Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

É de silabario...!

jueves, 22 de diciembre de 2016
Cando un sinxelo observador, na sociedade na que vive e da que forma parte, intenta escoitar, para aprender, as opinións de persoas cunha indiscutible preparación académica e un non desprezable currículo profesional, sobre todo en debates televisivos, encóntrase cunha serie de actuacións automatizadas: a pegada ideolóxica está sempre presente mediatizando o discurso. Claro..., hai excepcións; pero xustamente onde non se esperaban.

Por iso eu, modestamente, penso que nesta sociedade das presas e dos versátiles itinerarios para chegar o antes posible aos puntos que nos asignamos na vida en sociedade, non queda espazo para a necesaria e sosegada reflexión, algo que non deberíamos esquecer dos nosos antepasados máis serios e de admirable proceder. Lembremos como antes de tomar unha decisión ou de dar unha contestación a unha pregunta de certa entidade adoitaban dicir ao interlocutor o seguinte: TEÑO QUE PENSALO; DÉIXAME TEMPO.

Pero como temos que presumir dos nosos recursos intelectuais instantáneos, para ocultar, non tanto a ignorancia, como a parsimonia pouco eloxiable nesta trepidante sociedade, ceibamos a lingua, “botámola a pacer”, como se di coloquialmente, e disertamos o que nos aporta ese aparato dixital que xa estamos consultando cando nos formulan a pregunta, de tal maneira que a contestación automática está salvada cunha dose de adobo da correspondente ideoloxía. O oínte menos perspicaz xa intúe o que vai argumentar o expoñente da quenda.

Isto paréceme que é de silabario!. Se os interlocutores están provistos dunha boa preparación e teñen un currículo profesional aceptable, cando desbarran é evidente que non fan bo uso dos recursos que posúen. Que non se entende?!. Non me estraña, porque vivimos nunha sociedade chea de paradoxos. A ver se este exemplo nos di algo. Vostedes, amigos lectores, coñecen coma min casos de brillantes profesionais que, metidos a políticos, cando falan, e se esperaba deles lucidez e cordura, están tan descoñecidos que un xa empeza a dubidar de aquela “brillantez”: Semellan autómatas; a robotización apoderouse deles. E nalgúns casos, a acracia converteuse nun cebo que augura unha dinámica social non só irracional senón tamén escasamente razoable, que non encontra adecuada resposta e ata parece que hai vergonzosos reparos en dala por quen procede facelo.

Por outra parte, tampouco basta a insistencia na defensa da unidade e da soberanía nacional, así como o axioma de que todos os españois somos iguais (en referencia ao impacto das diferenzas autonómicas); é preciso un dispositivo legal que permita ao Estado defender este dereito contra actitudes ou intentos de atacar esa unidade e castigar exemplarmente as accións daqueles que publicamente ridiculizan as institucións; e o goberno tivo ocasión de acadalo. Agora tal vez chegou tarde. Polo tanto, a robotización nas súas intervencións do Sr. Presidente do Goberno, amalgamando a evidencia teórica coa ineficacia práctica, en reiterados estereotipos lingüísticos, esgótalle a paciencia a calquera e non informa a ninguén.

Espero que, desgraciadamente, non sexa unha esaxeración afirmar que estamos dando pábulo a un certo grao de insensatez: Pedir máis garantías de liberdade de expresión e de manifestación nas rúas, coincidindo co que estes días vimos en Cataluña, non só é inoportuno, senón que incluso parece un descarado deslice parlamentario en boca dos que adoitan manter un eloxiable comedimento, salvo excepcións persoais de infantil e itinerante teimosía.

Todo isto faimos presaxiar unha perigosa e deliberada convulsión social, que pode esvaecer a necesaria responsabilidade das novas xeracións, cunha configuración persoal moi afastada do que corresponde ás esixencias contextuais; e desde esta perspectiva tal vez non sexan capaces de valorar adecuadamente o alcance duns comportamentos sociais que deveñen normais nas relacións entre xeracións, como sempre ocorreu na dinámica histórica. Porque, nesta etapa histórica, están emerxendo factores novos de fonda descontinuidade, incoados nun cambio precisamente non só xeracional, senón que tamén entra en lide a pertinencia de considerar ata que punto o automatismo tecnolóxico estea, sen decatarnos diso, modulando xa os nosos comportamentos e traspoñendo os principios, mediante o ateigamento informativo de realidades virtuais. Expliquémolo un pouco.

Un interesante traballo de D.Javier Elzo, Catedrático de Socioloxía, espertou o meu interese por coñecer algunha das ideas de Nicholas Carr, escritor norteamericano, que, entre outras temáticas, dedicouse aos efectos da tecnoloxía nas sociedades. Publicou unha obra titulada, en tradución ao español, en Taurus, 2.011, ¿QUÉ ESTÁ HACIENDO INTERNET CON NUESTRAS MENTES?. SUPERFICIALES (sic), que segundo puiden comprobar en Wikipedia, sigue desenrolando a temática iniciada noutra obra anterior con este título significativo: ¿ESTÁ GOOGLE HACIÉNDONOS ESTÚPIDOS?. Ata aquí as referencias ás autorías, ás que parece prudente acudir se a crítica propia nos advirte da nosa insuficiencia!!.

No prólogo da primeira obra citada, N. Carr fai alusión a Marshall McLuhan, quen, aló polo ano 1.964, xa declaraba que as novas tecnoloxías da comunicación naquel momento influían na nosa mente ao través das mensaxes, e, polo tanto, nos nosos actos e pensamentos, incrementando a información e diminuíndo o coñecemento.

Isto, e outras razóns que aquí non lles podo ofrecer, en aras da brevidade e as miñas limitacións, levaron ao sociólogo a preguntarse ata onde a humanidade perderá o control sobre si mesma nun futuro posthumano. É dicir, se o home /a muller acabará robotizándose como consecuencia dos avances tecnolóxicos, xa que está confirmado que as nosas experiencias regulan o vigor das conexións entre as neuronas (os mecanismos sinápticos), producindo cambios fisiolóxicos, que permiten a remodelación da mente e dos PATRÓNS DE COMPORTAMENTO.

Por conseguinte, penso que tampouco poden descartarse estas razóns a hora de intentar buscarlle algunha explicación aos feitos que deixo relatados nos primeiros parágrafos desta colaboración: A veces, parece descubrirse indicios de que o home, aínda ben preparado, é incapaz de controlarse a si mesmo, sen decatarse de que os planeamentos ideolóxicos transportados doutros tempos non encaixan, nin pola esquerda nin pola dereita, sementan o paradoxo e xeran crispación, no DICIR e NO FACER, nesta sociedade en profunda transformación.

Acaso non compre, pois, buscar espazos para a reflexión e recursos en quen se supón que pode brindarnos un mellor saber ...?. Porque no pasado xa non estamos, estivemos (así e todo non é pouco contar con el); o presente é un chisco de tempo, que no deberíamos dilapidar en frivolidades, e no futuro nunca estaremos (co permiso dos físicos cuánticos), mais podemos arranxar algo con vistas a el, intentando reducir as inevitables sorpresas que trae ao presente. Isto tamén é de silabario, e, as veces, parece que aínda non pasamos de deletrealo.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES