Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Agasallo

miércoles, 11 de enero de 2017
Non teño fumeira, polo tanto, non hei que pagar impostos ao Alcalde, dono da alcaldía do pobo da Berenguela do Manuel, pois non uso do servizo de subida de fumes. Tampouco por ela baixan Papá Noel ou Santa Claus a deixar agasallos.

Dun Che Lao Ren (o home vello do nadal chinés), Ded Moroz e Snegúrochka - avó da neve ruso coa súa sobriña a doncela da neve, ou a Bruxa Befana italiana, fican algo lonxe e, por suposto, non saben de min. Os Reis Magos de Oriente coñécenme de vello, pero ignóranme dende que saben que son republicana, e diso xa vai moito tempo.

Fican máis preto o Tió de Nadal, en Cataluña e Aragón, o Olentzero do País Vasco e outras moitas personaxes máxicas, algunha tan próxima coma o noso Apalpador, tan esquecido. Tanto, que aparece subliñado de vermello, como nun procesador de textos, entre os eventos culturais da maioría das nosas comarcas galegas.

Só trae castañas, daquelas curadas nos caínzos durante o outono e que supoñían o sustento para moita parte do ano. Non agasalla con xogos tecnolóxicos, móbiles de última xeración, nin bechiños robóticos... Só é o derradeiro romántico. El dá ben comigo, acáeme como ente máxico no que crer aos meus xa moitos anos.

Desta volta, ao entrar pola porta do cuarto e apalparme a barriga, acordei. A pesar da súa maxia, non se decatou - tantos anos de actriz de teatro tiñan que servir para algo- e escoitei como falaba consigo mesmo "hum... está baleira, chea de tristura... mala cousa!" . Deixoume, a carón dunha presa de castañas, unha mensaxe que rezaba así:

"Para comezar, non me corrixas as faltas, que es moi dada a iso. En segundo termo, fai o favor de quitar esa venda dos ollos que fai que non vexas a realidade e que só a imaxines tinguida de gris cinsa. Se viras como eu vexo neste intre a cantidade de mans que tes estendidas cara a ti, miña nena! Que envexa! (san, iso si). E, para rematar, non esquezas erguerte ben estricada e segue a comerte o mundo, que non engorda! Faime caso. Unha forte aperta e até o ano!
Este foi o meu fermoso agasallo! Grazas, APALPADOR (as/es)!!!
Lamas, María Xosé
Lamas, María Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES