas, entre os que uns lavábana curta e outros larga. Tampouco hai una soa palabra de Xesús dirixida ós apóstolos sobre como han de vestir. Párome un chisquiño nisto, porque, respectando as conviccións ou a comodidade de cada un, creo que o tipo de vestimenta condiciona o xeito de presentármonos os curas ante a xente e de vernos os demais, a miúdo desde certa distancia e pouca cara de risa por medo a que se tome como falta de respecto.

A pesar de todo isto, sería un bo exercicio facer unha recapitulación de contos e chistes non irreverentes de temática relixiosa, ou dar un repasiño pola historia e descubrir como entre os primeiros cristiáns era frecuente orar tamén danzando, non só cantando e tocando; ou saber algo máis das chamadas “Fiestas de los locos”, que dá título ó libro de Harvey Cox xa citado, e que durante a idade media se celebraban a comezos de ano en igrexas e catedrais de Europa, ou profundar un pouco no impulso que ó longo da historia se ten dado dende a mesma institución eclesial a festas e espectáculos de distensión, ou repasar as múltiples iniciativas impulsadas polo clero tendentes a levar bo humor e alegría ós parroquianos.

Tamén resulta curioso, aínda que sorprendente, o éxito dos espirituais negros, mesmo na sociedade branca e a boa acollida que tiveron e teñen, sobre todo entre xoves crentes, porque normalmente rebordan vitalidade, aínda que moitos foron compostos ou adaptados por escravos desde finais do século XVIII. Tamén resultan chocantes, pero acaban tendo moi boa acollida obras teatrais e películas que incluso algunhas presentan a Xesucristo como un pallaso, símbolo da alegría e bo humor, sen seren irreverentes. Bo exemplo son Jesucristo Superstar e Godspel, pero non son as únicas.

Só pretendía destacar de pasada que na vivencia da fe cristiá non todo foi nin é tan disecado, nin todo tan constrinxido por normas atafegantes como a miúdo se nos pretende facer crer, sen deixar un mínimo de liberdade, á acomodación, a enculturación, a encarnación. Non digo á improvisación, porque xustamente o que se sae da norma é o que máis esixe ser pensado e repensado. O máis cómodo e “facer como se fixo sempre”.

Fun deixando para o remate unha cita doutro humorista, que pode gustar máis ou menos, coma todos, pero que non fai necesario pasar mangueiras e lexía ós escenarios despois del como pasa con algúns autodefinidos como humoristas galegos. Refírome a Chiquito de la Calzada, que nunha entrevista a un xornal afirmaba que unha das claves do seu éxito está en que ó público fanlle moita graza palabras incomprensibles e sen contido coma “fistro”, “pecador de la pradera” “diodeno”, etc. Será por iso que teñen tanta clientela os mitins políticos tan cheos de palabras sen sentido, ou mais ben sen contido, cascas ocas, boliñas de árbore de nadal brilantes por fóra e valeiras por dentro? Espero que o sentido do humor dalgúns eclesiásticos non se traduza tamén nunha linguaxe incomprensible ou fofa, por tópica e rimbombante.

Teño intención de rematar estas disquisicións sobre humor e relixión cristiá na entrega do próximo xoves, se, como oín desde neno, chegamos aló.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES