Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O botellón (In memoriam Z. Bauman)

viernes, 20 de enero de 2017
Non se estrañen que a min tamén me entraran as ganas de dicir algo acerca do BOTELLÓN: Foron xa tantas as persoas que disertaron acerca del, que sempre adoitan espertar ese espírito crítico que un agocha aló nos recunchos das reservas do espazo interior, onde tamén garda o aprendido dunhas e doutras opinións. Non obstante, unhas veces con acerto e outras con menos, estes fenómenos sociais invitan a utilizar aquelas ideas que tamén quedan aló nos arcanos da nosa xa escasa memoria, aportadas por estudosos especialistas, e que afloran nestes casos: Convén saírse do habitual e cambiar de instrumentos, porque a realidade é moi complexa.

Entre algúns outros, penso que vale a pena acudir, para dicir algo máis dos “botellóns”, a Z. Bauman, o filósofo e sociólogo polaco, que acuñou os conceptos de “sociedade e modernidade líquida”, Premio Príncipe de Asturias, falecido estes días, e á quen desexo dedicarlle un merecido recordo. E tamén, sen dúbida, ao profesor Eladio Chávarri, cuxa biografía omito, por extensa; só dicir que dedicou parte importante da súa vida ao ensino da Lóxica Matemática no Instituto Superior de Filosofía de Valladolid, onde sigue vivindo: estimo aquí de sumo interese a súa obra PERFILES DE NUEVA HUMANIDAD, publicada en Ed. San Esteban, Salamanca, 1.993. Na revista Estudios Filosóficos, da mesma Ed. San Esteban, nº 190, pode lerse un interesantísimo artigo sobre este intelectual, que firma D. Baldomero López Carrera.

Ambos intelectuais coinciden, cando menos, en cualificar ao home actual como un empedernido produtor e consumidor, ao que o Dr. Chávarri denomina HOMBRE PRODUCTOR CONSUMIDOR (HPC). Pero tanto un como outro fan unha análise profunda dos contextos e constituíntes valorativos deste modelo humano, que se non se consideran e incorporan con rigor, penso, modestamente, que intentar comprender e explicar o fenómeno do BOTELLÓN, e menos aínda reconducilo a límites razoables, devén tarefa inútil, por excesivamente superficial e reducionista.

É imposible, non obstante, abordalo aquí en toda a súa complexidade. Intentarei albiscar algunha idea, por se algún lector desexa entrar a fondo na materia; pero ao mesmo tempo quixera insinuar que os problemas sociais non poden ser abordados nunha linguaxe “mitinesca” ou excesivamente coloquial. É mester subsumilos nun contexto amplo, para, sobre todo, evitar os reducionismos ideolóxicos.

En Bauman non se pode prescindir, á hora de facer unha análise do botellón, de que as sociedades que el denomina líquidas carecen de pautas estables, e, por conseguinte, remite a solidez nas mesmas; nelas os individuos séntense esparexidos, e buscan agrupacións, que, evidentemente, son de orientación consumista; pero neste contexto o consumismo apunta a unha certa irracionalidade, que pon atrancos ás decisións frías e densas.

Bauman tamén afirma que a confianza nos líderes políticos está colapsada: A xente non cre no sistema democrático e as institucións entran en crise, abrindo espazos para o caótico; pero isto debilita a seguridade, que rifa co exceso de liberdades, incentivando aos individuos a actuar de maneira egocéntrica, un recurso para corrixir os desamparos que comporta a inseguridade pública e institucional, a perda de referentes doutras formas de vida e, incluso, con paradoxo, as mesmas enchentes de liberdade.

O Dr. Chávarri denuncia a elaboración dun ser humano ideal só con valores, sen ter en conta o ingrediente dos contravalores, porque sempre hai que contar cos valores e cos contravalores, mutuamente relacionados, presentes nos nosos comportamentos: Non somos seres só de valores, senón tamén de contravalores; non somos seres só do ben, senón tamén do mal, ambos co–implicados. Non hai color branco senón por contraste co negro. E isto ocorre en todas as vertentes ou dimensións do home: na bio–psíquica, na cognitiva, na económica, na ética, na relixiosa, na política, etc. E cando tomamos contacto cunha realidade do noso entorno podemos adquirir diversas experiencias en cada vertente.

Aquí o Dr. López Carrera pon o exemplo dunha mazá, que ten valoracións distintas en cada vertente, porque pode ser valiosa ou “disvaliosa” para alimentarnos (vertente bio–psíquica); podemos darlle un valor ou contravalor nunha análise química (vertente do coñecemento científico); pode ser obxecto dunha valoración económica, ou carecer dela; pode atribuírselle un valor ético, segundo se regale ou se roube; pode ter un valor relixioso, como símbolo de tentación ou caída en paraísos relixiosos (lembremos a Adán e Eva no Paraíso); etc.

Acaso pensan vostedes que unha análise do BOTELLÓN non esixe un recorrido documentado
por estas vertentes ou dimensións do home?. Fagamos a proba, atribuíndolle bondades e maldades, unha relación valorativa, como nos diría o Dr. Chávarri, que co–implique, valores e contravalores; pero sempre sen saírnos da recalcitrante MODALIZACIÓN CONSUMIDORA, na que estamos inmersos. Podemos adoptar a vertente bio–psíquica e valorar positivamente as reunións ao ar como saudables, física e psiquicamente, en espazos arbitrarios, e, negativamente, en canto poden fomentar a drogo–dependenza ou a transmisión de enfermidades; positivamente, como ocasión de ensaiar e evidenciar, colateralmente, unha exemplar educación cívica, evitando molestias aos cidadáns, ou, negativamente, en canto se xeran perturbacións urbanas; positivamente, como instrumento social de participación dos saberes doutras persoas e do contraste de opinións, mais tamén, negativamente, como redutor do tempo necesario para cubrir ineludibles esixencias de preparación académica; etc., etc.

Nas circunstancias actuais, e tendo en conta o dito, ¿que paso sería o primeiro a dar para abordar o problema do BOTELLÓN?. Modestamente, penso que non se están buscando nin ofrecendo as solucións adecuadas, porque a raíz do problema está nesa “modelización consumidora” que preside a forma de vida que adoptamos hoxe en día nun modelo humano no que todo se organiza medido polo diñeiro e no que os mesmos mecanismos sociais que serven para crear riqueza tamén serven para impedir a distribución xusta da mesma, o que produce estrañas reaccións a bestial arrogancia dos afortunados en diñeiro e ignorancia.

O Dr. López Carrera ofrécenos as diversas denominacións das sociedades nas que emerxen todos eses modos de vida: “sociedades modernas”, “desenroladas”, “capitalistas”, “sociedades tecnocientíficas•”, “sociedades fluídas” (Bauman), “sociedades industriais”, “posindustriais”, “individualistas”, “democráticas”, etc. Todas connotadas con diversos aspectos do consumismo, con predominio da dimensión valorativa económica, que engloba a creación, comercialización e consumo de mercancías.

Pois ben; ancorado o BOTELLÓN neste contexto, no que aparecen debilitadas outras formas de vida nas que priman outras valoracións, deberíamos considerar ata onde este fenómeno social pode ser unha expresión dese sentimento de seres inacabados que van adquirindo consistencia nas súas diversas entidades persoais, que nos embarga, acentuado pola inestabilidade e fluidez social, que tamén nos arrebata referencias de esperanza e confianza. É dicir, nun contexto social no que carecemos de seguridades e sentimos a nosa propia fraxilidade ontolóxica (por moito que a ocultemos), que nos conduce irremisiblemente á auto–conciencia dunha solapada SOIDADE, porque a espesura que nos proporciona esta forma de vida, no fondo, non chega para cubrir e consolidar as nosas aspiracións máis profundas (non sempre concienciadas), como ocos a reencher. E valoren ata onde esa “soidade ontolóxica” merece especial atención como catalizadora dos agrupamentos de estilo “botellón”.

Non esquecemos que se o “home produtor–consumidor” contempla todo o ámbito do ser baixo a razón da EXPLOTACIÓN, que brota dos valores bio–psíquicos e económicos, entón os seres son primordialmente enfocados baixo as relacións de uso, consumo e cambio, é dicir, como meras cousas, cuxas relacións con eles son de posesión e dominio, que arrastran a un frecuente desorde agresivo, propiciando no seo desas ansiadas agrupacións paliativas da soidade, incluso, ás veces, orixinais e moi estrañas accións delituosas, que producen, ao mesmo tempo, un forte rexeitamento social.

A análise do “botellón” non debería, pois, quedar na superficie, no fenoménico, nas aparencias. Si..., hai que partir do que se ve, do remuíño das paixóns, das arroutadas, do que se bebe, do que se di, dos comportamentos; pero non renunciar as preguntas que todo isto suscita, porque hai outros niveis que sustentan e desencadean as meras manifestacións que teñen a condición de decisivos, xa que o que se experimenta como exteriorizado responde a algunha razón de fondo, e, silenciándoa ou ignorándoa, perdemos o importante imbricado causativo dos elementos constitutivos do fenómeno a analizar.

Tomemos ademais a relación do HPC baixo a razón da explotación, por exemplo, e pensemos que a experiencia básica da explotación, como escribe Chávarri, “constitúe os entes en seres para outro”. Pero...quen é ese outro?. Todos nosoutros, todos os que compartimos esa forma de vida, os mesmos que enchemos de escusas e xustificacións os nosos modais, a veces incluso os violentos. Polo tanto, aínda temos que seguir preguntándonos como é posible que o mesmo explotado pertenza a sociedade dos explotadores. Sinxelo: é posible porque eles (nosoutros) tamén contribuímos a fortalecer os valores bio–psíquicos e económicos e a debilitar os sociais, os éticos, os relixiosos..., seguramente desacreditados no seu momento histórico de predominio polo excesivo reducionismo. Por iso, agora, viste ben esta forma de vida que todos criticamos cunha hipócrita mordacidade, ao mesmo tempo que nos apresuramos a sacarlle zume, sen reparar moito nos medios e ignorando as consecuencias.

Pero..., amigos lectores, perdoen, porque se o 40% dos españois non len, ni lles interesa a cultura, e isto non preocupa aos políticos, o “botellón” ben se explica sen necesidade desta empachosa análise. Ah..., claro!. Queda sen explicar a causa catalizadora de tales actitudes!. Non renunciemos, pois, a proposta analítica.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES