Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Á beira do camiño: Tabores e Calvarios

lunes, 05 de marzo de 2007
Os grandes encontros de Deus coa Humanidade déronse no monte. En Israel, no Moria (Abrahám) e no Sinaí (Moisés). Os máis transcendentais de Xesús tamén. No Tabor e no Calvario. Enmarcan a vida pública. Tamén a nosa existencia humana. Ante o cansazo e a rutina da vida é preciso subir ao Tabor a coller folgos. E baixar despois á terra, á crúa realidade da vida para superar as mediocridades e desenvolver fielmente a nosa vida..

En cada vida humana danse as dúas situacións (Disque se notan máis os calvarios. E debe ser certo, porque Monseñor Cañizares ven de afirmar que o calvario da Igrexa en España é o goberno. Eu creo que o peor e máis grave está máis preto de si mesmo. E ten de preocupalo algo máis. Confío que remate en resurrección e lle axude a purificarse el e a Igrexa). A vida desenvólvese no día a día. Os amigos de Xesús resistíanse a baixar do monte. Algo diso tamén nos pasa a nós. Porque a vida ten tanto de gris e de amargura que nos quedan poucas ganas de baixar das nubes, pisar terra, facerlle fronte á realidade. Deus non está arriba, senón abaixo, na vida, no chan, en solidariedade coas persoas. Por iso nos invita a non instalármonos nas montañas e ou nas nubes dos nosos egoísmos.

Paulo di que os cristiáns somos cidadáns do ceo, o que non significa estar nas nubes, pasar das cousas da terra, ser anxos, desarraigados do mundo e das súas circunstancias, sen compromisos concretos, sen preocupacións polas persoas. Non debemos ser xente de sancristía e de rezos sen preocupármonos polo que pasa ao redor noso e non queren ver “os sinais dos tempos”. Paulo está a se referir ás persoas que proxectan a súa vida desde os valores de Deus, ás que están presentes para pór senso sobrenatural aos feitos, ás que viven con estilo transcendente e non foxen das súas responsabilidades como membros da sociedade. Nun mundo plural, os cristiáns estamos chamados a demostrar, sen vaidades e sen vergoña, que todos somos iso “cidadáns do ceo”.

Fronte á sociedade do benestar dos países ricos malviven nun calvario permanente a maioría dos nosos irmáns. Son os da sociedade enferma e condenada á morte que xa agoniza na cruz do subdesenvolvemento, da pobreza inxusta, da fame innecesaria, do salario e a pensión discriminada. Os dos caiucos e dos barrios das nosa cidades. Non podemos ter os oídos xordos aos berros de tantas persoas que piden xustiza. Hai que baixar da montaña máxica, do falso Tabor no que poñen as súas tendas os poderosos. Os cristiáns temos a obriga de mostrar que Deus está con eles, cos pobres, cos pequenos.

Velaí a chamada que nos fai o poeta apoiado na Palabra de Deus. Versos axeitados para o intre que está a vivir a Igrexa e a Sociedade neste noso País chamado España: “...E a palabra do Pai foise impoñendo. Non ao poder, senón ao servizo. Non á gloria, senón á humillación. Non á violencia, senón á pacificación. Non á vinganza, senón ao perdón. Non á imposición, senón á liberdade. Non á forza, senón á debilidade. Non á obriga, senón, á sedución. Non ao castigo, senón á promesa. Non aos sacrificios, senón á misericordia. Non á lei, senón ao amor”. Como anel ao dedo ante a situación que estamos a vivir. Tarefa de todos/as. Obriga especial para os católicos/as.
Mato, Xesús
Mato, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES