Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Imitando a Fred Astaire e Ginger Rogers

viernes, 20 de enero de 2017
Testemuñas da Memoria:
Imitando a Fred Astaire e Ginger Rogers

Xa o dicía Rubén Blades naquela marabillosa canción titulada “Pedro Navaja”: “la vida te da sorpresas, sorpresas te da la vida, ay, Dios!”. E tanto. Cando coñecín a Genibel Gutiérrez, aquela rapaza que levaba ós adestramentos de baloncesto ó seu fillo, toda coitadiña e calada, non me imaxinaba que, anos máis tarde, me lembraría o verso do cantante panameño. Porque non só na cancha do patio do colexio Filomena Dato Imitando a Fred Astaire e Ginger Rogersme parecía unha moza reservada, senón que incluso véndoa na biblioteca máis tarde me daba aquela imaxe que, actualmente, me sorprende.

Foi, unha vez máis, a rede social do feisbuq quen me descubriu a auténtica vocación de Genibel Gutiérrez. Neste punto xa a coñecía algo máis, tanto a ela como ó seu home Raúl Rodríguez Pereira, porque o seu rapaz pasou do Barbadás ó ABO, como lle pasou ós meus a causa da desaparición das categoría de base daquel club. E as esperas nos adestramentos máis os seguimentos dos partidos, quéirase que non, unían pouco a pouco unha amizade que empezaba, sen nos esquecer do “coleguismo” laboral: funcionarios. Que isto ata moito. A ver!, cando nos atacan tanto, intentamos facer piña, cubrirnos as costas.

Aínda así seguía imaxinando a ese matrimonio dentro da normalidade de calquera matrimonio de clase media, é dicir, ela de funcionaria e el cun traballo laboral normal, do montón e, iso si, coma min e coma moitos, de marionetas cos rapaces dun lado para o outro. Foi no feisbuq onde o verso de Rubén Blades empezou a asomar por medio das fotos que subían, que colgaban nesa rede social: os dous bailando.

Pois vaia novidade, vaia sorpresa que dá a vida! O normal é que a todos os mozos lles guste o baile. Claro que é normal. Pero as fotos non amosaban discotecas destas roqueiras nin concertos de xente desguedellada. As fotos dábanme a impresión de que eran bailes “de salón”. En cada unha que colgaban notaba máis e máis que se dedicaban a outros bailes que se saen un chisco desas idades. Craso erro o meu. Teño a imaxe de que os bailes de salón son para xente máis, chamémoslle, maior. A idade de Geni e Raúl non xunguía aí. Repito: erro meu.

Vaia se xungue. Agora sei que non son os únicos. Agora sei que esta parella anda de salón en salón imitando a Fred Astaire e Ginger Rogers. E están intentando probar todas as categorías ou modalidades dos bailes afrolatinos, desde a salsa ata a bachata e pasando polo kizomba. Tampouco andan con mixiricadas ante o merengue e o chachachá, nin lle poñen mala cara ó semba e ó zouk. Segundo confesión propia, ó que mellor lle dan é ó kizomba, un ritmo orixinario de Angola.

O Fred Astaire e a Ginger Rogers ourensáns colleron tan a peito esta afección bailadeira que xa case se esquecen por completo dos partidos de baloncesto do seu fillo. Porque mentres este xoga, os condenados, estanlle dando ó esqueleto (pero, iso si, coa elegancia deses ritmos) por esas pistas de baile espalladas por toda a xeografía galega. Porque pouco a pouco empezan a participar en concursos e en esparexer esa forma de vida que, me parece ben, vai máis alá da dun matrimonio sedentario. Para un servidor, sorpresa agradable e confianza no bo facer e na imitación de Fred Astaire e Ginger Rogers, aquela parella cinematográfica realmente espectacular. Como Geni Gutiérrez e Raúl Rodríguez.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES