Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A mestra das saias longas (21)

martes, 03 de enero de 2017
A conversa que tiven co tío Antón deume materia para matinar nos días seguintes, aquí na casa, ben quente coas estelas de carballo, que vendemos unha partida deles para travesas, e o rapaz que temos agora, un portugués forzudo, -os nosos vanse, e os portugueses veñen: a vida é unha peregrinación, unha serie de fluxos e refluxos!-, non se cansa de darlle á macheta. Pasamos as horas acobados no mármore da bilbaína, el co periódico, e atento á radio; eu cos apuntes, xa pensando na reválida, que non podo nin debo esquecer o que vén despois. De cando en vez, coma se fose un recreo, falamos de mil cousas. ¡Que ganas teñen de falar os solteiróns, aínda que vivan en familia! Así debeu pensar o Creador cando se dixo: Non está ben o home só. Vou facer para el unha axuda ao seu xeito… Tirou dunha costela…, e daquela, xurdimos! Por algo di meu pai, de cando en vez, referíndose á súa consorte: -Aquí a miña costela…, tal, e cal!

Eu non sei, nin me atrevo a preguntarllo, se o cambio que observo en meu tío se debe ás conversas que ten comigo, ou é froito das súas meditacións despois de verlle a gadaña á morte, pero o caso é que está descoñecido, ¡como que pasou da camisa azul e das frechas ao dial da radio, sempre pendente e sempre buscando a “Pirenaica”, que o ten namorado! Hoxe díxome, coma quen fai unha confesión xeral:

-Nesta corrida, o toureiro é Franco: matou os nosos becerros, que ben deles lle mandamos para ir mantendo as tropas, e encima diso, aplaudímolo! Os toureiros saen da praza en ombros, pero el non se conforma, que o abeiran no palio catedralicio. ¡Que razón tivo Unamuno cando dixo aquilo de, “Vencereis, pero no convencereis”! O que lle pido a Deus é que Deu-lo conserve moitos anos, se é para ben de España, como se di nos papeis.

-Tío, iso parece unha contradictio in terminus! ¿Non será que volves a ter febre?

-Querida, -que por veces chámame así, cando se pon agarimoso-, nunca mellor verdade dixen, nin a dixen nin a quixen! Se volven os que perderon a guerra, daquela, ¡outra! E como o de olvidar, o de esquecer certas cousas, só se logra no silencio dos ataúdes, o mellor que nos pode pasar, á xuventude incluída, é que nos fagamos vellos, uns e outros, antes de volver á democracia…, ¡iso, á democracia, pois aquí, nunha antelación, antes de goza-la cracia armaríase a do demo!

-En todo caso non terías de que temer, que ti non disparaches: á vangarda non fuches, por coxo; e aquí, na retagarda, que eu saiba, nunca acompañaches aos fusileiros. ¿Ou si?

-Muller, iso non, pero, ao verme coa azul, outros se envelenaron, que a muller do César non só ten que ser honrada senón aparentalo. Ao considerarme puta, eles putearon, que non hai nada tan pegadizo coma o bo ou o mal exemplo dos grandes, ou dos tidos por tales, tal que…, antes, eu, teu pai, etcétera, e agora ti, que vas para Mestra! Co exemplo tanto se pode matar como salvar! Isto non estará neses papeis que tes aí, pero é tan certo coma a luz do sol!

Por hoxe non apunto máis, pois foron tantos os consellos que me deu que precisaría outro caderno, e aquí non o teño.
-.-
A mestra das saias longas (21)

¡Xa son maior de idade: Nos papeis, non, aínda non, pero, para os Reis, si, que me trouxeron un cabalo, un cabalo de moita alzada! Con algunha reserva, iso tamén: Meu pai díxome que serán dous, “Deux chevaux”, cando gane para mantelos…, e despois de aprender a conducilos! Pola súa parte, miña nai: -Hai filliña, cousas de teu pai, que é un vaidoso, semellante cabaleiría…, que esta non é para poñerlle albarda, e sela de xineta non temos, pero…, para todo hai solución: Eses pantalóns de teu irmán, os novos, os de pana, que non quixo levalos para Santiago porque di que non son propios dun Avogado…, vouchos amañar á túa medida, e lévalos por debaixo da saia, que así, levando a plisada encima, aínda que montes á escarranchaperna, ninguén se vai escandalizar!

Os demais, non sei, pero, ¿eu? ¡Claro que non levarei o cabalo para Lugo, e aquí pola aldea, sendo de casa rica…, bula, bula para todo, Cura incluído! O malo, o único malo, o único que sinto, é ter que deixarllo ao coidado do portugués…, mentres volvo á Normal! Falando da Normal: Se chegan a verme, ou a saber, que monto en calzón, ao meu dez habitual quitaríanlle o un!

En canto ás espolas, díxome o tío Antón que me regala as súas de prata. ¿Que me falta agora? Xa o sei: Unhas botas altas, de fol, desas que fan en Monforte…, e como teño unha amiga desa procedencia…, con encargarllas…!

Por unha parte, todo isto paréceme un luxo, un antollo propio de meu pai, pero, matina que te matinarás, que aínda non sei se cheguei a esta conclusión anestesiando a miña propia conciencia, pero o caso é que igual non está mal esta inversión rural, no rural, que así non me terán, cando chegue a ter escola, por unha señorita da capital; ¡ah, e tamén será boa práctica aprender a montar nas cabalerías, pois a saber cando se poderá chegar nun “Deux chevaux” á maioría das nosas aldeíñas!
-.-

A mestra das saias longas (21)

Esta tarde estiven “en capela”, velando as armas. Mañá, de novo, a Lugo, que volvo á Normal, ¡a normalizarme! Segundo trimestre do curso terceiro; e seguidamente, coa axuda de Deus e algún esforzo da miña parte, Reválida. Esta Semana Santa penso quedarme na capital: unha, para ofrecerlle a Deus as miñas penitencias pedíndolle forzas para acadar e levar con dignidade a cruz da miña entrega profesional; e segundo…, ¡para repasar, amén dalgunha reunión que podamos ter nos nosos “círculos”, que nunca tan necesarios foron como agora na última etapa desta carreira de obstáculos! O cabalo, “Castaño”, déixollo encargado ao tío Antón, coa insistencia de que o utilice para ir ás misas, ás feiras, aos enterros…; ante todo pola súa comodidade, e para que presuma un pouco, pero tamén para que este nobre bruto, ¿ou bruto nobre?, non se dea á vagancia. ¡Deus, que perigosa é a vagancia! Non sei quen dixo que o peor daquela expulsión do Paraíso foi a condena do traballo… ¡Bobo, o traballo é a nai de tódalas virtudes!

Collín un plumeiro para limpar o altar da nosa capela, pero máis ben limpei a miña alma coas horas de meditación que lle botei. Co de hoxe quixen imitar ás noivas que pasan as súas vésperas meditando, reflexionando, se se consideran preparadas para apeitar co peso dun fogar, incluídas as molestias e mailo risco que supón parir fillos, e crialos, mantelos, vestilos, educalos, soportalos…, e xa dispoñan dunha comadroa cando se presente a hora sacra do desdobramento! Se iso lles pasa, se iso fan, ou deben facer as futuras nais de un, dos, tres, catro…, fillos, que máis diso xa non está de moda, ¿que non terá que prepararse unha mestra, posto e suposto que vai ser a nai, unha segunda nai, para ducias de nenos?
-.-

¡Miúda comodidade isto de subir sen as fardelas dos víveres! Aquilo de pagar en especie, tan propio daqueles tempos da autosuficiencia, parece que se vai superando, e non só no meu caso pois as outras fan outro tanto. ¿Subir a Lugo? Iso é o que facemos todas, de quitado as que entran pola estrada da Coruña. Aqueles romanos, tan dados a mandar, ata situaron a súa capital, ¡o seu almacén!, no alto, nun outeiro. ¡A Lugo, sóbese! E de Lugo, báixase! Así é como pensan os lucenses, estes que nos chaman “lugueses” aos da aldea, acaso ignorando que Lugh era o deus supremo, o Samildanach pancéltico. Sexa como sexa, aquí mándase, e desde aquí mándase, como o demostra a nosa rede de estradas, que teñen de “Porta do sol” a Praza de San Domingos, a dos “domingos”, aínda que, acaso por aforrallóns, a dediquemos a un só Domingo.

A muralla tamén fai de claustro, por máis que me está resultando un claustro do máis profano. Non sei se será que van a máis, ou que me estea poñendo cadora máis observadora e máis susceptible, pero aquí estou notando que en vez de multiplicarse o pan e mailos peixes cadora proliferan máis os tres pecados capitais deste mundo que chamamos civilizado, os grandes: a hipocrisía, a soberbia, e mailo distanciamento.

Non me lembro quen foi que me dixo, que ata sería o tío Antón, de tantos temas que tocamos desde que eu son grandiña e el se fixo un converso, que aquí en Lugo, precisamente aquí, facendo de Sermón da Montaña, que non dos “Montaña” pois eses ganan os cartos laboriosamente, o propio Franco dixo en público que a nosa guerra, ¡a súa!, foi a única da que os ricos saíron máis ricos. ¡Vaia, ho, e eu, inocente de min, que tiña crido que a civil tivera por móbil acabar coa loita de clases tan xeneralizada, e tan deostada, naqueles anos da República! Pola miña parte, e perdón polo exabrupto, case daría por ben empregada esta contenda fraterna se dela resultase que os pobos, os de toda España, pasasen a ricos, e non á viceversa!

Tamén observo que se esconde moito caqui debaixo das americanas, na función pública; comprendo que sexa conveniente disimular os excedentes do Exército para non incorrer noutra Lei Azaña, pero, ¿por que se van os poucos técnicos dispoñibles, por que non se lle dan eses cargos a quen teña preparación idónea, e sexa capaz de forzar a maquinaria produtiva deste país, onde se máis non importamos é única e exclusivamente porque non nolo fían?

Entre unhas cousas e outras ata vai ser unha sorte que non nos admitan, de momento, nas grandes urbes, pois así teremos tempo e ocasión de ir madurando nós…, mentres maduran eles, que boa falta nos fará a todos!
-.-

Debo estar algo nerviosa porque escribín cousas que nunca fora capaz de expresar, aínda que, máis ou menos, hai tempo que penso desta maneira. ¿Contaxio? Rebeldes son os rapaces, e ata falo con poucos, pero…, será que saín algo machota! ¡Procurarei temperarme!

Hoxe encantoume a profesora de Pedagoxía, que nos falou dos xoguetes; aínda son poucos, pero van a máis, en particular os bélicos para os nenos, espadas, pistolas, escopetas… Estaba horrorizada porque nos dixo que isto medra, como se os pais quixesen preparalos para o próximo conflito; e que para as nenas todo se resolve en monecas, de trapo ou do que sexa. Bota en falta un tipo de argalladas unisex, que así lles chamou: principalmente o xogo do xadrez, que esperta a intelixencia, -dixo-, e tamén mecánicos, tales como pezas para construír arquitecturas, trens, e cousas así. ¡Que coincidencia co que eu viña pensando: que nos convén adestrarnos nas ciencias, pois conto hai abondo!

Falounos de que a escola conduce aos oficios, sexan agrícolas ou fabrís, e que unha certa inclinación por determinados xoguetes pode espertar unhas aptitudes determinadas, ben ou mal encarreiradas. Que nesta orientación persoal, individualizada, o rapaz pode verse desorientado se non se lle ensinou a coñecerse a si mesmo, a recoñecer as súas aptitudes, as súas inclinacións. Veu a concluír que os operarios incompetentes, mal preparados, ou enfocados por camiños erróneos, poden estancar o desenrolo da industria, ¡tanto que a necesitamos hoxe en día! Que os malos profesionais consumen e non crean, consumen e non insumen; ¡cousas así! No tocante á importancia de distinguir entre consumos e insumos moito insistiu. Que os alemáns, e tamén os suecos, cos ingleses, e incluso os franceses, non adoitan exercer presións familiares, ou tradicionais, nin teñen ansias dunha carreira con brillo social tradicional, senón que se ateñen moi, moito, ás calidades que observan no estudante. Anotei nos meus apuntes, que citou ao respecto ao Padre Sarmiento, que seica dicía que, “Os títulos non acurtan as orellas”. Que o futuro demostrará que a febre deles nos levará a unha competencia absurda e negativa en campos pouco pragmáticos, etcétera.

Lembreime de meu irmán, pero no seu caso concreto coido que non haberá problema, pois contista é, e ocorrente, tamén, ademais de memorión, e nesta Galicia as fábricas non prosperarán, pero o que é preitos moito me temo que si porque hai pouco para repartir, e moito entre quen!
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES