Hai illas literarias que permanecen longo tempo mergulladas nas profundidades. Ata que emerxen á superficie ninguén da mariñeiría crítico-literaria é quen de avistalas, por iso cando se fan visibles a súa contemplación sorprende e ata intriga.

Entre as illas autoriais máis incitantes deste último lustro ficou anotada no meu caderno de bitácora a insua Ignacio Vidal Portabales, un territorio narrativo de orixe volcánica que atrapa na fulguración da súa lava benhumorada e incisiva.
O avistamento primeiro produciuse coa publicación de Dióxenes en Dolorida (2013), novela coa que o escritor compostelán gañou o Premio Blanco-Amor no 2012. Ata ese momento apenas se dera mostras de actividade magmática alzándose con algúns galardóns poéticos de mocidade, pois as súas erupcións circunscribíanse á bibliografía técnico-legal propia de quen é profesor titular de Dereito Mercantil na Universidade de Santiago. Por iso, a aparición desta suxestiva narración disparou a miña alarma de vixía, xa que detectei no horizonte unha ondulación literaria de estimable proporción e non poucas calidades, o que me convenceu da necesidade de fixar a ollada naquel punto de ben interesante emerxencia novelística.
Asoma agora por estribor un reverdecer da insua Ignacio Vidal Portabales, cunha flora e fauna abondo singular bautizada como O inspector e mais eu, título da novela que publica en Xerais e que confirma as boas sensacións que deixara a súa opera prima.
O inspector e mais eu é unha narración híbrida, que participa por igual da intriga detectivesca e, polo mesmo, pode lerse como narrativa policial (hai un caso que resolver: o secuestro dunha menor), mais é tamén unha novela sobre o amor, unha novela íntima e sentimental, pois explora as relacións e afectos dun tríade de personaxes. Agora ben, estes tres personaxes (Sandra Val, a fotógrafa boudoir que narra a historia; seu irmán Chus, un cerralleiro chambón moi boa xente; e o inspector Roque Barallobre, un adonis pouco perspicaz para captar as indirectas amorosas) funcionan como paradigmas, polo que, por metonimia, a obra se transforma nunha novela psicosocial, que explora o complexo, sorprendente e impredicible territorio das relacións interpersoais.
Todo o anterior, para que a lectura universalice, está narrado nun tempo esvaecido, que vagamente deducimos se corresponde coa actualidade, e nun espazo imaxinario, a vila de Marende, que parece responder a unha amálgama de localidades reais, Compostela entre elas, tamén outras localizacións da Arousa e varia parte.
Entre o máis salientable deste libro coido que se atopa a atractiva caracterización do personaxe central, a narradora protagonista, chea de matices, de luces e sombras, nin mexeriqueira nin femme fatale, muller segura de si mesma que sabe o que quere e o que demanda do outro sexo.
Valor tamén destacado destas páxinas é o que elas teñen de inmersión na cara oculta dos individuos, abríndose a unha fonda reflexión sobre o aparente fronte ao real, fustrigando as moitas hipocrisías e opinables

pactos sociais, reflexionando verbo do politicamente (in)correcto.
Tamén si, merece poñerse de relevo a subversión paródica, a crítica mordaz e mesmo a sátira e o esperpento que pairan en non poucos treitos. Hai en toda a obra un emprego revelador do humor, ferramenta coa que a crítica se fai ao tempo máis amable e aceirada e da que non se salva ninguén: nin os corpos e forzas de seguridade do Estado, nin os cerebros detectivescos, nin os MacGyver que falsamente inzan, nin as relacións Disney, perfectamente caramelizadas e inverosímiles.
O resultado é unha novela de sólida arquitectura, cunha estrutura cremalleira na que se nos vai contando cun ganduxado de tempos e visións cribadas pola voz narradora e onde as costuras do motivos e elementos teñen un finísimo e resistente dobre cosido, de xeito tal que nada no relato fica ao chou e todo remata atado e ben atado, mesmo o final da obra, que ofrece unha reviravolta inesperada que gañará a complicidade do lector e asemade o sumirá no asombro marabillado.
Divertida, lúcida e vizosa, así se presenta O inspector e mais eu, unha novela coa que a illa literaria Ignacio Vidal Portabales ratifica que chegou para quedar. Felices nós como navegantes lectores.