Xaquin Campo Freire cumpre 80 anos
Organizadores da Homenaxe a Xaquín - sábado, 17 de diciembre de 2016
Neste ano que entra, 2017,Xaquín Campo Freire cumpre 80 anos.E as Irmandades da Fala tamén se fan centenarias. O Xaquín sempre lles tivo moito aquel. Desde o teatro galego, que el tanto cultivou, axudounos a coñecer de preto este movemento exemplar.
Un grupo de amigos estamos a promover unha celebración sinxela, comunitaria e civil, condicións que el puxo para aceptar.
Sinxela.Sen fastos nin gastos. Un acto festivo de creación colectiva onde todos nos encontremos gustosos celebrando que somos amigos e que loitamos xuntos por unha sociedade máis xusta e igualitaria. Onde non hai principais e secundarios. Cada un vale polo que é. Non polo posto que escalou. Unha xuntanza de persoas amigas que nos fomos vinculando nunha traxectoria desde o sermos. Non desde o poder.
Comunitaria.Non celebramos os anos dunha persoa. Celebramos que neses oitenta anos todos fomos cumprindo os nosos anos, os propios e os dos demais. E neses anos de vida todos fixemos o posíbel por enchermos de vida a sociedade na que nos tocou en sorte vivir, ser e estar. Por iso é un acto comunitario.Somos comunidade e todos participamos en diversos grupos comunitarios nos que estamos presentes, con erros e acertos, con idades diversas e formas de sermos distintas: Nenos e anciáns, mulleres e homes, solteiros, casados ou noutros estados de relación. O importante é a vida. Queremos celebrar esa vida.
Civil. Somos cidadáns do mundo. Sen negarmos que temos raíces concretas. Abertos a todos e tolerantes. Pero con autoestima. Sabendo que tamén nós aportamos ao mundo uns valores.
Dentro do respecto mutuo o noso xeito de ser non ten de asoballar a ninguén. Pero tampouco temos por que auto destruírmonos. Temos familias e delas herdamos unha fala, tan digna coma todas as falas. Temos cultura e formas de sermos e presentármonos. Con elas os nosos foron axudando a facer o mundo. Temos credos e cosmovisións diferentes. Pero entre todos loitamos por unha sociedade libre e respectuosa.A vida, por ser civil, únenos a todos. Todos temos lugar.Ninguén está fóra de sitio. Somos unha sociedade integrada e integradora.
Pois con estas características estamos a crear unha celebración onde, coma nun mosaico,cada persoa poña unha pequena tesela. E dentro dese mosaico tamén está o traballo, a idea, a pedagoxía, o modo de ser e actuar de Xaquín. Para moitos de nós foi un referente gozoso e importante. Pero el insiste en que nós fomos quen o construímos a el e que nos está moi agradecido ese ese acto serve para dar as grazas a todos pola vida comunitaria, de todos e cada un, benvida sexa a ocasión.
Esta é unha primeira noticia. Seguiremos informando. Temos un correo no que cadaquén pode expresar ideas, apoios, colaboracións, etc.:
ganduxandovidas@gmail.com
A nosa intención éque sexa un acto moi rico. Cheo de vida. Moi gozoso.
Contamos con todos!
Contamos contigo?
Pois dínolo. E xa somos outro más.

Organizadores da Homenaxe a Xaquín
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora