Hoxe acordeime con tempo de que é o Día dos Inocentes, e ata agora non saín da casa porque así se cadrou e non por temor a sufrir inocentadas que se foron co vento da modernidade, e que hoxe case ninguén teme.
Por un deses contrasentidos da historia, resulta que o día en que se conmemora a matanza de nenos ordenada polo Rei Herodes para evitar que o Neno Xesús vivise e chegase a ser o Rei que fixera peligrar o seu reinado, se convertise nunha xornada festiva ao longo da historia, chegando en moitas catedrais de Europa a entronizar como Bispo durante este día a un dos monaguillos do templo, que podía facer e desfacer ao seu antollo.
E a nivel popular era o día perfecto para que calquera lle gastase chanzas aos seus veciños ou compañeiros coa seguridade de que o día cubría as responsabilidades dos bromistas, tendo que ser chanzas moi agresivas para orixinaren problemas importantes.
E nos tempos en que a información sufría a censura das autoridades competentes, as inocentadas eran obrigatorias nos medios de comunicación, especialmente na prensa escrita, na que -moitas veces na primeira páxina- se armaban titulares escandalosamente intrascendentes, se trucaban fotografías, ou se reflectían

situacións estrambóticas que eran desmentidas ao día seguinte sen problemas dignos de mención.
No xornal A Voz de Galicia, non vin hoxe nada que pareza inocentada, aínda que hai noticias e titulares que ogallá o fosen. Pero non, entendo que todo é pura realidade, que moitas veces supera calquera ficción que mente con quentura puidese imaxinar. Si a practica -magnificamente por certo- Luis Latorre,
aquí, na miña vecindade, con inxenio e humor.
Que non proliferen na actualidade as inocentadas pode parecer progresista, por deixar atrás o tempo de ter que buscar evasión informativa inventando astracanadas, pero o certo é que ese costume un tanto retro pode ser unha boa mostra de intelixencia, de buscar fendas a través das que ir colando modestísimas navalladas, no día máis xeitoso para que os censores fixeran a vista gorda con algunha nova que parecía irse fóra do control informativo. Mesmo na actualidade para evadirnos da tremenda monotonía qe nos invade.
Feliz día a todos os inocentes, que a fin de contas a inocencia é o mellor sentimento que podemos disfrutar, e cando perdemos a inocencia quedamos nunha absoluta miseria moral.