Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Poetas cantores do Nadal

martes, 03 de enero de 2017
Os chamados “Cantores do Nadal” son os que inician a Escola Poética do Seminario de Mondoñedo. Trátase de poetas que compuxeron os seus versos en lingua galega a finais do século XVIII e comezos do XIX. Catro son as figuras principais das que chegaron a nós os seus vilancicos escritos na nosa lingua: Antón María de Castro e Neira, Luis Corral Rodríguez, Xacinto Romualdo López e Pascual Saavedra Iglesias. A súa poesía consérvase no Arquivo da Catedral de Mondoñedo nas partituras dos Mestres de Capela da seo mindoniense Angel Custodio Santaballa, José Pacheco e Pascual Saavedra, que lles puxeron música.

Esta tradición de compoñer vilancicos e versos de Nadal tivo a súa continuidade no tempo chegando mesmo ata os nosos días. Escribían os seus versos para seren recitados polos nenos ou nenas diante do nacemento ou da imaxe do Neno Xesús ou, se eran musicados, para seren cantados no Nadal. Moitas persoas maiores aínda hoxe saben de memoria algúns deses versos.

Entre os que continuaron esta tradición están: Francisco Amor Méndez, Manuel Pérez e Pérez (publicou o libro Versos navideños cun limiar en castelán de Alvaro Cunqueiro), Enrique Chao Espina, Antonino Roca Roca, Xosé Antón Rivas Reigosa (asinaba moitos dos seus poemas co seudónimo Xosentoño do Pallarín), Uxío García Amor, Fernando Porta de la Encina, Xosé Ramón Goás Gómez, Pedro Díaz Fernández, Marcos Marino Parapar Lago, Ricardo Timiraos Castro, Xosé Martinho Montero Santalha, Camilo Valdehorras, Xosé Antón Miguélez Díaz...

No Seminario de Mondoñedo, na década dos anos corenta e cincuenta do pasado século XX, houbo unha grande produción de versos de Nadal e de diálogos en galego para, como queda dito, seren recitados ante o nacemento ou da imaxe do Neno Xesús. Foron recollidos por diversos alumnos en cadernos que algúns conservan.

No Nadal de 1956 viu a luz un libriño que leva por título Nadal en Galicia e por subtítulo, Versos infantiles y populares que se recitan en la costa norte de Galicia ante el “Nacimiento”. Os recompiladores, que asinan co nome de BENIPAZ, son Benigno López Díaz, daquela párroco de San Román de Montoxo, e José María Paz Camps, párroco de San Román do Val e de San Miguel das Negradas e que en decembro dese ano foi para Santiago de Cuba. Neste libro recóllense cincuenta e tres monólogos e vinte e nove diálogos dos que hoxe só coñecemos a autoría de once: tres de José Ramón Goás Gómez, dous de Fernando Porta de la Encina e un de Manuel Lago González, Xosé Antón Rivas Reigosa, Luís Corral Rodríguez, Xosé María Chao Ledo e Antón María de Castro e Neira. Dos demais non se coñece o autor, pero case todos foron compostos no Seminario mindoniense nos anos corenta e cincuenta do século XX e que aprecen recollidos nos cadernos ós que aludín antes.

Hai que sinalar que o mesmo Álvaro Cunqueiro non foi alleo a escribir poemas para recitar diante do nacemento ou da imaxe do Neno Xesús. Así fixo algunhas composicións para que, como di o propio autor, as recitase ou cantase Remediños Ledo Vizoso. Remedios Ledo é a filla de Manuel Ledo Bermúdez, “O Pallarego”, amigo e mecenas do fabulador mindoniense. No número 215 (novembro-decembro de 2011) da revista Amencer do Seminario de Mondoñedo aparecen seis destas composicións (páxinas 9-11). Unha delas, que aparece reproducida coa letra e correccións do propio autor, di así: A rula cantando desperta alegre o craro / dia, / decrarando a todos co seu asubío / que nacéu o Sol por excelencia / dos demais soles / e ven a ser fillo do Noso Señor.
Villares Mouteira, Félix
Villares Mouteira, Félix


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES