Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un autor a tomar en serio

viernes, 16 de diciembre de 2016
Testemuñas da Memoria:
Un autor a tomar en serio

A primeira vez que asistín á presentación dun libro foi a principios dos anos 80 do século pasado na libraría Sargadelos de Madrid. Presentaban un libro galego. A segunda vez foi, 30 anos despois, na libraría Eixo de Ourense. Presentaban un libro castelán, pero escrito por un galego; de Ourense. Unha barbaridade de distancia no tempo. Pero por unhas ou outras circunstancias, non tivera a ocasión. E con todo o que a min me gusta a literatura, en xeral, e os libros, en particular.

O pasado mes de decembro o escritor ourensán Edmundo Díaz Conde presentou o libro “O home que amou a Eve Paradise”. Non é un libro calquera. Non se lle dá a todos o Premio de Novela Ateneo de Sevilla, en concreto, na súa 56ª edición. A ver, o premio este tampouco é un premio calquera, pois o certame ben sei eu que ten un certo prestixio, é dicir, que non é peixe podre.

“O home que amou a Eve Paradise” é unha novela negra ambientada no turbulento Chicago dos anos 20, chea de paixón, erotismo e intriga, cun estilo bastante cinematográfico, uns espléndidos diálogos e moi fácil de ler, que versa sobre unha diva do cine mudo de orixe sevillano chamada Eve Paradise. Novela de crimes e bicos; porque a vida bascula entre os dous extremos: amor e odio, morte e bicos. O sexo trátase con delicadeza e, ó mesmo tempo, con certa crueza, con certo rigor.

A protagonista quizais teña a orixe sevillana porque Edmundo Díaz Conde, aínda que nado na nosa cidade, máis en concreto, na Avenida de Portugal, vive en Sevilla desde hai uns 20 anos, onde traballa como funcionario da Administración de Xustiza. Os seus primeiros estudos foron no colexio Angelita Paradela, e a partir de 5º de EGB nos Salesianos, que tampouco é cousa de pouco.

A Edmundo Díaz pasoulle o mesmo que a un servidor: que o aburrimento foi o causante da súa paixón pola lectura e pola escritura. E empezou como creo que empezamos todos: cos típicos versos de namorados porque, a esas idades, que esperas da vida; nada, simplemente arrastrarte, angustiarte e consumirte pola máis bonita do baile. Que non conquistarás, claro. Mais iso é o bonito para escribir versos. Se a conquistas, a paixón xa vai ó carallo. O que pasa é que Edmundo empezou seriamente, é dicir, que non foron as típicas ducias de poemas que quedan aí tan só como constancia de que durante un tempo estivo namorado. Que va! Conseguiu agrupalos nun libro de poemas ó que titulou “Peculiaridades”. Agora di que eran horrorosos e tremendos. Non creo que sexan tan negativos. Se foran negativos ninguén o alentaría. Pero alguén o debeu alentar (aínda o aburrimento?), pois el, testán, seguiu e seguiu e seguiu. Ata acadar algún premio, o que máis ou menos significa o xa dito: que non eran tan horrorosos nin tremendos.

Estudou Dereito en Santiago e ó aprobar a oposición largou para Madrid, onde escribiu a súa primeira novela, “Jonás o estilista”, que xa acadou un premio en Badaxoz. Casou e trasladouse para a capital de Andalucía. Alí xa redactou as súas seguintes novelas: “A cidade invisible”, finalista do premio que acadou con “O home que amou a Eve Paradise”. Despois chegaría, no 2004, “O club dos amantes” e con “O veleno de Napoleón” tamén foi finalista do Premio de Novela Histórica Alfonso X O Sabio. No 2013 saca á luz “O príncipe dos piratas”. E, por agora, chegou ó libro causante desta reportaxe e o causante de que por fin coñeza en persoa a este gran escritor que, con tan poucos libros, acada premios e chega a finalista doutros. Isto significa que hai que tomalo en serio, moi en serio.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania