Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un meteorito chamado Agrelo

martes, 24 de enero de 2017
Os meteoritos vense cun pouco de sorte alumar no ceo para desapareceren da vista pouquiño despois. O franciscano Santiago Agrelo é un deles cando algunha vez dá unha volta polo “mundo feliz” europeo e fala á abraiada concorrencia das cousas que alí, ou preto de alí, en Tánxer, onde exerce como arcebispo, pode ver. A finais do outono pasado, convidado polo Foro de “Encrucillada”, compartiu en Santiago as súas vivencias e os seus sentimentos en relación co drama dos refuxiados que, oprimidos por guerras e persecucións, buscan por tódolos medios unha solución a algo que para calquera ser humano é absolutamente prioritario e moi simple e doado de entender: atopar un anaco de terra libre para seguir vivindo cun mínimo de paz e dignidade.

Os profetas están aí para denunciar abusos e para nos lembrar neste senso unha e outra vez que -teñamos ou non a mesma cultura, lingua, relixión ou cor da pel- pertencemos en definitiva todos a unha mesma humanidade e conforme a iso debemos mutuamente tratarnos. Agrelo é así un moderno profeta vivo, que remove conciencias adurmiñadas e modos ensimesmados de pensar e de sentir dos de abaixo, dos de arriba ou dos que habitan en cómodos lugares intermedios.

No seu relatorio Ver para acoller (recentemente publicado en “Encrucillada”) dixo cousas coma estas, que lles darán seguramente que pensar tanto a ateos inquedos coma a supostos crentes satisfeitos de si mesmos: “Non se é ateo por declararse tal; non negan a Deus os que din que non cren nel ou que non saben se cren on non. Negador de Deus, negador do amor que é Deus, da bondade que é Deus, da misericordia que é Deus, é quen ignora o sufrimento dos pobres”.

E remataba, case do mesmo xeito, o seu nada compracente ou politicamente correcto discurso así: “Se non vemos os pobres, negamos a Deus. A cegueira –a indiferenza- ante a dor humana é unha forma radical de negar a Deus, pois é negación do que Deus di de si mesmo, do que Deus é: amor compasivo, amor misericordioso, simplemente amor”.

Filósofos e teólogos de gran valía dicían hai xa tempo cousas así e o bo Francisco de Roma proclámaas tamén hoxe pola súa conta. Deixou logo a denominada “Europa cristiᔠde ser tal? É posíbel. En calquera caso, ser ou non ser cristián –o mesmo ca ser ou non ser ateo, etc.- depende non do que un di que é ou non é senón de como se comporta na vida. Vén sendo algo semellante ó dos “puntos” do carné de conducir. Pódense perder se un anda pola vida segando ou pondo en perigo as vidas dos demais.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES