Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Amador Castro, im Memoriam

viernes, 30 de diciembre de 2016
Amador Castro, im Memoriam O 21 de decembro finaba en Barcelona, Amador Castro Fernández (1923-2016), aos 93 anos de idade, bo cristián e excelente galego que deu testemuño da súa fe e da súa lingua, que tomou como algo irrenunciábel na súa vida. A vida de Amador foi complicada, primeiro pola perda da súa nai na Habana, que el non coñeceu, cando seus pais estaban de emigrantes en Cuba. Amador naceu en Friamonde da parroquia de S. Xián de Insua (Taboada) e criouse con seus tíos até que o seu pai regresou de Cuba. Foi emigrante en Venezuela e regresou en 1959. Un ano mais tarde casa en Pedrafita de Chantada con Maricarmen Moure. Uns anos despois o matrimonio emigra a Barcelona con seus fillos Amador (escritor, en galego e catalán) e María Xosé. Na capital catalá foi un excelente ebanista -aínda que se lle coñecía como carpinteiro- el excedeu a esta profesión e deu ímpeto a ser un enorme artífice da ebanistería, traballando como asalariado.

Amador Castro foi un ser moi íntimo e de excelente veciñanza, que camiñaba aos poucos cos seus amigos pola Ronda del Guinardó e o Parc de les Aigües. Encontrámonos con frecuencia, dados que os nosos domicilios están a un tiro de pedra. Falamos de moitas cousas, sobre todo das penurias dos anos 20 e 30 do século pasado e cruciais experiencias que el viviu na Galiza, en tódolos contextos dunha pobreza social e económica que imperaba naquelas épocas. Na posguerra foi testemuña do que acontecía naquel campo de concentración que o franquismo creou nos rentes do río Miño para construír a ponte de Mourulle, nos anos corenta, entre esta parroquia e a de S. Xián de Insua. Falaba como el orientou por camiño certo a algúns presos que fuxían daquel inferno.

Amador sempre amou a verdade e as cousas fráxiles e simples; foi unha persoa tenra e humana, amigo de desfacer desencontros entre aqueles que tiñan tendencia a discutir por cousas superfluas. Un home solidario que aparecía onde as carencias o necesitaban. Lembro aqueles cinco anos que estivo como monitor e dando clases de carpintería nos locais da igrexa de Montserrat do Guinardó, a toxicómanos recuperados, gratuitamente, nos seus anos de xubilación. O humanismo cristián de Amador Castro era moi amplo e de profundas raíces evanxélicas. Pero tamén contestatario fronte as inxustizas toleradas polos gobernantes. A súa crítica era sempre atinada, saída da súa conciencia e expresada cos bos temperos que amabelmente mostraba. Amador Castro Fernández foi un home de esquerdas, cuxa medida e tolerancia era a doutrina de Xesús de Nazaret, nada incompatíbel entre ambas tendencias.

A morte da súa nai, sen el coñecela, foi unha ausencia moi sentida en tódalas dimensións. Sempre me falaba desa carencia maternal. En certa ocasión que eu ía a Cuba, pregunteille se sabia a data da morte da súa nai e do cemiterio onde ela fora enterrada, non sabía do cemiterio e si da data. Presenteime nas oficinas do cemiterio Colón da Habana e tróuxenlle o certificado de defunción e fotografías do nicho onde ela fora sepultada. Nunca esquecerei aquela tarde en que lle entreguei esas reliquias e o silencio con que acolleu os recatos da súa nai...

Sempre me impactou a nobreza e a palabra limpa de Amador Castro, sobre todo o seu orgullo de sentirse galego e amar e defender a nosa lingua, de amar as nosas cousas e de protexer o herdo tan personalizado na nosa cultura. El amou a Deus e á súa nación: Galiza, coa simple honradez que sempre lle outorgou ese matiz de estar nese espazo compartido polos “bos e xenerosos”. O día 23, no seu funeral, estaban os galegos do Guinardó unanimemente conmovidos e pregoando seus dons ao lado do vello amigo das concorrencias, de afábeis conversas e sincera amizade. O Amador deixou dito que o funeral foxe oficiado en galego polo seu amigo Felipe, un crego galego que é o párroco da igrexa de Santa Eulalia de Barcelona, o seu recordatorio, que se entregou aos presentes, está escrito en galego e con seis versos do poeta cristián, Manolo Regal Ledo. Pechou este acto fúnebre a “Negra sombra” de Rosalía.
García, Xosé Lois
García, Xosé Lois


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES