Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Casan ou non casan humor e relixión? (VII)

jueves, 19 de enero de 2017
Quedamos o xoves pasado tratando de atopar relación entre os conceptos de humor e fe cristiá. E seguimos, se queres vir comigo.

O bo humor e a alegría que o acompaña asócianse coa felicidade, pero cabe preguntar, qué é o que verdadeiramente nos fai felices?. Entendemos que, por riba dos cartos e das cousas, a fonte meirande da felicidade, e polo mesmo da alegría, está en sabernos apreciados, valorados, queridos. En sabernos amados.

Entroncando coa fe cristiá non é temerario pensar que é fonte de alegría e felicidade a fe nun Deus que nos valora tanto que chega a facerse un de nós e a dar a vida por amor a nós. Non será fonte de felicidade saber que, aínda que non haxa ninguén que nos queira arredor de nós, hai un Deus que non pode deixar de querernos, porque a súa mesma esencia é o amor? E iso aínda que sexamos uns pobres desgraciados.

Hoxe fálase moito de autoestima como columna vertebral da personalidade, e sábese que no fondo de tódalas depresións, enfermidade cada día máis de actualidade, hai unha seria carencia de autoestima que pode levar a querer deixar o mundo por sentirse un inútil e incapaz de competir nesta feira de disfraces. Non será unha base pra a estima dun mesmo e un estímulo pra tratar de manter ou recuperar o bo humor saber que Deus nos estima tanto coma ese pai que non retén contra a súa vontade ó fillo que quere irse, pero que agarda cada día que retorne á casa, ó lar, na que o espera o lume aceso pra quentarse e a festa por recuperalo?

E fronte a esa carreira desenfreada de competitividades agresivas que deixa tras de si o ronsel da permanente frustración e o camiño lastrado de despoxos, estará moi fóra de lugar o consello poético de Xesús de botar unha ollada ós paxaros e ás flores silvestres que non precisan tanto pra pasar a vida cantando nin pra vestir con galanura?

Sospeito que máis dun estará pensando: Xa saíu o predicador! Comeza falándonos de humor e acaba ceibándonos unha homilía! Non digo que non, debido a unha xa longa ¿deformación profesional? á hora de poñerme diante dun público ó que sinto como amigos, aínda que non vos vexa e só vos imaxine fronte á pantalla do ordenador e tamén aínda que non coincidamos en todo na maneira de pensar.

Pero, volvendo por uns momentos a retomar o capítulo das patacas desta tortilla, -o humor-, que nos serve de entronque, entendo que, varias das calidades que se lle atribúen cadran moi acordes con actitudes básicas que debe ter o crente cristián adulto:

I.- “O humorismo conxunta o ledo co triste”, dixo Fernández Flórez. A fe axuda a tecer o máis ledo que é a vida co máis triste que é a morte. E así dá sentido ó vivir e ó morrer.

II.- Fronte a Basilio de Cesarea ou ó amargado frade de “El nombre de la rosa”, temos por exemplo a un Santo Tomás Moro, que antes de morrer decapitado por orde de Enrique VIII, escribiu cun humor moi británico unha preciosa oración impetrando a alegría, ou ó converso Chesterton, teólogo por veces e xovial sempre, que afirmaba que a alegría, (e permítome engadir que tamén os seus fillos: o sorriso e a risa) son o gran segredo do cristián. Entre moitos outros profundos crentes, anónimos ou de gran renome, non lles faltou humor a Santa Tareixa, a San Paquiño de Asís, a San Xoán Bosco nin, por suposto, a San Xoán XXIII. Xa é proverbial o dito de que “Un santo triste é un triste santo”. Pero hai moitos tristes que se cren máis santos polo simple feito de deambular con cara de poucos amigos e a vista perdida por riba do común dos mortais.

III.- Freud dixo: “O humor implica o triunfo do EGO e é un medio de afirmarse”. Xesús díxonos que no amor ós demais coñecerase que somos seus discípulos, pero xa de antes estaba dito: “Amarás ó próximo como A TI MESMO”. Inistíusenos tanto en aborrecernos a nós mesmos que esquecemos a metade do mandamento, pero malamente se pode amar dende o propio desprezo, porque, se me desprezo a min, que podo ofrecer ou dar de min ou como me podo doar? E non serve tamén como afianzamento do EGO recoñecer o moito que me ama o OUTRO, o transcendente e que El é o espello máis fiable no que podo mirarme, xa que fun feito á súa imaxe? Iso non é soberbia? Que vai ser, se estou feito do que me deron, do recibido! Por suposto que iso non está en contradición con rirse da propia sombra, xa que é un bo exercicio de humildade; porque, dependendo do lado do que nos dea o sol, a propia sombra pode aparentarnos moi estirados ou demasiado achaparrados.

IV.- Afírmanse as virtudes saudables e curativas do humor e da risa. Querendo Deus o noso ben e sendo bens pra nós o humor, a risa, e a alegría, é doado concluír que non agradamos máis a Deus na dor evitable ca no gozo saudable que aporta ánimo e ilusión. Recoñecemos que Deus está moi preto dos que sofren, pero sen negar que tampouco anda lonxe dos que gozan, xa que, se foi visitar ós entangarañados da piscina de Siloé, tamén foi ó banquete das vodas de Caná.

V.- “O humor non induce á superficialidade, senón que estimula o sentido crítico”. Dixemos. E os seguidores de Xesús non poderemos renunciar a ese sentido, porque El tamén foi crítico, e moito. Non mero criticón. Temos que vivir en actitude de permanente confrontación dos valores humanos e humanizantes con aqueles que se nos venden de rebaixa ou de saldo ou se nos regalan como mostra gratuíta, pero que poden levar á degradación individual e social.

VI.- Dixemos tamén que o humor auténtico, aínda sendo crítico, debe estar lonxe do encarnizamento e debe estar revestido de misericordia e de tenrura. Se é así, non pode casar cos dogmatismos intransixentes e excomungantes. Haberá que ser respectuosos cos dogmas, si; pero estou seguro de que no humus do bo humor e no da misericordia caritativa non poden medrar talibáns dogmáticos nin fanáticos inquisidores de ningún signo. Estou seguro de que cunhas pizquiñas de santo humor non habería lugar a inquisicións en nome de Deus en ningunha época nin en ningún lugar. Nin antes, nin agora.

VII.- Escoitamos tamén a Gómez de la Serna: “O humor é a actitude máis certa ante o efémero da vida”. No fondo do cristianismo está tamén a relativización desta vida, xa que partimos da convicción de que somos peregrinos de paso cara unha meta de meirande plenitude.

VIII.- Afirmamos que:“A actitude fronte á vida que brota do humor chega a botar un manto de tenrura e de esperanza sobre a mesma morte”. Témo-la convicción de que o misterio fundamental da nosa fe é a resurrección, que abre unha fiestra á esperanza na negrura da morte e neste val, non sempre de bágoas, pero moitas veces si, e a maior parte delas pola nosa culpa.

Dise que a alegría e o humor é o gran río que atravesa toda a Biblia regándoa de frescor; pero centrándonos brevemente nos Evanxeos, vemos que a Boa Nova encétase coas palabras: “Alégrate chea de gracia”. A proximidade de Xesús, mesmo fixo saltar de gozo a Xoán Bautista no ventre de Santa Sabela. Díxoselles ós pastores “Anúnciásevos un grande gozo, unha grande alegría”. Os Magos saíron do encontro con Xesús cheos de gozo. Xesús preséntase na sinagoga de Nazaré como o que trae a gozosa noticia do Reino de Deus que chega con El, e en Caná como o viño novo da festa. Pero quizais o máis novidoso e sorprendente é que ás mesmas portas da paixón, na Última Cea, na despedida, insístelles ós seus amigos en que estean alegres e deséxalles que o seu gozo chegue á plenitude.

Tódolos encontros de persoas de boa vontade con Xesús deixáronlles o gratificante pouso do gozo.

Sería ben curioso facer un estudo do sentido do humor de Xesús manifestado nos ditos que os evanxeos poñen na súa boca. Non vos parece que non lles falta retranca a aquelas respostas ós raposeiros: “Pois… dádelle ó César o que é do César e a Deus o que é de Deus”, ou: “Que vaia, logo, tirando a primeira pedra quen estea libre de culpa”.

Algo máis queda aínda por dicir sobre esta cuestión pero pra hoxe, xa vai indo ben, non si? Pois ata a próxima se Dios quere.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES