Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'Doce Ducias' de poemas de Mero Iglesias

lunes, 16 de enero de 2017
Intransferíbeis poemas do poemario: “Doce ducias”, de recente publicación de Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero, que ben merecen unha lectura pola proximidade humana e pola descuberta e evocación á Terra, 'Doce Ducias' de poemas de Mero Iglesiassentida e percorrida por este autor, que en tódalas súas camiñadas procura chegar ao celme de cada particularidade da nación galega. Peregrinar por cada terrón da patria, cantada e poetizada por Mero, é un acto de non sucumbir nin tolerar que nos sigan atrapallando e confundindo. Estamos, pois, ante un libro de plenitudes, no que podemos procurar e rebuscar nas incidencias mais particulares por onde o poeta afonda nunha serie de diversidades temáticas, tan íntimas e tan nosas que non admiten a renuncia do lector a tan apaixonantes poemas.

Mero, alén de persoeiro popular, é dunha personalidade fecunda no universo da música e das letras galegas. Ben coñecido e admirado desde o seu compromiso co canto de protesta e liberdade que el postulou na creación de “Fuxan os Ventos” e, mais tarde, como cofundador de ”A Quenlla” e como agraciado compositor, músico e cantor. Toda unha dilatada vida virada cara ordenar e facer país. Longa biografía ten o noso autor nestes mesteres e mestrías. Avaliar a estas alturas a súa ampla obra sería unha inxenuidade por miña parte, polo recoñecemento e consistencia que el ten. En todo caso, é preciso non esquecer a pericia creativa que vén levando desde a súa adolescencia, creando un discurso moi singular e que non se dispersa dese alegato central, por el trazado, que é Galiza e a irmandade de tódalas Galizas posíbeis. No amplo espazo sideral, da súa creación poética e musical, podemos ver a relucente estrela que personifica o fulgor de Mero Iglesias.

Estamos ante un poemario de temática diversa e de rexistros existenciais e patrióticos, ocupando un espazo dimensional onde os nomes dos amigos e das cousas teñen preponderancia para persistir e durar. Estamos falando dun memorando poético construído con toda a sabia da nosa Terra, coa que Mero abastécenos de íntimas e extremas suxerencias. Lembranzas, historias, denuncias, persuasións e restitucións memoriais son o tecido mais sensíbel do libro. Sen esquecer o calor do cántico en sol maior. Poemas feitos á medida do que se esixe para ser cantados. Destaquemos, tamén, os versos abreviados que protexen a avidez lírica e rítmica, á que nos ten acostumados este autor. Así resplandecen estes versos, que só demandan a precisión musical, na que Mero teima:

“Por iso debe lucir
a súa cor como un emblema
e sobre o branco e o azul
a cor do sangue, vermella,
para lembrar como sangra
na irrenunciable promesa
que agardamos horizontes
ese porvir que non chega:

Donos do noso e de nós,
do ceo, do mar e da terra.
Sobre do branco e azul,
...cores da nosa bandeira”.

Neste albor patriótico podemos reencontrar a Mero Iglesias nos seus poemas sinxelos e sensíbeis que aspiran a ser cantados por bocas irredutíbeis. Neste poemario prevalece a palabra íntima dun poeta pletórico que endexamais esmorece no seu amor pola terra nativa. Un libro dos que precisa esta Galiza pregada de orfandades e de excesivos silencios.

Un libro que leva as marcas da Terra Cha, terra pródiga en poetas que transcenden do celme mais puro que esta nosa Terra nos deu desde a chaira luguesa. Felizmente, Mero forma parte desta Santa Compaña de poetas chairegos. Ademais, este libro conforma tódolos achegos e recendos de Vilalba, capital da Terra Cha, dado que foi publicado pola Biblioteca Chairega do Instituto de Estudos Chairegos. Prologado polo insigne e erudito vilalbés, Xulio Xiz Ramil. Unha “Meropoética (A xeito de limiar)”, na que nos esclarece moitos puntos de encontro no que respecta aos achegos musicais, rítmicos e sincopados. Xulio Xiz reivindica para Mero, o seguinte: “Para os chairegos, riman musicalmente no corazón e fan que este latexe de xeito ledamente sincopado. Teñen, pois, ritmo antes que rima; pero tamén rima poderosa. Teñen música incorporada, como os nosos ventos de terras abertas, como o fungar dos pinos, o gurgullar dos mananciais... coma o universo físico que nos envolve nos eidos largacíos que conforman a Terra Cha”. Substanciosas encomendas de Xulio Xiz, para non esquecer as incontinencias iniciáticas que nos ofrece Mero en “Doce ducias”.

As sinais de identidade vilalbesa complétanse coa presenza da ilustradora, María Guerrero Rico. Esta pintora e ilustradora aporta algo fundamental aos pilares deste poemario. Unha aportación que dignifica esa fidelidade intertextual na que a imaxe contextualiza o rigor do texto. Neste compendio, esa serie de elementos figurativos resplandecen no poema, dando destaque aos matices que só eles puntualizan ou sentencian o impacto que sentiu María Guerrero fronte ao destaque dos versos. Estamos ante unha pintora que sabe ordenar os trazos e administrar os espazos onde cada elemento figurativo está ordenado para emitir as mensaxes mais cálidas dos versos, nas que teñen ese respiro de liberdade. María Guerrero Rico controla ese caudal de secuencias que marcan a fluidez con que ela administra elementos suxerintes que potencian unha orde creativa de precisión. Dicían os pintores do Renacemento italiano -tan recluídos no pensamento grego- que non había pintor se este non partía do debuxo. Os rostros, as xesticulacións, os movementos, as insinuacións e matices de cada un deses elementos antropomorfos, que María Guerrero configura neste libro, parten dese dominio que ela ten do debuxo e, tamén, da observación múltiple e nada descontinua do que recicla mentalmente. Por tanto, estamos ante unha artista e ilustradora que perfila con mestría o que se emite do verso. Poemas e ilustracións, conxuntados, son para admirar, persistir e durar.
García, Xosé Lois
García, Xosé Lois


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES