Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Santuario da Virxe dos Milagres de Saavedra (5)

miércoles, 25 de enero de 2017
1.2. Os rituais de carácter individual
1.2.1. O ritual de vir andando ao Santuario
Noutrora moitos devotos para entrar en contacto co sagrado usaban como medio de purificación o sufrimento físico, consistente en facer o camiño andando, descalzo e, tamén, de xeonllos o último tramo. No intre actual, este ritual foi decaendo debido non só ao avance dos medios de locomoción, senón tamén a unha maior racionalización da igrexa sobre certas prácticas rituais. De tódolos xeitos, aínda que a maioría dos devotos fan a viaxe en autobuses ou coches particulares, hai un bo número que veñen andando -dun xeito individual ou colectivo- dende diferentes vilas e lugares da Terra Chá, como Begonte, Outeiro de Rei, Vilalba... e mesmo de Lugo capital.

1.2.2. O ritual de Circunvalación
Ademais da participación na liturxia oficial -novena, misas, procesión-, os devotos levan a cabo diversos rituais populares. Un deles é o de circunvalar o templo unha ou varias veces de xeonllos ou de pé, descalzos ou calzados. Durante o percorrido portan nas súas mans unha vela acesa, ás veces da mesma altura que a do ofrendante; algún exvoto de cera, simbolizando unha figura humana total ou parcialmente; algún velón ou cirio pequeño; ou unha pequena imaxe da Virxe, que se van pasando uns a outros na porta principal.

O dar voltas arredor do santuario ten o valor dunha penetración e toma de contacto nun nivel relixioso. Na Grecia clásica este rito facíase cun fin apotropaico e catártico (1). Este ritual é moi frecuente naqueles países nos que segue habendo unha relixiosidade tradicional de base católica. "Los peregrinos bretones daban tres vueltas alrededor de la capilla rezando el rosario, a menudo de rodillas. Los portugueses dan un cierto número de vueltas -en general tres- al santuario con un rosario o una imágen en las manos...(2).

1.2.3. Os rituais de contacto
O desexo de todo devoto é entrar en contacto coas imaxes de devoción e demais elementos e obxectos ligados ao santuario, xa que o sagrado proxecta a súa cualidade, sacraliza.

Un ritual de contacto moi popular é o de poñer a santa. Nun pórtico situado cabo da igrexa e do cemiterio, dúas persoas da parroquia, con senllas imaxes pequenas da Virxe dos Milagres, fan unha cruz por riba da cabeza dos devotos. O poñente recita xaculatorias para cada fiel que se achega, como:

“ La Virgen de los Milagros
te conceda la salud del alma
y del cuerpo. Amén”

“A Virxe dos Milagres
te libre de tódolos males.
Amén”

Como a Virxe dos Milagres se encontra no interior dun pórtico, os devotos que queren levar a cabo outro ritual, o de contacto coa imaxe, entréganlle panos aos encargados de pasalos polo manto da efixie, devolvéndollos a seguir aos propietarios, quen os empregan para tocar as partes doentes dos seus corpos.

Hai anos dunha fonte, sita no lugar de Fontetián a uns 350 metros do santuario, algúns devotos bebían a súa auga e levabana en botellas para as súas facendas. No intre actual este ritual xa non se leva a cabo.

Os rituais de contacto, como “poñer o santo”, ou de tocar obxectos na imaxe para levalos a casa como portadores da graza da imaxe sacra, poden ser clasificados como formas de “maxia contaminante”, inspirada pola lei de contacto, que se basea no principio de que un obxecto posto en contacto con outro adquire as virtudes deste (3).

2. As ofrendas
Como compensación polos favores recibidos, ou como ofrenda propiaciatoria, os devotos levan a cabo ademais unha serie de ofrendas:

2.1. Esmola en metálico
Trátase dun don moi usual en todos os santuarios. Neste, realízase dos seguintes xeitos:
Os devotos, logo de “poñer a imaxe mariana”, deixan unha esmola nunha bandexa ou boeta, que porta o poñente.
Un sancristán ou fregués da parroquia vai recollendo nunha bandexa ou peto a esmola dos devotos, que asisten á misa.
Nas boetas ou petos, que se encontran no interior do santuario.

2.2. As Misas
É unha promesa que o párroco ou un fregués da parroquia, na que está situado o recinto sacro vai anotando nun libro. O seu prezo foi variando ao longo dos anos. Así, no ano 1994, o seu custo era de cincocentas ptas; no 2005, sete euros; e no 2015, 10 euros. Estas misas son oficiadas polo párroco da freguesía no transcurso do ano.

2.3. Os Exvotos
Son ofrendas de obxectos, que os devotos adican ás entidades sacras, mostrando deste xeito gratitude polo ben recibido. Adoitan colocarse nun espacio manifesto. O motivo do exvoto pode ser diverso: unha sandación, o retorno dun conflicto bélico, o saír ileso dun accidente, un feliz nacimento… En todos iles repítense tres elementos básicos: a promesa dun don a unha entidade sacra pola consecución dun beneficio; o convencimento propio do individuo cando a entidade satisfizo a súa petición; e, finalmente, o don prometido polo ofrendante facendo constar públicamente que cumpriu a súa promesa. Por outra banda, a orixe do exvoto é antiga, aparecendo xa na Prehistoria. “Limitándose ao améto de posibles influencias, na cultura celta da Téne aparecen amuletos antropomorfos coa representación total ou parcial do corpo…" (4). Logo, todas as culturas: sumeria, asiria, exipcia, fenicia, ibérica, grega, romana… utilizaron estes dons como instrumentos de gratitude ós seres sagrados. Así, na Grecia antiga, o interior do templo de Asclepios en Epidaura tiña os seus muros recubertos de inscricións como proba de agradecemento de moitos doentes ao devandito deus pola cura obtida. A carón das inscricións había bastantes reliquias, que simbolizaban outros tantos milagres: partes do corpo curados, brazos, pernas, peitos etc. En Roma sucedeu o mesmo. Os presentes consistían en pequenas estatuas de bronce, en reproduccións de mármore e, tamén, en terra cocida das partes do corpo que soportou a doenza.

Neste santuario teñen especial relevancia “os exvotos de cera”, que revisten tres modalidades:
1ª. As candeas de varios tamaños, e dun xeito preferencial as da mesma altura que o ofrendante.
2ª. Os cirios pequenos ou “velóns”, de varios cores: azul, branco, verde e vermello, que é o que maís sobresae.
3ª. Os obxectos artesanais , que simbolizan a unha serie de animais: cochos, eguas, vacas, así como ó corpo humano, total e parcialmente -brazos, mans, pernas, peitos, pés…-. Estas figuras, preferentemente as humanas, son mercadas polos devotos nalgún dos postos de cera -procedentes de Negreira (A Coruña)- que hai preto do recinto sacro; e, logo, oen unha misa e realizan o “ritual de circunvalación, en testemuña do seu agradecemento pola influencia benéfica que a advocación mariana exerceu na sandación de diferentes doenzas humanas; finalmente, depositanas baixo un cobertizo, que hai ao caron do santuario, para estes mesteres. Estes exvotos fannos cereiros, quenes por medio de moldes reproducen todo tipo de figuras. Adoitan permanecer expostos no altar como mostra das peticións feitas e como manifestación pública do poderío e capacidade de convocatoria do santo (5). No Museo italiano de Montecasino, e no Museo Arqueolóxico de Tesalónica (Grecia) hai exvotos de terracota, que representan corpos humanos, total e parcialmente. O mesmo pasa no Museo de Pontevedra onde hai unha colección de exvotos de terracota, procedentes do santuario itálico de Calvi (Campania). Destacan as cabezas de homes e mulleres, algúns animais: cochos, vacas. A maioría destas terracotas, realizadas con molde, estiveron policromadas, sendo interesante comprobar a súa semellanza cos exvotos de cera que aínda se ofrecen en bastantes santuarios e, que en Saavedra, valen 2 euros, mentres que “os velóns” custan un e as candeas da mesma altura cinco. Tamén hai algunhas mozas devotas, que entregan á Virxe ramos de flores, para acadar un bo casamento.

NOTAS:
1. TABOADA CHIVITE, Xesús.: Etnografía Galega. Cultura Espiritual, Vigo: Ed. Galaxia, Vigo, 1972, páxs..156-157.
2. MARIÑO FERRO, X.R.: Ob. cit., 1987, páx.174
3. GONZÁLEZ REBOREDO, X.M. A Mesta Fraga das Festas de Galicia.. En tempos de Festas en Galicia. A Coruña.: Fundacion Caixa Galicia. T.1, 2006.
4. TABOADA CHIVITE, Xesús:. Etnografía Galega. Cultura Espritual, Vigo: Galaxia, 1972, páx. 156.
5. GONZÁLEZ REBOREDO, X.M.: Ob. cit., 1997, páxs. 133-134.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania