Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Santuario da Virxe dos Milagres de Saavedra (2)

miércoles, 04 de enero de 2017
I. Algúns trazos xeográficos e históricos da comunidade parroquial de Saavedra
Sta. María de Saavedra é unha parroquia que, dende o punto de vista eclesiástico, pertence ao arciprestado de Trobo e á diócese de Mondoñedo - O Ferrol. Civilmente está encadrada no concello lucense de Begonte (1), pertencente a comarca da Terra Chá (2). No ano 2014, esta comunidade parroquial tiña, segundo o I.G.E. (3), unha poboación de 411 habitantes – 208 homes e 203 mulleres- distribuídos en oito entidades de poboación (4). Limita ao Norte, coas parroquias de Damil e Trobo; ao Sur, coas de Carral e Rábade; ao Leste, coa de Cela (Outeiro de Rei); e ao W., coas de Begonte, Carral, Trobo e Valdomar. Dista cinco km. da capital municipal coa que se comunica por unha estrada local; e dazasete da capital provincial.

A freguesía configurouse na Baixa Idade Media- principios do século XIV- arredor dunha fortaleza pertencente á casa de Saavedra. Esta casa, tivo as súas orixes en Taboi (Outeiro de Rei), preto do emprazamento da igrexa actual e pertencente ao coto e señorio de Dª Xoaquina de Oca, dama que nomeaba naquel tempo e dentro dos seus dominios o cargo de xuiz ordinario. Dende as súas orixes, disfrutou dun gran poderío, xa que chegou a ter –segundo Vasco de Aponte (5)- oitocentos vasalos. Logo, a fortaleza dos Saavedra foi destruída durante a revolta irmandiña, manténdose os seus restos ata hai pouco tempo. A proxección desta casa foi moi relevante, como queda reflectido nos innumerables persoeiros ligados coa mesma, entre os que podemos distinguir pola súa maior ligazón coa casa de Begonte aos seguintes: D. Francisco Saavedra, rexidor da cidade de Mondoñedo a mediados do século XVI; D. Pedro de Saavedra, capitán e rexidor da mesma cidade en 1627; Don Diego Saavedra Osorio, deán da catedral de Mondoñedo en 1639; D. Francisco Antonio Saavedra y Rigueiro, capitular do Concello de dita cidade en 1716; D. Felipe Diego Saavedra Cotón, sargento maior das Milicias de Lugo, e co grado de tenente coronel de Infantería en 1763; e D. Miguel Saavedra e Basadre, capitán da Compañía de Cazadores do Reximento provincial de Lugo en 1770. Logo, esta linaxe transpasou fronteiras, e así, tamén quedou asentado nas localidades colombianas de Muso e Cauca (6).

II.- A descrición artística do recinto sacro
Trátase dun recinto sacro parroquial, que está emprazado nunha pequena elevación dende a que se disfruta dunha paisaxe admirable na que os carballos, os castiñeiros, os prados e as terras de labor dan unha nota peculiar. Polo tanto, non resulta estraño que D. Xosé Díaz Teijeiro dixese “que ir ó Santuario dos Milagros de Saavedra é como ir a un paraíso” (7).

O templo ao exterior non posue moito intérese xa que está provisto dunha fachada lisa cunha espadana de dous vans e o correspondente remate coa cruz (8). O seu interior contén unha única nave; un presbiterio cuadrangular; e unha capela lateral, onde se amosa unha imaxe mariana, que sostén nos seus brazos ó Santo Neno Deus en actitude de dar a súa bendición. Tamén, conservase no seu interior unha relevante lápida funeraria do século XVI, adherida á parede esquerda da capela maior, cun escudo cuartelado no centro, cunha cruz flordelisada e coas armas dos Montenegro, Parga e Gaioso. Está provista dun texto epigráfico, que fai alusión aos dous persoeiros alí soterrados: D. Roi González de Ribadeneira Sabedra e a súa dona Dª Violante de Losada (9).

Nun cruzamento de camiños, situado preto do santuario, hai un cruceiro que consta dos seguintes elementos nunha orde ascendente:

Unha plataforma de tres chanzos de granito.

Unha base monolítica, formada por dous corpos, separados por unha escocia; o inferior, de forma paralelepípeda; e o superior, troncopiramidal cos bordos superiores redondeados. Nas caras Norte e Leste do corpo superior vai gravada unha inscrición, que fai mención “aos corenta días de indulgencia concedida polo bispo de Mondoñedo aos que recen diante destas imaxes o Pai Noso, a Avemaría, e o Credo. Na base tamén aparece a data na que se construiu o cruceiros, a saber, ano de 1898.

Un fuste monolítico, prismático, de sección cuadrangular nos extremos e oitavado no resto. A parte superior da cara Leste está ornada por unha custodia; nesta mesma cara aparecen esculpidos en relevo os instrumentos da paixón, que nunha orde descendente están dispostos do seguinte xeito: tres cravos, un martelo, unhas tenaces, unha espada e unha escaleira de dez banzos. A parte superior das caras Norte e Oeste están ornamentadas cun rebaixe cuadrangular, que amosa no seu interior un rombo e catro roeis flanqueandoo aos seus lados.

Un capitel de forma troncopiramidal invertida, decorado por volutas nos vértices superiores e por un querubín en cada unha das súas caras.

Finalmente, unha cruz que mostra unha sección cuadrangular no seu extremo inferior e coas arestas achafranadas no resto. Ademais, os extremos dos seus brazos e da cabeceira son do tipo de cruz florenzada. No anverso, baixo unha cartela, está a efixie de Cristo, que amosa os seguintes trazos: unha coroa de espiñas na cabeza, que está inclinada ao lado dereito; os brazos están estendidos ao longo da cruz e as súas mans aparecen abertas; o perizoma anóase ao lado dereito; e as pernas, levemente flexionadas, mostran o pé dereito por riba do esquerdo, e ámbos os dous sobre unha caveira. No reverso, está a efixie da Virxe, vestida cunha túnica e manto e, que amosa as mans cruzadas sobre o ventre (10).


NOTAS:
1. Trátase dun concello que ten unha extensión de 125, 4 km2 e limita cos concellos de Guitiriz, Vilalba, Cospeito, Rábade, Outeiro de Rei e Friol. Segundo o I.G.E. (Instituto Galego de Estadística) do ano 2014, posuía unha poboación de 3 179 habitantes, distribuídos en 19 parroquias cun total de 103 entidades de poboación.. A súa superficie forma parte dunha ampla penechaira, situada a unha altitude media de 400-500 metros. A máxima altitude corresponde aos 741 m. do Cordal ao sur do concello, no límite con Friol. Begonte está incluído entre os concellos considerados lugares privilegiados da Rede Natura 2000 debido a que unha parte do seu espazo territorial forma parte do lugar de importancia comunitaria Parga-Ladra-Támoga, que comprende as ribeiras dos ríos Parga, Ladra, Támoga e Miño, e as lagoas de Riocaldo.
2. É a comarca máis extensa de Galicia con 1822, 75 km2 , que está situada no sector norte e interior da provincia de Lugo. Segundo o I.G.E. do ano 2014 posue unha poboación de 42.336 habitantes, que están distribuídos – atendendo a Lei galega de comarcalización (10-07-1996)- polos municipios de Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, A Pastoriza, Vilalba e Xermade. A capital comarcal e, tamén, principal poboación é Vilalba. O dominio das chairas e, polo tanto, grandes superficies dedicadas a prado posibilita a nivel económico un claro predominio da gandería bovina e das granxas leiteiras.
3. Instituto Galego de Estadística.
4. Entidades de poboación: Campo de Arriba, Carretera, Fonte Filloa, As Gandariñas, Goldar, O Mato, A Vila Grande y A Vila Pequena.
5. Historiador e xenealoxista galego do último tercio do século XV e primeiro tercio do XVI.
6. BLANCO PRADO, J.M., e RODRÍGUEZ SÁNCHEZ, M.: Begonte. Pasado e Presente. Ed. Alvarellos, 1987, paxs.68-69.
7. DÍAZ TEIJEIRO, José.: Recuerdo del Santuario de Nuestra Señora de los Milagros de Saavedra (Lugo), Santiago : El Eco Franciscano, 1971, páx. 14.
8. FRAGUAS, Antonio.: Romarías e Santuarios, Vigo: Galaxia. Biblioteca Básica de da Cultura Galega, 1988, páx. 153.
9. GONZÁLEZ REBOREDO, Xosé Manuel.: Inventario Artístico de Lugo y su Provincia, Madrid: Ministerio de Cultura. Dirección General de Bellas Artes y Archivos, 1983, páx. 453.
10. ARRIBAS ARIAS, Fernando e BLANCO PRADO, José Manuel:: Catálogo de Cruceiros da Terra Chá. Cruceiros de Begonte, Cospeito e Rábade, Sada (A Coruña): Ed. do Castro, 2000.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania