Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ambrosio Borrajo, amor á actividade da docencia

viernes, 23 de diciembre de 2016
Testemuñas da Memoria:
Ambrosio Borrajo, amor á actividade da docencia

Saíu á palestra dos medios de comunicación porque alá polo ano 1996 inventou un calculador pedagóxico para a suma e a resta, que consistía nunha base con dúas variñas iguais en tamaño e sección, paralelas entre si e perpendiculares a dita base e 20 elementos inseridos perforados no centro, podendo introducir 10 como máximo en cada variña. Cada cinco elementos teñen unha mesma cor diferente ós restantes grupos. Este calculador ten aplicación no campo da ensinanza do cálculo nos niveis de educación infantil, primaria e educación especial.

Mais Ambrosio Borrajo Conde asoma ós papeis deste xornal, non por esa patente, senón porque xa de rapaz demostraba que ía para mestre, que a actividade da docencia semellaba que era o seu. Cando un servidor foi á escola da vila, ás antigas escolas, Ambrosio era o veterano da mesma, porque alí mesmo, baixo a batuta de don Graciliano estudou o bacharelato elemental, o superior, o maxisterio e co mestre incluso preparou a oposición. Entón, cada vez que o mestre fallaba (por enfermidade, por viaxes ou por calquera ausencia), Ambrosio Borrajo era quen se encargaba das clases. Ás veces coa axuda inestimable do Pedro de Almoite, outro veterano.

Non fará falta dicir que con Ambrosio existía outro ambiente, outro comportamento moito máis relaxado. A ver, tíñaselle respecto, pero, quéirase que non, era rapaz (por moito que tivese seis ou oito anos máis), era veciño, era bo e xa se sabe, onde hai confianza dá noxo. Os recreos eran máis longos e as falcatruadas na clase saíanse de nai. Logo, para máis aquel, como o meu irmán Manolo era moi amigo de Ambrosio e máis ou menos da mesma idade, a confianza miña co protagonista deste relato ía algo máis alá do habitual. Incluso algún verán cheguei a ir ata a súa casa ás clases particulares, pola amizade co irmán e porque un servidor sempre foi un nugallán para os estudos.

Ambrosio Borrajo Conde, logo de aprobar a oposición e “por decreto” tivo que marchar para Asturias, a darlle clases ós mineiros de Hunosa, en Sama de Langreo, onde lle aconteceron toda clase de anécdotas. Xa se sabe que o labrego e o mineiro, antigamente, de estudos nin cheiralos; o analfabetismo rebentaba as táboas, as enquisas da sociedade. Alí estivo dous anos ata que marchou á mili, a Ceuta, lugar tamén moi propicio para o analfabetismo. A ver, quen ía para as prazas españolas de África! Seguro que os ricachóns non. Por iso Ambrosio seguiu botando man do seu saber para ofrecerlle unha vida mellor ó pobre soldado. Rematada a mili pasou a Xixón, concursou para Avilés e, por fin, empezou a achegarse á súa casiña: primeiro botando 14 anos no Ferrol e no 1991 asentou definitivamente no colexio público de Allariz, onde empezou a refugar aínda máis na actividade educativa, creando e impulsando xogos arredor das matemáticas e pateando os montes na procura de petróglifos e doutras sinais coas que descubrimos a nosa propia historia.

Ambrosio é un home que, culturalmente, non para. Sempre anda na busca e captura de algo que se poda estudar ou divulgar ou ensinar. Férvelle a actividade da docencia. Aínda lembro o día que me entrou na oficina para que eu indagara algo sobre unha película que se rodou polo concello de Baños de Molgas alá polo ano 1970. Andamos niso.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES