Réquiem pola Praza do Campo
Santalla, Iago - miércoles, 04 de enero de 2017
Estes días de Nadal que regreso a Lugo dedico boa parte do tempo de lecer a gozar da nosa cidade. Unha cidade con esencias de aldea global na que atopar un sorriso pola rúa non é cuestión de sorte senón de certa familiaridade que nos caracteriza aos/ás lugueses/as.
Fixen o regreso coa ilusión de sempre e programei as visitas á miña cidade coa motivación engadida de que agora teño un vehículo adaptado e podo levar a miña cadeira automática para gozar libremente dun centro accesible, o que converteu á cidade das murallas en finalista ao premio de Capital Europea da Accesibilidade 2017.
O que xamais imaxinei é que me ía atopar cunha gran mácula: a destrución da fonte de San Vicente da Praza do Campo por parte de cromañóns bébedos sen escrúpulos. Son novo e deixo saído moito por Lugo, onde vin longos amenceres ledos mais xamais se nos ocorreu tocarlle ao mobiliario urbano xa que sabiamos que estabamos a empregar un ben colectivo. Polo tanto expreso claramente o meu desexo de que identifiquen aos autores e lles apliquen un bo correctivo; se non é así oxalá a vida lles dea o que merecen...
Remato desexando a todo/as os/as que ledes esta columna un ventureiro 2017. Excluiría deste desexo aos cromañóns que esnaquizaron a fonte de San Vicente pero é absurdo porque os cromañóns non saben ler e así lles vai... e así nos vai a cantos/as temos que cohabitar (a verba convivir non colle nos cativos cerebros dos cromañóns) con estes "seres" recesivos.
Confiemos en que sexa unha tara individual e non xenética...

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora