Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Historia dos Anos de Prata

jueves, 26 de enero de 2017
Historia dos Anos de Prata Para calquera crítico e investigador literario escribir unha Historia da Literatura é o equivalente á ascensión dun alpinista ao Everest. Se, ademais, ese relato historiográfico se estende ao longo de varios volumes, daquela o esforzo vale tanto como coroar os catorce oito miles.

Tan sobresaliente esforzo, arduo traballo ao que acompaña a soidade do corredor de fondo, é o que leva desenvolvendo Xosé Ramón Pena os últimos tres anos, xusto dende que comezou a publicar o primeiro volume da súa Historia da Literatura Galega I. Das orixes a 1853 (2013), ao que seguiu a Historia da Literatura Galega II. De 1853 a 1916. O Rexurdimento (2014), entrega que foi recoñecida co Premio da Crítica Galicia e mais o Premio Fervenzas Literarias ao mellor ensaio do ano.

Chega agora ás librerías a terza entrega desta obra excepcional, Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936. A xeira das Irmandades da Fala (2016), como as dúas anteriores, publicada por Xerais. Neste novo ensaio Pena afonda na visión analítica e as ferramentas metodolóxicas das que xa se servira nos volumes previos. Neste sentido, cómpre advertir que o seu traballo desancora de aproximacións positivistas alicerzadas na exhaustividade referencial de autores e produción para asentar na prospección socioliteraria. Aquí non importa tanto a relación interminable de creadores corais que no pasado foron (por moi interesante que esta poida ser) como escolmar as voces senlleiras que marcaron o rumbo dos diferentes (sub)períodos e, sobre todo, reflexionar sobre as condicións sociais, políticas e sistémico-literarias que explican a escrita desas voces principais.

Así entendido, o relato de Pena adquire solidez nas moi amplas e documentadas introducións sociohistóricas e político-ideolóxicas, eidos que interseccionan e, en non poucos casos, determinan as posicións do campo propiamente literario. Comprender, por exemplo, o papel esencial que no socioestético e ideolóxico-identitario xogou un persoeiro como Vicente Risco é clave para entender como e por que moitos dos creadores deste momento apostan por este ou aquel camiño literario e, tamén si, de que maneira son recibidos/ obviados, divulgados/ omitidos e canonizados/ silenciados os seus textos.

Outro dos valores deste ensaio de Pena reside na consistente arquitectura de trabes mestras coas que deseña as liñas de forza literarias da época. Deste xeito, os por el alcumados como “Anos de Prata (1916-1936)” abórdanse dende os ancos do lírico, o prosístico e o teatral e, dentro dos primeiros, ponse orde e concerto á moi problemática cuestión da confluencia entre os poetas (post)rexionalistas máis ou menos herdeiros da tradición oitocentista (Noriega e Cabanillas), os cultivadores do neotrobadorismo (Bouza-Brey), os “vangardistas enxebres” (feliz etiqueta terminolóxica coa que Pena dá conta daquelas correntes que figuran como “moderadas” ou “pactadas” respecto dos ismos propiamente transnacionais e que representan figuras como a de Amado Carballo) e os “vangardistas plenos” (Manuel Antonio, Cunqueiro, Lorca). Da súa parte, na prosa oponse a “narrativa tradicional-(neo)popularista” (Dieste) fronte á dos “renovadores enxebres” que proxectan un relato “simbólico-identitario” (Risco, Otero Pedrayo e Castelao).

Unha última doa adorna o colar: a extensa bibliografía final, case unha trintena de páxinas con varios centos de entradas de libros consultados e citados, o que dá unha idea diáfana do fondo posprocesado crítico que este volume propón, ao tempo que revisa, actualiza e dialoga con toda a investigación anterior para atopar solucións moitas veces sincréticas e outras orixinais, de contraste ou complementarias.

Quen desexe estar ben informado do que foi a literatura galega do primeiro terzo do XX debe ler esta Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936. A xeira das Irmandades da Fala asinada por Xosé Ramón Pena. Non só porque os seus xuízos sobre estilística e tematoloxía son substantivos, senón porque, ademais, se explican á luz do(s) imprescindible(s) contexto(s) de campo que os veu conformarse, interactuar e que por veces mesmo os xerou.

O profesor Pena anuncia xa un novo volume que historiará a escrita dende Guerra Civil ata o pasamento do Ditador. Agardaremos con expectación esa nova achega que, de seguro, confirmará as excelentes sensacións que deixa esta entrega, pola que merece agradecidos parabéns.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES