China fixase en Galicia para reformar as súas autonomías
Ríos, Xulio - miércoles, 07 de marzo de 2007
O xigante asiático, a gran potencia emerxente do século XXI, fixase no caso galego para reformar o seu modelo autonómico. En China habitan un total de 55 nacionalidades minoritarias, que representan o 92 por cento da súa multitudinaria poboación. O goberno chinés, que dende 1949 postula a autonomía como fórmula de autogoberno para estes 104 millóns de persoas, promove a elaboración de códigos legais que establezan un marco de relacións estables co poder central e delimiten os respectivos ámbitos competenciais.
Nos últimos anos, dende 2004, a colaboración entre o IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) e a Academia de Ciencias Sociais de China, permitiu que os maiores especialistas deste país en temas autonómicos visitasen diferentes autonomías españolas para afondar no seu coñecemento da nosa realidade plurinacional, traducindo ao chinés diferentes Estatutos de Autonomía e outros textos, a fin de calibrar a idoneidade da experiencia española. Despois de visitar Catalunya, Madrid, País Vasco e Galicia, a Academia decantouse por esta última como experiencia piloto para centrar os seus estudos e propor reformas políticas modernizadoras á Asemblea Popular Nacional e ás autoridades chinesas.
En consecuencia, o 14 de febreiro, en Beijing, Hao Shiyuan, director do Instituto de Estudos das Nacionalidades na Academia de Ciencias Sociais e Xulio Ríos, director do IGADI, asinaron un acordo de colaboración que contempla un programa a catro anos para o intercambio de experiencias en autogoberno, e inclúe a realización de intercambios políticos e académicos e outras iniciativas (seminarios bilaterais, elaboración de publicacións, estudos, informes e artigos) para afondar no coñecemento mutuo da experiencia autonómica e fomentar o autogoberno como mecanismo de mellora da xestión dos asuntos públicos, impulsando tanto a reflexión como a innovación transformadora.
A elección de Galicia viuse facilitada pola traxectoria de estudo da transición chinesa no IGADI, entidade que actualmente, co apoio de Casa Ásia, dirixe o Observatorio español da Política Chinesa, e coordina a Rede Iberoamericana de Sinoloxía.

Ríos, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora