Luz que racha as tebras
Cabada Castro, Manuel - domingo, 22 de enero de 2017
As lecturas fálannos sobre todo de Xesús Cristo como luz e como centro do seu reino, é dicir, dos que nos chamamos cristiáns e de tódalas persoas de boa vontade; en definitiva, de cantos no seu interior intentan ser fieis á súa conciencia. Xesús mesmo proclamárao xa nalgún momento, tal como se nos conta no Evanxeo de Xoán (8, 12) ó dicir de si mesmo: Eu son a luz do mundo. Quen me segue non andará ás escuras, senón que terá a luz da vida.
O profeta Isaías anunciara tamén esta luz dalgunha maneira, tal como escoitamos na 1ª Lectura, cando falaba de que o pobo, que camiñaba na escuridade, viu unha gran luz. No Salmo responsorial, despois da lectura de Isaías, así o acabamos de proclamar pola nosa parte ó dicirmos: O Señor é a miña luz e salvación. Nos Evanxeos é moi frecuente, sobre todo no de Lucas, a alusión a Xesús como luz: Visitaranos o sol que nace do alto, para alumar os que viven en tebras e na sombra da morte (Lc 1, 78-79), luz para alumar as nacións (Lc 2, 32), etc.
Se Xesús é luz, entón é el quen aluma e orienta na escuridade. Sabemos ben que sen luz andamos desnortados e non sabemos cara a onde camiñamos. Por iso de noite quedámonos normalmente na casa ata que volva raiar o sol pola mañá, a non ser que fagamos uso de algo que se parece un chisco ó sol, como a luz eléctrica ou unha boa lanterna. Cando eu era cativo e aínda non había luz eléctrica na miña pequena localidade natal, lémbrome ben do que ocorría cando era de noite. Se algún veciño da aldea nos visitaba entre lusco e fusco e se marchaba entrada xa a noite despois de parolarmos xuntos á calor do lume da lareira, comportábase el así: collía unha acha do lume da lareira e levábaa na man movéndoa alternativamente dun lado para outro. A acha ardente facía as veces de sol pola noite. Dese modo non tropezaba no camiño ata deixar de novo na lareira da súa casa a acha que lle servira de axuda na escuridade.
Ben sabemos da importancia que ten o sol como fonte de luz, de calor e de vida para todo canto existe nesta terra nosa. Os faros do mar (ese pequenos soles nocturnos) para iso están: para orientar os mareantes e advertilos da presenza de calquera perigo para a embarcación. Agora ben, ser luz é ser tamén centro de atracción e de conxunción. Como as bolboretas se amorean de noite arredor da luz, así a Xesús deberiámolo sentir como foco de atracción e centro das nosas vidas. Por iso non lle gustaba a Paulo, na súa carta ós Corintios, que aqueles que recibiran a gran nova de Xesús deixasen logo de considerar Xesús como o seu verdadeiro e único centro ó diciren uns e outros: Eu son de Paulo, eu de Apolo, eu de Cefas, etc..
Un cristián, é dicir, un seguidor e amigo de Cristo, terá que ser sempre, máis alá das comprensibles e inevitábeis diferenzas, un construtor de unidade, de amor e de paz (non de divisións) entre cantos son (e sómolo todos) irmáns seus. Porque Cristo, tal como di Paulo, tampouco está dividido. El é xustamente quen nos uniu a todos consigo e co Pai, na forza e no poder do Espírito Santo, formando entre todos un mesmo corpo, como tantas veces repite Paulo. Por iso lles pide Paulo ós de Corinto que se axeiten todos nun mesmo espírito e nun mesmo pensamento.
A luz atrae, crea unidade e amizade. Así deberon percibir Xesús aqueles catro pescadores da ribeira do mar de Galilea (entre eles o noso Santiago), cando decidiron seguir Xesús, que os chamaba e convidaba a seren pescadores de homes, deixando barca, redes e pai. E iso que o de ser pescador, de mar ou de río, é cousa que para quen practica ese oficio vén sendo case como unha verdadeira vocación. O famoso Frei Martiño Sarmiento, que no século XVIII foi un gran defensor da cultura e da lingua galega desde a súa cela do mosteiro de Madrid (aínda que nacera nas pontevedresas terras de Cerdedo), dicía nunha das súas cartas: Vivindo en Asturias no ano 1721 ofrecéuseme a ocasión de sospeitar para que profesión concreta nacera. Quen me crerá? Sospeitei que nacera para ser pescador de cana. Tanto me gustaba ese exercicio o pouco tempo que me dediquei a el.
Ben. Na tarefa de pescar faise exercicio de esperanza, de paciencia e de ilusión. Iso non deixa de ser fermoso e atractivo. De tódalas maneiras, os novos apóstolos (Pedro, Andrés, Santiago e Xoán) continuarán a practicar agora, unha vez convertidos en pescadores de homes, as mesmas virtudes que dalgún modo xa antes practicaran.
Agora ben, o importante aquí é decatármonos de que é sempre Xesús quen chama e atrae. Coma o sol. Xesús é, en cuanto luz, o que ilumina e abre así o camiño para a nova vida daqueles pescadores que agora van ser reciclados en apóstolos da Boa Nova. A luz é sempre o primeiro: a que abre novas realidades ós que son iluminados por ela. A luz, é dicir, Xesús é quen leva sempre a iniciativa, quen convida e dá azos.
Todos nós (e non só os apóstolos) estamos chamados, convidados, ó seguimento de Xesús, é dicir, a anunciarmos a boa nova do amor de Deus a tódolos fillos seus, irmáns nosos, e a traballarmos para que a irmandade entre as persoas non sexa só unha fermosa idea, unha fermosa utopía, senón realidade e vida concreta onde queira que esteamos.
Deste xeito poderemos ser nós tamén luz nun mundo, o de hoxe, que precisa de persoas que saiban comunicar a grandeza e a alegría que Deus nos trae a todos no seu Fillo Xesús. É o que o papa Francisco nos vén dicir na súa Exhortación A alegría do evanxeo con frases coma estas: Con Xesucristo sempre nace e renace a alegría. Un evanxelizador non debería ter permanentemente cara de funeral e outras frases semellantes. É a mesma alegría da que xa falaba Isaías na primeira Lectura: Multiplicaches o xúbilo, fixeches grande a ledicia. Alegráronse coa túa presenza, como coa alegría da seitura, o mesmo que saltarán de xúbilo ó repartiren o botín.
Sería bo, pois, que seguísemos o consello que dá Paulo na súa carta ós Efesios (5, 8-9): Antes erades tebras, pero agora sodes luz no Señor. Así que andade como fillos da luz (porque a luz é toda bondade, xustiza e verdade).

Cabada Castro, Manuel