Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Casan ou non casan humor e relixión? (III)

Carballo, Xosé Manuel - jueves, 15 de diciembre de 2016
Entretívenme o xoves pasado en dar, engadindo algún comentario, varias definicións de humor, humorismo e humorista dadas por persoas moi coñecedoras do tema, e metín unha miña entre as outras pra disimular. Poderían recollerse moitas máis ou incluso inventalas e atribuírllas a algún morto ou a un tal Writer Witty and Funny, catedrático de filosofía do sorriso da universidade Supine Illiteracy de Ningures, porque nin el nin ela existen. Pero lévanse máis do que se prensa esta clase de inventos. A súa credibilidade, incluso entre cabreados e aguzados intelectuais, depende moito da contundencia, circunspección e adustez de rostro con que se diga e de que haxa abondosas citas bibliográficas ou notas a pé de páxina. Por iso eu prescindo delas. O que queira crerme que o faga por min e non por un numeríño entre parénteses e unha letriña máis miúda. E o que non queira crerme que non o faga ou que busque no seu servidor dixital. Tampouco hei de dálo todo feito, non?

Algún dos que fixeron opción vital por vestir permanentemente cara de ferreiro que colleu sen luvas o ferro quente polo lado que non debía, chegan a afirmar que a risa é impropia da conduta dun cabaleiro que se prece. A cousa ven de lonxe, que, polo visto, xa Aristóteles dixera que o que estimula á risa forma parte do feo, do defectuoso, porque o harmónico non fai rir.

Coma se non houbese harmonías no humor gráfico de Siro, O Carrabouxo ou Quesada, ou no escenificado de Gila. Ou no estático de Eugenio. Estache bo Aristóteles! Non o esperaba del!

No campo eclesiástico, aló polo ano trescentos e pico, San Basilio de Cesarea, filósofo e un dos santos padres da Igrexa, prohibíalles ós seus monxes e ós ascetas, rir nin pouco nin moito.

Umberto Eco, na súa novela “El nombre de la rosa” fala dun frade que tiña as cellas queimadas polos inxentes estudos, que viña a afirmar que a risa ata é pecado; porque lle pón ó home cara de mono e iso, claro está, degrada a dignidade humana. Canto machismo nos homes de igrexa! Coma se á muller non lle puxese tamén cara de mona! Claro que no caso da muller a cousa cambia, xa que non consta que nunca se picase ningunha muller por dicirlle que é moi mona.

Nesta sociedade que nos obriga a vivir en permanente frustración; porque nunca damos xuntado o suficiente pra mercar o que constantemente nos están dicindo que nos é absolutamente imprescindible pra vivir felices; por exemplo: cada un deses mil trescentos trinta e sete desodorantes e perfumes sen os que nunca ningún home nin ningunha muller caerán rendidos ós teus pés, nesta sociedade tamén hai moitos ós que lles molesta escoitar rir e que mesmo sospeito que perderon a capacidade de facelo. Non vos fixades en cantos e cantas deambulan pola vida co ceno fruncido, cara acartonada e semblante ierático e irsuto? E despois, gastan verdadeiras fortunas en facerse “liftins” pra borraren as imborrables secuelas de tanta falta de distensión.

É lóxico, xa que logo, que tanto pra moitos filósofos de idades pretéritas, coma pra algúns da contemporánea, -profesores de universidade e eclesiásticos de ilustrísima pra riba tamén-, todo canto sexa considerado como importante e valioso se ligue indisolublemente ó serio. E, pola contra o risible, o cómico, o humorístico, se ligue indisolublemente ó non serio, ó superficial.

De aí a cualificar ós humoristas como persoas superficiais e ó humorismo como unha trangallada de xente de pouco peso, non hai nin que dar medio paso.

Menos mal que alguén recoñecido universalmente como profundo coñecedor da personalidade humana, Sigmund Freud, escribiu: “O humor é a máis alta manifestación dos mecanismos de adaptación do individuo” Adaptación a que? Pétame pensar que a un mundo hostil que a miúdo trata de esmagar ó individuo sen piedade. Por certo que Freud tamén deu a súa definición de humor dicindo: “O humor non resigna, desafía. Implica non soamente o triunfo do Ego (o Eu), senón o principio do pracer que atopa nel o medio de afirmarse, a pesares das desfavorables realidades exteriores”.

Teño dito máis dunha vez que os verdadeiros humoristas deberan ser especie protexida e mesmo receitados pola seguridade social. Pois resulta que non vos é ningunha coña; porque xa teredes oído falar da risoterapia ou da terapia da risa. E se digo que a Asociación Española de Neuropsiquiatría fixo non hai tantos anos unha versión ó español dun tratado sobre a risa do francés Laurent Joubert? Por algo será, non?

Nunha revista de medicina e non precisamente das moribundas que malamente sobreviven expurgadas das mellores follas polas sas de espera dos centros médicos, atopei un artigo que dicía: “Hoxe, a crenza científica nos efectos da risa na saúde descansa maiormente nos ombros dos doutores Lee Berk e Sanley Tan, ambos da Facultade de Medicina de Loma Linda, en California. A risa, -din-, agudiza as habilidades da maioría dos instrumentos do noso sistema de inmunidade. Activa os linfocitos T e as células de ataque, as que axudan a destruír os microorganismos invasores. A risa aumenta tamén a produción de novas células de inmunidade e reduce os niveis de cortisol, a hormona do estrés, que pode debilitar a resposta do sistema de inmunidade”.

Tampouco eu entendo todo o que acabo de transcribir, pero xa vou estando resignado a aceptar sen compremder as linguaxes peculiares dos distintos colectivos. Ó principio custoume o seu, e grazas que non me custou tamén o meu, porque unha vez que fun a un traumatólogo pregunteille:

-Podería dicirme, de maneira que eu o entenda, a que se debe exactamente a miña coxeira, porque nos informes fálase do aceptábulo esquerdo, da ala ilíaca, do poplíteo externo e de parseia do ciático, pero non dou conxuntado todo iso.
El mirou a radiografía e, sen poñerme a andar nin apalparme, díxome:

-Propiamente usted no cojea. Diríamos, de modo que me pueda comprender, que claudica de izquierda.

-Non entendín máis do que xa levaba entendido, pero fun directamente o asunto:

-Bueno, pero podo falar cun avogado que traballa niso a ver se teño dereito a unha pensión permanente ou a un tanto alzado?

-Está usted bueno! No levante la liebre, no vaia a ser que le suban la retención del IRPF, porque tiene ventaja en las curvas cuando le coinciden sobre la izquierda. ¿No ve que al tener la pierna izquierda más corta tiene la derecha más larga y se complementan mutuamente?

Saín da consulta medio cabreado, pero ó mesmo tempo convencido de que non coxeaba, senón que só claudicaba. E a pouco me esfacho na escaleira mecánica.

Pois se iso pasa coa linguaxe dos médicos, que dicir da eclesiástica? Manda moito sursum corda e moito conservare digneris!, ou non?

Dicía máis atrás que o humorista descobre caras ocultas da vida e das cousas. Só por iso un humorista non pode ser un superficial, senón un pescudador e un crítico. Os superficiais son máis ben os papanatas que comungan e fan comungar a diario con rodas de muíño ou con programas electoralistas de segunda man sen darse conta de que non son roscas. Por iso tamén hai moitos que se senten molestos ante os humoristas. Por temor a que lles descubran ese lado escuro que tamén se chama roupa sucia.

Se non hai cousa de novo, seguiremos pra xoves.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES