Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Proclamamos a exhumación

viernes, 23 de diciembre de 2016
Nada en Exhumación é amable. Ren na poesía de Marcos Abalde Covelo é gratuíto. O verso desenterra a ignominia. O poeta é un médium a través do cal urran os desfavorecidos de toda parte.

Velaí a dolorosa e punxente mensaxe que encerra o novo poemario deste vigués, quen na propia Proclamamos a exhumacióncontracuberta do libro se presenta inapelable: nacido en Lavadores, no 82, “publicou algún libro. Ten amigos no cárcere. Como a maior parte das persoas da súa xeración, vive por baixo do limiar da pobreza. O seu fillo fala galego”.

Compromiso coa creación, coa tribo, coa lingua. Eses son tamén os esteos nos que asenta Exhumación, un texto de estrutura moi ben trabada: un poema adro e dous grandes bloques de composicións, ambos con trece mostras. O primeiro significativamente intitulado “Non dominar”. O segundo, tamén con intención, “Non deixarse dominar”.

Polo medio, proclamas e chamadas á loita insubmisa, apelacións á fraternidade dos pobos e das xentes para a consecución dun mundo mellor, para a supresión do clasismo e a explotación, o escravismo e o apartheid, a prol sempre da convivencia pacífica, do ecolingüismo e a protección do medio, a integración e a solidariedade.

Estes poemas ex-human, tiran da terra os mortos que matamos ben matados, sacan á luz as nosas miserias de humanos lobos para outros humanos e apelan á dignidade, á nobreza dos sentimentos para se soerguer e bradar polo que é xusto, polo que é honorable, polo que é fraterno.

Contra toda cóbrega ética, para superar os Ellis Island excluíntes, para que non haxa señores Afranio en perpetua marxinación, a única saída é a insurrección, trabar os dentes e dicir non, saber da nosa resiliencia, ser conscientes de que somos quen de cambiar o mundo para mellor.

Polas páxinas de Exhumación cruzan tamén as sombras da Historia, a lembranza das derrotas heroicas, os Proclamamos a exhumaciónmártires que cómpre non esquecer para seguir facendo camiño. E unhas veces estes chámanse calaicos contra os romanos, outras Fusquenlla, Pancho o derradeiro maquis, o irmán caído na Caeira ou o proletariado tronzado polo amianto na Bazán. Todos son vítimas da barbarie de quen non soubo convivir, de quen quixo dominar acabando con calquera cultura da paz.

Os versos de Abalde Covelo espellan o diálogo con múltiples voces, dende Gingsberg ata Ferrín, pasando por Darío Xohán Cabana ou Chus Pato, esta última moi especialmente, pois moito hai aquí de libros como Secesión ―unha cita deste volume abre o poemario― ou Hordas de escritura.

A utopía é “espertar do pesadelo”. O soño é unir os “apátridas, sans-culottes, quilombolas,/ intocábeis, gens de rien” e camiñar cara á “primavera dos pobos”. A esperanza é “o abraio/ de ver medrar/ o trigo na proclama”.

Por iso, como a Francisco Martínez Leira logo de caído, tamén na nosa casa lectora “lle gardamos o sitio” a Marcos Abalde Covelo, no desexo de que a cadea de mans de negros e brancos que ao Martí poboa a cuberta do libro sexa algún día o paraíso na Terra e que non haxa máis “amnesia feroz que nos liquida” nin “libros de historia que nos esquecen” nin “ladaíña do quebranto” nin “gándaras de aldraxe”. Só “a bondade que abre camiños”, “santuarios de tenrura” e o “tremor da voz” restaurando “o lume comunal”. Sexa.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES