Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Casan ou non casan humor e relixión? (V)

jueves, 29 de diciembre de 2016
Antes de entrar un pouco máis de cheo no eido relixioso, pero aproximándonos a facelo, aínda quixera referirme a outras cousiñas..

O humor pode ser unha arma non só de defensa senón tamén de ataque, como me axudou a ver aló cando eu non pasaba dos vinte e seis anos o anticlerical e, non obstante, amigo, profesor Alonso Montero. Quizais grazas ó sentido do humor de ambos puido nacer e conservarse esa amizade non uniformante, senón complementante. Non deber ser mala táctica esa de facerlle rir a alguén mentres o estás chuzando. Tampouco o humor ten que deixar de ser crítico, supoño que debido a que a crítica con humor leva incorporada una certa dose de anestesia.

Pero entendo que, se sobreabunda o encarnizamento cruel e inmisericorde e se eliminan a tenrura e a compaixón, xa non é humor; porque o humorista os primeiros lixos que ve son os seus propios. Quizabes por iso hai tantos humoristas melancólicos e incluso depresivos. O que pasa é que, ó non ser dogmático nin intolerante nin intransixente, o humorista mesmo pode acabar ríndose da súa propia sombra e iso sempre é un exercicio san que aporta distensión a un mesmo e ós alleos na barafunda do atafegante estrés e dos asasinos fundamentalismos excluíntes.

Cabe aquí, me parece, unha anécdota que non sei se foi certa, referente á contraditoria melancolía dalgúns humoristas, e unha proba, polo menos pra min, de que puido ser certa.

Foi consultar con un psicólogo un home que lle dixo:

-Mire, teño unha pena comigo que non me deixa vivir. Apértame a mente e o corazón. Todo o mundo ten medo á morte, pero eu téñollo á vida.

Despois de aconsellarlle o especialista do pensamento que se distraese viaxando e tendo ocupada a cabeza noutras cousas e de escoitar, a resposta:

-Xa o fago. Viaxo moito. Paro pouco nun sitio e tamén teño moito en que pensar. Pero é coma se me quixese botar fóra de min.

Como último remedio aínda lle dixo o que sabía moito do pensamento, pero escapábanselle moitas cousas do sentimento:

-Logo aproveite que chegou un circo á cidade e di a publicidade que trae un humorista xenial.

Ante este consello o paciente, coa vista baixa e a mirada un chisco perdida falfullou:

-Ese humorista son eu.

Outra vez, polo inverno do 1969, outro que, co sempre ben querido e non abondo ben chorado Roberto Michelena de Mondoñedo, dixo rir ata ás butacas do Baía de Foz. O cadro de humor, insertábase no descanso dun festival do Orfeón de Mondoñedo pra recadar diñeiro pra unha furgoneta pró asilo. Ben, acabada a exitosa actuación humorística un dos dialogantes choraba nos camerinos. Aínda non cumprira os 26 anos e choraba porque miña mai quedaba na casa moi maliña. Ela pasou pouco dos 50.

Outro dos grandes do humor, D. Ramón Gómez de la Serna, sinalaba na súa obra Ismos que: (transcribo literal) "La actitud más cierta ante lo efímero de la vida es el humor. No se propone el humorismo corregir o enseñar, pues tiene ese deje de amargura del que cree que todo es un poco inútil. Casi no se trata de un género literario, sino de un género de vida, o mejor dicho, de una actitud frente a la vida".

Creo que esta actitude do humorista ante a vida, ou do que vive ben humorado e sementa bo humor, tradúcese tamén nunha actitude ante a morte, pois tamén é capaz de proxectar unha mirada traspasada de tenrura e de esperanza, sen dramatismos, sobre esta enloitada compañeira que sempre nos acompaña no camiño caladiñamente; pero a veces nunha revolta do mesmo, aparécese supetamente e xa morremos no acto co susto ou quedamos malferidos.

Quizabes por iso mesmo dixo Leonardo Da Vinci: “Se é posible débese facer rir ata ós mortos”. E advirto eu: Pero sen pasarse, que tampouco se trata de morrer de risa como, polo visto, lle pasou literalmente ó filósofo grego Crisipo, que se suicidou a si mesmo a base de non parar de rir. Queda ben iso de suicidarse a si mesmo, non é?

Paro aquí por hoxe que teño que ir comer un pique. Se Dios me deixa e outros non mo impiden conto con volver xoves, pero o mesmo ese día falo con certo bo humor do que non é humor.

Ata vernos, logo e bo comezo do 17. Xa se sabe cando volve a haber eleccións?
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES