Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Casan ou non casan humor e relixión? (IV)

jueves, 22 de diciembre de 2016
Remataba o xoves pasado dicindo… (e agora que o penso, cando rematei foi o mércores pra que puidesen publicar o artigo o xoves, pero, claro, como, o mércores ninguén me podía ler, é coma se dixese, falase, o xoves, ou non? Ben, pois, dicía que xa dixera máis atrás que o humorista descobre caras ocultas da vida e das cousas. Só por iso un humorista non pode ser un superficial, senón un pescudador e un crítico. Os superficiais son máis ben os papanatas que comungan e fan comungar a diario con rodas de muíño ou con programas electoralistas de segunda man sen darse conta de que non son roscas. Por iso tamén hai moitos que se senten molestos ante os humoristas. Por temor a que lles descubran ese lado escuro que tamén se chama roupa sucia.

Mira, logo, por onde un humorista, en lugar de ser un bufonciño pra divertimento de damas e cabaleiros de alta alcurnia, que non é o mesmo ca alta cornamenta, ata pode acabar sendo recoñecido coma un filósofo. Algo diso debeu albiscar o poeta latino Horacio Flaco cando afirmou que “O humor é unha lóxica sutil”. E de case todos é sabido que a lóxica é unha parte da filosofía moi desacreditada. Pro iso nosoutros en vez de dicirlle a calquera: “A ver se tés lóxica”, dicímoslle: “A ver se tés sentidiño”.

En marzo do ano 2000 foille entregado o premio Quevedo a D. Antonio Mingote. Pra que vexas que me informei, este premio recoñece os méritos de humoristas gráficos sobranceiro españois e iberoamericanos. O encargado de entregar o premio nesa ocasión foi D. Mariano Rajoy, que daquela era vicepresidente do executivo e aínda lle facía rir a Aznar de vez en cando por tras do bigote. Entregoulleo diante dos reis que sorriron prá foto ó unísono, porque na intimidade hai que di que sorrían cada un polo su lado.

Ben, pois vou ó caso de que dixo Don Mariano: “Antonio Mingote, como todos los grandes humoristas, es filósofo, sociólogo, psicólogo, politólogo...” Permítome recalcar o de “como todos los grandes humoristas”; porque non debe confundirse un auténtico humorista cun contador de chistes, aínda que os conte con gracia. E moito menos con algúns que cobran por humoristas galegos e o que fan é deixar os escenarios, ou os platós de televisión, ou os palcos de festas, lastrados de inmundicias, de procacidades, de vulgaridades e de irreverencias.

Por iso dóeme comprobar como algúns que se din humoristas, e humoristas galegos, fraco favor nos fan, pois viven de denigrar a nosa lingua ó mesmo tempo que cren facer gracia faltando ó respecto debido ó público a base de vomitar porcalladas e de ridiculizar os modos de falar dos que conservaron e conservan a nosa nobre lingua. Non é menos doloroso comprobar como con recursos públicos se promociona outra ralea de falsos humoristas que van pintando ós galegos e galegas como deficientes psíquicos, cando os galegos temos grandes doses de humor que en non poucas ocasións tivemos que desenvolver como mecanismos de defensa. Penso que en boa parte nese fondo sentido do humor, como corresponde ós que medramos nesta terra húmida, está enraizada a nosa retranca tan maxistralmente posta de manifesto polo profundo e xenial Castelao nos seus debuxos e nos seus escritos.

Tamén quixera aclarar con relación a Don Mariano que “los hilillos como de plastilina” do Prestige foi no 2002, e como aquela humorada fixo moi pouca gracia, Don Mariano foi perdendo moito humor.

Xa irá indo ben de falar das patacas; pero permíteme, antes de pasar a falar dos ovos, que neste caso representarían á fe cristiá, contar que unha noite, sendo Presidente do Goberno ZP, -razón pola que se zapeaba moitísimo pola noite e polo día-, andei eu probando sorte a ver se atopaba acougo nalgunha cadea e batín cunha flor. Era o xenial humorista Coll que estaba afirmando que o humor ten que ser fino, agudo, nunca irreverente, e sempre enxeñoso, deixándolle ó espectador a satisfacción de descubrir o que se quere dicir por detrás do que se di...

Sae este artigo, esta colaboración, en vésperas do Nadal. Pra algúns, da celebración das navidades, pra outros, eu entre eles, da Navidade. E, en primeiro lugar quero desexar, paz e ben. Felicidade pra todos e todas. Ben sei que é unha utopía, que non é posible; pero tamén sei que podemos axudarnos uns ós outros a ser moito máis felices. Non nos enganemos, Dios non nos vai facer felices se nós nos empeñamos en facernos desgraciados.

Tamén no Nadal a Palabra Divina faise Carne Humana, para que sintamos a satisfacción de descubrir o que se quere dicir, por detrás do que se di.

Prá felicidade o mellor camiño é o amor e ó amor tamén lle axuda o bo humor. Digo máis: O bo humor é amor. Moito amor nos debe ter Dios pra ter o humor de facerse un máis entre nós
Hai que celebralo!
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES