Portas ó campo
jueves, 15 de marzo de 2007
Sempre se considerou que era imposible poñer portas ó campo, conter as forzas da natureza, forzar a evolución natural do noso contorno. Pero hai gobernos que coidan que aínda poden facelo. E inténtano.
Como non dan loitado contra a violación dos dereitos de autor, atacan de xeito xeral os instrumentos técnicos que nos permiten acceder ás modernas tecnoloxías e ós contidos infinitos ó noso dispor na Rede.
Como non dan loitado contra o copiado de libros, impoñen un canon sobre as fotocopiadoras. Como se evidencia que son impotentes diante da copia de música ou baixada de películas en internet, impostos para os aparatos de gravación, para as impresoras, para os faxes... indiscriminadamente. Reparten o custo total previsible do fraude da piratería entre todos os aparatos do mercado para que paguen todos, xustos ou pecadores, pola infracción xeral.
Levando o sistema ás últimas consecuencias, sería como se tódolos usuarios de automóbil pagasen un suplemento para afrontar os pagos ás súas futuras posibles víctimas de accidentes de circulación, ou se o comercio de armas de fogo aplicase a cada unha delas un canon especial para responder das mortes que a utilización destas armas orixinase.
Ben pensado, xa non se trata de poñer ou non portas ó campo. Trátase de gobernar razoando e non cos pés; trátase de gobernar e non de adoptar medidas que calquera alumno de básica rexeitaría por peregrinas.
Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora