Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Asasinatos á carta

jueves, 05 de enero de 2017
Un pode sentar tranquilamente no escano a esperar as novidades que nos poida traer hoxe o aparello da tele ou o trebello do ordenador, sen contar que pode ter a ocasión de presenciar case en directo e sen previo aviso o asasinato real, demorado e tranquilo, nada menos que de todo un señor embaixador dunha potencia mundial como Rusia. A cousa máis aséptica do mundo. O que dispara agora de maneira limpa contra el semellaba segundos antes ser máis ben o seu elegante escolta, respectuosamente colocado tras del a unha oportuna e curta distancia. E non pasa case nada, a parte de termos agora diante deitado no chan o hai uns segundos vivo e ben campado embaixador e ter que lle escoitar ó presunto escolta, reconvertido como por arte de maxia en asasino, as súas amplas proclamas das razóns que o levaron a realizar tan limpa acción. Dentro da absoluta anormalidade do acontecido todo semella normal, pois entre o público asistente ó acto ninguén é quen de se opoñer a tamaña atrocidade.

Ben. Isto é o que hai, adóitase dicir. Hai que recoñecer desde logo que estamos nuns tempos nos que as mentes individuais humanas están sometidas a unhas nada comúns presións nun ou noutro sentido. O “escolta” asasino, aínda descoñecendo naturalmente o seu historial concreto, posibelmente viviu unha fonda escisión entre a súa profesión de policía e as súas ideas políticas ou quizais incluso relixiosas, que o levarían porén a tomar unhas decisións que para os que somos alleos á súa propia subxectividade nos resultan incompresíbeis. Os seres humanos somos así. Precisados de moitas cousas que non nos veñen dadas cos xenes. Hai quen pode nacer ou vivir nunha situación na que lle será máis ou menos doado acceder a unha formación ou educación, que non lle vén dada sen máis tampouco cos xenes biolóxicos. A educación ou formación humana ten que suscitar nos educandos espírito crítico, que non pode funcionar no baleiro de informacións e coñecementos. Se tal espírito non se dá, os educandos poden converterse en instrumentos de destrución nas mans de intereses espurios. É verdade que non “só” de pan vive o home; mais si que precisa o pan e antes de calquera ética que se lle queira insuflar. A política que desatende a igualdade no acceso ós bens do mundo creará sempre caldo de cultivo para a destrución. Por iso, os políticos antes de seren tales deberían estar instruídos a fondo nestas cousas. Estano? Non cho sei.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES