Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Velaí a cuestión

jueves, 19 de enero de 2017
Con case trinta títulos ao fardelo, a andaina de Santiago Jaureguizar preséntase como unha das máis constantes e frutíferas das letras galegas Velaí a cuestióndos últimos anos. Autor de novela curta e longa e mais de textos infantoxuvenís, ten feito tamén incursións no teatro, o guión, o ensaio e mesmo a tradución, aínda que a súa vocación máis fidel siga sendo a prosa de creación, alén da escrita xornalística, á que se dedica profesionalmente nas páxinas de El Progreso dende hai lustros.

Volve agora Jaureguizar á actualidade literaria mercé á aparición de Placebo, novela publicada por Xerais na que este bilbo-ribadense avanza polos eidos da narrativa de tinturas psicolóxicas e envoltorio mistérico.

A proposta de Placebo é suxestiva: un tal Roi, sobrevive a un accidente terrible e, como consecuencia do mesmo, sofre unha amnesia que lle impide lembrar a súa vida anterior. Este feito vai reconfigurar toda a súa existencia a partir dese momento, pois a relación amorosa coa súa muller e mesmo cunha súa amante, alén de cos coñecidos, pasará por un proceso de reconstrución complexo e vagaroso.

A novela resulta, así pois, un enganoso xogo de espellos, onde nada é o que parece e as luces e sombras de cada personaxe van ir asomando aos poucos.

Edificada sobre as bases do indagatorio, o amor e a identidade son os dous polos arredor dos cales xira Placebo. E aquí as preguntas abrollan incesantes: realmente, ¿é posible facer tabula rasa co que fomos e recomenzar a andaina?, ¿pódeo todo o amor?, ¿a ambición e o engano son forzas imparables?, ¿a posición, o benestar económico, xustifican o que sexa?

Lendo Placebo acode á mente moita outra literatura e cinematografía paralela, dende o Amphitruo de Plauto ata o Regarding Henry de Mike Nichols, pasando por todos os homes duplicados, sosias e doppelgänger que un poida imaxinar. Mais o que fai diferente o relato de Jaureguizar é a incardinación desa tradición na paisaxe mariñá e a articulación duns personaxes tan nosos co mundo parisiense que tamén ten un peso específico na trama.

Descóbrese nestas páxinas un atento traballo na transición e xogo de Velaí a cuestiónmúltiples voces e perspectivas do relato, así como un especial coidado en ir deixando pedras polegariñas polo camiño para que o lector non se perda e sexa quen de ir encaixando por si mesmo todas as pezas da historia, inclusive a través dos tuits do protagonista, que funcionan a modo de sentenzas oraculares que, lidas con atención, ofrecen importantes pistas coas que desvelar o suspense destas planas.

Neste sentido, a reiteración de mensaxes e aseveracións como “O amor afastaranos de novo”, “Temos todo o tempo do mundo” ou “As piscinas están cheas de líquido amniótico. Nadamos nela para mergullarnos no ventre materno” non só constitúen transcendentes reflexións a propósito do que a novela propón, senón que, por enteiro ou abreviadas, poderían ter sido acaídos títulos alternativos para a mesma.

En determinadas circunstancias, ¿o amor pode ser un efectivo placebo, “unha medicina inocua que te cura porque te obrigas a crer que pode facelo”?, ¿acaso importa máis a verdade que a felicidade? O pasado, os remorsos, ¿determínannos ata o punto de condicionar inexorablemente o noso presente e o noso futuro? Velaí as substantivas cuestións que abre Placebo, novela de Santiago Jaureguizar que conta cunha impactante cuberta de Matalobos e unha cita cabezaleira do Ricardo III de Shakespeare, absolutamente definitiva: “Coñecemos as nosas caras, pero non os nosos corazóns”. Ser ou parecer, o visible ou invisible, o individuo social ou o íntimo persoal. Velaí a cuestión.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES