Os acomodos referendarios
Rubal, Pedro - jueves, 05 de enero de 2017
Hai un termo de uso militar en español que penso que describe moi ben os sucesos podemistas destes días. O termo é zafarrancho, porque o mesmo significa limpeza (léase tamén depuración) que estrago, desfeita. Non causa sorpresa, porque onde non hai caletre, aínda que a ilustración sexa abondosa, que tamén hai que empezar a poñelo en observación, non estrañan nada estas ocorrencias de consultar, en plan plebiscitario, o que D. Pablo Iglesias non dubidou en denominar unha cuestión metodolóxica técnica, ou algo así: un plebiscito populista para saír dun atranco protocolario técnico.
Sabido é que o exercicio de calquera actividade procesual necesita de protocolos, dun método a seguir, detallando as secuencias dun proceso de actuación, como ocorre na investigación científica e médica, por exemplo. E os partidos políticos non son excepción; pero a determinación técnica das normas a seguir non pode ser plebiscitaria, porque nin a maioría dos posibles electores se lles pode supoñer competencia na materia, nin o número é garantía de acerto, nin é lóxico escudriñar, con interpretacións avesas, as vontades manifestadas en multitudes, que non ofrecen garantía algunha nestas improcedentes consultas: Son ganas de seguir disimulando a realidade.
O desexo dalgúns políticos de escudarse en referendos cando teñen que tomar decisións importantes, ou de certa transcendencia, non é democrático, senón máis ben unha censurable argucia para ocultar, con frecuencia, a falta de ideas apropiadas para aportar solucións, xa que poñen nas mans dun SI ou un NON dos cidadáns decisións complexas para as que, cando menos, estes non teñen os suficientes elementos de xuízo, nin a formación adecuada. Temos, na miña modesta opinión, dous exemplos superlativos ben próximos, o Brexit, en Gran Bretaña e o caso Renzi italiano referente as competencias da segunda cámara; ambos xeraron as consabidas perturbacións, e o primeiro creo que aínda está pendente dunha resolución xudicial:
O referendo é unha consulta que se debe facer só por imperativos especialísimos, e con contidos sinxelos, e nunca a lixeira. Claro, temos aí aos helvéticos, pero este é un caso de singular excepcionalidade que esixe unha explicación que non pode darse adecuadamente nos límites dun artigo.
Non se lles ocorre os científicos e médicos confiar os protocolos das súas actuacións profesionais aos destinatarios dos mesmos. Sería dunha incompetencia incualificable. Pois ben; en política, así con minúsculas, parece que cun discurso que amalgame todo como algo democrático e orixinal, xa queda a cousa resolta, e se non sae ben, sempre hai a quen cargarlle o carro de responsabilidades, aínda que haxa que internarse nun invento histórico. E se o panorama se torna moi escuro, inténtase sementar o CAOS, deixando as dimisións como último recurso.
Si..., hai partidos políticos que, para levar a cabo os seus propósitos antisistema, utilizan como método o CAOS. E isto tal vez esixa unha explicación previa: Cando en física se trata de situacións caóticas, estase facendo alusión a un desorde de elementos agrupados, que poden ser partículas subatómicas ou constituíntes doutro nivel. Pero aquí o interesante é que nese conxunto caótico de elementos xurde un punto chamado ATRACTOR que é o que se encarga (digámolo así personalizando) de restablecer unha certa orde mediante a correspondente dinámica de ordenación, regulada por unhas LEIS determinadas.
Se extrapolamos isto á sociedade, podemos entender por elementos agrupados cidadáns, institucións, etc., e por grupo unha sociedade concreta. Hai, non obstante, matizacións que facer neste caso: Xeralmente as sociedades son levadas ás situacións caóticas por razóns políticas, coa intención (aquí a INTENCIONALIDADE é un factor importantísimo) de que un político poda exercer de ATRACTOR no momento oportuno. E así como ese atractor na física acaba polarizando os elementos no seu entorno, no sociopolítico conta con cidadáns e incluso con certas institucións que tamén se polarizan na súa contorna. Pero neste caso, as leis que regulan o proceso son tamén INTENCIONAIS, dependen da vontade do político atractor, quen as impón con criterios máis ou menos arbitrarios, DETERMINANDO os comportamentos cidadáns e as funcionalidades institucionais: Os españois que soportamos todo o proceso da Guerra Civil temos elementos de xuízo suficientes para entender todo isto!.
Exemplos hai abondo na historia, mais tamén emerxen, aínda que sexa timidamente, nas sociedades actuais: OS CASOS DE DEPURACIÓN HOXE ESTÁN ANUNCIANDO OS PROCESOS DE ENCARCERACIÓN MAÑÁ, CANDO O PODER O PERMITA. Neste último suposto, ao atractor político só lle interesa o sistema democrático para acadar o poder suficiente para ordenar (as cousas e os comportamentos) ao seu estilo, precisamente por isto, cando algo se interpón no seu camiño que lle pode interromper o proceso, responde arrogantemente cualificándoo de ANTI- democrático.
Creo que é conveniente ter en conta algo que se adoita pasar por alto, pese a súa importancia:
Nin na física nin na sociedade a orde e o caos teñen entidade propia, xa que son propiedades relativas á estruturación do grupo de elementos, ás que na filosofía escolástica se lles da o nome de ACCIDENTES, porque sempre hai un ALGO sobre o que se ordena. Polo tanto, o feito de levar dunha desorde á unha orde intencionadas non xustifica a creación dunha entidade subxacente nova, senón dotar a de antes dunhas propiedades que non tiña, que ben poden ser funcionalmente mellores ou peores. E, por suposto, no caso dunha sociedade estatal, podería ser necesario, incluso, proxectar cambios na súa constitucionalidade; pero non na súa constitutividade, como se pretende facer en España por algúns partidos políticos, que utilizan a desorde creada por eles mesmos para quebrar a histórica unidade CONSTITUTIVA (non só constitucional) da nación española. E se isto non se considera con rigor, seguramente se está abandonando unha perspectiva fundamental.
Pero, por outra parte, os partidos políticos teñen que concienciarse de que neste momento histórico de profundos cambios nas sociedades, é mester ter moi presente que a DEMOCRACIA non é só unha actitude política que se aprenda sentándose nas escaleiras dos parlamentos, é principalmente unha actitude da vida, e ós que non a aprenderon na súas casas hai que rexeitarlles os seus comportamentos para evitar que a ridiculicen, ou a poñan ao servizo das relacións do poder, dun signo ou doutro, ou a utilicen como unha licenza de fraca, irresponsable e infantil pedagoxía. Pero isto tampouco basta. É mester encaixar nela unha serie de fenómenos de rabiosa actualidade que tamén a debilitan, reducíndoa a un comodín da literatura e á unha hipócrita praxe política: a globalización, a partitocracia, algúns nacionalismos, a integración en estruturas políticas supraestatais, a emerxencia de movementos sociais de protesta, etc.
Consecuentemente, os pobos, sen menoscabo da postura ideolóxica de cada cidadán, penso que farían moi ben poñerse en garda contra o que se oculta, nalgúns casos, en certas agrupacións políticas, e, noutros casos, contra unha certa acracia publicamente evidenciada nese dicir e facer nas rúas cunha arrogancia de matiz selvático, vigorizada, inconcibiblemente, neste século XXI de excelentes medios de comunicación, para evitar irreflexivas respostas electorais, que, como a historia nos ensina, poden lexitimar a orixe das máis espantosas convulsións sociais.
Polo tanto, a oportunidade e a intelixente dilixencia na adecuación ás esixencias contextuais que demandan os tempos, non debería demorarse, se non se quere incentivar as condutas antidemocráticas, e os acomodos referendarios, cos conseguintes trastornos.

Rubal, Pedro