Ánxel Fole contaba sempre que un dos libros que máis lle prestaría escribir era un que se había titular Censo de boa xente. Nel iría

dedicando capítulos a todas aquelas persoas coas que cruzara ou das que soubera que compartían a singular calidade da bonhomía. Desafortunadamente, o mestre lugués nunca chegou a publicar aquela obra coa que tanto soñara, pero estou seguro de que tería sido un texto do máis singular.
O mesmo espírito animou no seu día a Ramón Otero Pedrayo, quen deu á luz en 1953 as delicadas prosas de O libro dos amigos, coñecido volume de retratos literarios no que rememorou un feixe de persoeiros por el benqueridos que daquela xa desapareceran.
En idéntica liña se sitúan as páxinas de A palabra compartida, poemario de Arcadio López-Casanova que conta cun subtítulo acaído e revelador: Retratos e homenaxes (1963-2013).
O libro, publicado por Espiral Maior nunha coidada edición que leva un deseño de cuberta de Fátima Valente, filla do xenial poeta ourensán, é unha sorte de vitral amigable no que comparece a loa e rememoración tanto de voces clásicas devocionadas por López-Casanova coma de compañeiros de oficio estritamente coetáneos e, tamén si, merecedores da súa máxima consideración. Por tanto, nestes poemas, como o autor aclara no limiar, o peso do elexíaco, do cordial e do admirativo é decisivo, amosando a un tempo a voz do eu íntimo e do eu social.
As composicións recollidas en A palabra compartida naceron a partir de ben diversas circunstancias. Algunhas xurdiron a propósito da conmemoración de efemérides ou homenaxes. Outras víronse propiciadas pola desaparición de amigos benamados e as máis delas permanecían inéditas e vén agora luz por vez primeira. En todos os casos os textos foron revisados, revividos e fixados como definitivos para esta planas, por máis que, como digo, algúns figurasen xa en anteriores publicacións.
Entre o cabezaleiro destes poemas metaliterarios dedicado a Rosalía por mor do primeiro centenario da

aparición de Cantares gallegos en 1963 ata os derradeiros escritos hai apenas uns anos e xa consagrados a compañeiros da súa e de posteriores xeracións, median máis dunha vintena de textos centrados nalgunhas das voces máis senlleiras das nosas letras. Así, aos poemas sobre a matriarca Rosalía seguen os versos en homenaxe a Curros, Castelao, Otero Pedrayo, Cabanillas, Pimentel, Cunqueiro, Iglesia Alvariño, Fernández del Riego, Celso Emilio, Díaz Castro, Seoane, Novoneyra, Avilés de Taramancos, Méndez Ferrín ou Darío Xohán Cabana, entre outros, o que dá idea do relevo e alcance dos territorios autoriais poetizados.
Enmarcando todas estas composicións dispón López-Casanova unha Epístola censoria inicial e un Pranto coral como cauda, textos que contribúen a transmitir a sensación de conxunto orquestrado, ben trabado na súa esencial converxencia, superadora da obvia dispersión das orixes.
O dominio na labra do verso, a abraiante capacidade do poeta para se imbuír do modo lírico dos autores cos que dialoga, o finísimo bosquexo de atmosferas e referencias simbólicas, a mestría nas formas e fórmulas así como o escolleito das verbas coas que orna o beiril de cada sintagma fan deste A palabra compartida un compendio de grande altura estética, así como un testemuño de fidelidades entusiastas e querenzas lectoras, que supón tamén un canon indirecto de voces referenciais.
Moito presta ler os poemas deste novo libro dos amigos, censo de boa e extraordinaria xente. Quen cruce polas súas páxinas descubrirá pronto a brasa palpitante do selo López-Casanova e comprendera, parafraseándoo, que o seu fuso deitou un fío dourado do Tempo pasado e na flor do verso teceu unha cantiga de amor, de amizade e de mestría.