Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pechando capítulos

martes, 27 de diciembre de 2016
Querer é poder. Comezar así pode soar a frase feita, pero non encontro mellor expresión para o que pretendo dicir. Por fin, e xa era hora, o Seminario de Lugo é accesible. Un motivo máis a ter en conta para os premios á accesibilidade que Lugo está a recibir.

A miña relación co Seminario ven de moi lonxe. Aínda conservo unha pequena figura dun cabazo coa súa placa que data de marzo do ano 1982. Entregouma a Asociación de Pais despois dunha charla que organizaba nos fins de semana en que os alumnos non se ían ás súas casas. Tamén rematei no ano 1987 os cursos do Movemento Bíblico. Ademais colaborei con varios curas que me invitaron a dar un testemuño aos seus alumnos (aclaro que convivo en harmonía coas secuelas do virus da polio que me visitou cando tiña 3 anos).

Puiden experimentar por activa e por pasiva (ultimamente perdendo de asistir a varios actos) a inaccesibilidade do Seminario. Escoitei moitas veces a desculpa de que Patrimonio dicía… Si, si, entendo de sobra que Patrimonio di… pero aí temos o Museo e a Muralla accesibles. Como a loita non remata… agora estamos coa igrexa de Santiago, A Nova.

Facendo honor á verdade podo asegurar que o Seminario non se caracterizou precisamente pola súa sensibilidade. Non era só cuestión de Patrimonio. Vou copiar textualmente dous parágrafos de escritos que, no seu momento, lles remitín polo mesmo tema: “Evidentemente entendo que haxa unas normas de orde interno, pero o que non podo entender é a falta dun mínimo de humanidade ante algo tan simple como abrir unha porta.Non quero xulgar á persoa en cuestión, sobre todo, tendo en conta que acataba ordes, pero tamén resulta difícil crer ordes deste tipo e moito menos tratándose do Seminario. Pese a explicarlle reiteradamente as motivacións, que por outra banda estaban a vista, repetíame que seguía ordes. Despois dun tempo de deliberacións, raiando coa humillación, accedeu a abrirme”. Era a inauguración dos cursos bíblicos e tiven serias dificultades para saír das instalacións por unha porta lateral que entón daba a cociña (entrara acompañada dunha persoa que tiña acceso ao aparcamento). Teño testemuñas do feito.

Un paso importante foi a colocación de varandas que fan as escaleiras máis seguras para moitas persoas, pero non era suficiente. Nun artigo que se publicou no ano 2011 baixo o título “Por un Seminario para todos/as” e que tamén lles remitín dicía: “Recentemente tiven a oportunidade de coñecer parte da remodelación das instalacións do Seminario Diocesano e destaco a boa impresión que me causou. Pero claro, por deformación “profesional”, a miña observación foi máis aló e esperaba encontrarme con temas xa resoltos. Estou a referirme á accesibilidade do edificio desde o exterior. Desde o ano 99 expuxen a necesidade da súa accesibilidade a raíz dun estudio que coordinei sobre a Accesibilidade dos centros públicos e privados da provincia de Lugo, publicado na revista Lucensia. No seu momento, o Seminario non colaborou aportando datos. Van 12 anos e lamentablemente o tema perdura, aínda que é destacable a accesibilidade ao Salón de Actos como público, ascensores, baños… pero falta o acceso principal”. Certamente no número 21 da revista Lucensia figura o Seminario na relación dos centros que non contestaron despois de dous intentos por aquilo de que se lles puido traspapelar a enquisa…

Sen ánimo de mirar atrás, supoño que entenden sobradamente a miña alegría. A compensación chegou. Fai un tempo asistín á inauguración do curso dos GOA acompañada do meu “scooter”. A xente preguntábase como puidera chegar alí e non se imaxinan con que cara de satisfacción presumía, si, presumía e informaba de que o Seminario xa era accesible. Sei que están rematando as obras, por iso agradezo as facilidades que me deron para que eu xa puidera, digamos, inauguralo.

Como dicía ao comezo, querer é poder, frase que alguén lle atribúe a Einstein e que el entendía como “la necesidad de intentar hasta lo más absurdo con tal de conseguir un objetivo legítimo”. Estou convencida de que moitas veces non acadamos obxectivos porque non poñemos o empeño suficiente. Grazas a todos os que colaboraron e colaboran para facer do Seminario un edificio no que as persoas con mobilidade reducida non se sintan discriminadas. Non vou dar nomes. Sei que alguén me diría: “era de xustiza”. Acaba o ano e con el unha vella reivindicación. Os meus Parabéns.
Bravos, Marisol
Bravos, Marisol


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES