Don Orozco, siga, siga...
Xiz, Xulio - martes, 27 de febrero de 2007
O mércores celebrouse o Enterro da Sardiña con toda a súa carga de crítica ó poder, concluíndo que hoxe coma onte- a casa do Concello segue a ser a casa de tócame Roque.
Criticouse ó PSOE gobernante, ó BNG ex gobernante e ó PP opositor, co que todo discorría polas canles previstas da aparente desmesura, da iconoclastia, do atrevemento fronte ó poder, mesmo desde o punto de vista físico, xa que carpas e escenario están postos alí polo concello.
O estribillo que cantaba o público, arengado desde o palco, figuraba nunha folliña na que alguén escribiu: O LEMA DO CONCELLO /LUGO PATAS ARRIBA / PRA QUE TODOS DIGAMOS / DON OROZCO, SIGA, SIGA...
Todo normal. Eu recibín unha destas follas, que conservo. E nelas non hai nada estraño. Estraño era o reparto. Recibina dunha persoa uniformada que amosaba no peito o rótulo de Concello de Lugo. Protección civil.
Se era un disfrace, moi ben conseguido. Prefiro crelo así. Porque sería moi grave que o concello se implicara deste xeito convertendo unha festa do Antroido nun acto electoral con utilización de medios e persoal público.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora