Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Carme a da Ponte

miércoles, 07 de marzo de 2007
No Dia adicado á muller traballadora, 8 de marzo de 2007.

Gostaba contemplala mentras se aseaba polas mañás. Facía unha longa trenza co seu cabelo branquexado no que aínda ficaban algúns restos de frebas negras entre as canas. Con muito coidado mollaba o peite na palangana e pasábao con precisión polos cabelos. Logo íao entranzando ate chegar a un ponto en que se detiña. A trenza xa ía máis fina. Pegaba nunha fita de tela escura e misturábaa cos cabelos entrenzándoos con ela. No fin da coleta, ficaba a fita. Agarrábaa con maus expertas, dáballe unhas voltas e facía un moño na parte baixa da cabeza. O conxunto era dun aspecto de extrema pulcritude. Virábase coa súa cara sen edade, marcada polos soles e as xiadas, en que non sobraba nada de graxa. Os osos da cara ficaban ben marcados na sua expresión amable e segura. As veces traballaba na nosa casa. No cuarto que ocupaba había un moble deses que teñen espello e palangana. Coido que ficara da miña avoa Clorinda.

Baixaba á Ponte da súa man con muita frecuencia. Desde a Porta de Santiago apañábamos a vella calzada romana. Na metade da calzada obrigábaa a parar para beber na fonte que deitaba onde a calzada fai unha pequena curva, e a súa pendente cede facéndose algo máis suave. Hoxe non hai fonte ahí.

Ía á Ponte, especialmente, no San Lázaro que, en Lugo, marca o inicio das múltiples festas populares do verao. Na calzada era frecuente ver pobres de pedir, que mostraban as súas desgrazas ós romeiros para favorecer as dádivas das esmolas. Pernas, brazos, cotos, feridas, etc... producíanme fonda impresión.

Na época de inicio do verán, a calzada retumbaba co barullo das máquinas malladoras que se espallaban polas vizosas terras da Cheda.

Eu ía da man da Carme. Ela non gostaba de que eu bebese auga. Segundo a súa opinión a auga non mantiña e criaba rás no estómago. Máis sempre gostei de beber nas fontes todas que encontraba no meu camiño. Con Carme percorrín moitas das fontes que había en Lugo. Levávame ás augas férreas, porque eran augas medicinais. Coidaba que eu “non me criaba” porque era miudiña. Íamos alá coa merenda paseando pola Tolda. Tamén á fonte do Pilar, cando tiña auga, á que tiña que subir axudada por ela sobre o peitoril de pedra.

No San Lázaro facía festa na sua casa. Levábame da man por entre o barullo e deixábame comer rosquillas da festa. Dende pequena gosto das rosquillas e sempre penso no San Lázaro: rosquillas e barcas de van-van á beira do rio (na casa prohibíanme comer rosquillas porque podían estar suxas e levar pó).

A Carme vivía nun pequeno faiado e cociñaba na pedra da lareira que ocupaba a peza central do “apartamento”. As potas descansaban en senllas trépias e eu gostaba de ollar para o lume mentras ían fervendo. A xaneliña posterior da casa daba ó prado que precedía ó Río. Naquel prado ían as mulleres lavar a roupa. Hoxe está ali o colexio Da Ponte.

Teño ido coa Carme lavar a roupa no río. Esfregábase sobre chantos inclinados, ós pes na auga, as sabas estendéndose sobre a corrente. Recendo de xabrón e roupa limpa. Roupa ó clareo que os pequenos salpicabamos para que o sol non a secase mentras a clareaba.

As sanguesugas agarrábanse, con frecuencia, nas pernas das lavandeiras. Pes descalzos sobre as pedras do río.

Da Carme aprendín moitas cousas: que os tronos das tormentas eran as vellas que andaban coas zocas polos tellados. Que non debías sentarte na pedra fría porque che podía vir o reuma que era o pior dos males. Que non sentases derriba da cociña de ferro porque non era bó para “as partes”. Que había que comer cando che convidaban. Que a vida podía ser moi dura para algunhas persoas.

Carme falaba en galego. Eu aprendín a falar dela.

Era amiga da leiteira, que se chamaba Dosinda e tamén vivia na Ponte. Dosinda levábame, ás veces, na burriquiña para ir comer os domingos á casa da Carme.

Cando era pequena pedíalle que me levase no colo “Anda Carme, cando tu sexas pequena e eu grande heite de levar eu no meu colo”.

De velliña foi para a residencia de Sarria. Con que xeño me ensinou a súa habitación con baño!: pulcro como era ela.

A Carme morreu e eu nunca puiden cumprir a miña promesa. Quizás foi por iso que non lles furtei o colo ós meus fillos.

No día da muller traballadora penso na Carme, e en todas as Carmes da Galiza.

Mulleres dun mundo que acabou e que elas non imaxinaban libre de traballos.
Figueroa Panisse, Adela
Figueroa Panisse, Adela


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES