Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

China moderna, de Xulio Ríos

miércoles, 14 de diciembre de 2016
China moderna, de Xulio Ros A modernización de China que lidera o Partido Comunista é máis un proxecto histórico e cultural ca ideolóxico. Trátase de pechar o capítulo da decadencia iniciada fai dous séculos situando de novo a China no epicentro do sistema internacional, asegura Xulio Ríos na súa máis recente obra “China Moderna”, que abre a nova colección “Una inmersión rápida” de Tibidabo edicións.

Ao longo das súas duascentas páxinas, Ríos aborda os aspectos políticos, económicos, culturais e sociais da reforma en China pero afondando nas súas claves históricas. Conclúe así que, nunha China de dinastías, o Partido Comunista configura a primeira “dinastía orgánica” da súa historia, de forma que os seus máis de oitenta millóns de membros supoñen a actualización do vello mandarinato que durante séculos gobernou o vello Imperio do Centro.

Ideoloxicamente, os comunistas chineses son eclécticos. Ao pensamento partidario (forxado durante o maoísmo e a reforma) suman o pensamento occidental (marxismo pero tamén liberalismo) e igualmente o pensamento tradicional, tan denostado noutras épocas. Onde os occidentais observan un galimatías pletórico de contradicións, os chineses enxalzan a unidade dos contrarios primando unha cousa ou outra en función das demandas dunha conxuntura concreta e sen temor a incorporar preceptos ao uso nas nosas coordenadas como o Estado de dereito ou o imperio da lei.

A síntese de toda esta metamorfose é un hibridismo sistémico. Socialista ou capitalista? Na China de hoxe, debedora do mercado e da propiedade privada, podemos recoñecer tamén o alargado peso da economía planificada e da propiedade pública, de forma que o Partido Comunista detenta aínda poderosos resortes para decidir o rumbo dos máis importantes asuntos. É máis, pese ao profundamento da reforma, o Partido non se imaxina renunciar ao control da economía e manterao non só a través do seu imperio normativo senón dispoñendo as súas organizacións nos segmentos do poder económico -tamén privado- e configurando a súa propia base de actuación nos sectores estratéxicos.

A clave do futuro desta China no século XXI, ademais do desenvolvemento, é a preservación da soberanía nacional, a súa capacidade para evitar caer nas redes de dependencia de EUA e o mundo occidental, preservando un proxecto autónomo. É por iso que non cabe imaxinar que o desenvolvemento destas décadas derive sen máis nunha democracia de signo liberal na orde interna. No global, o reto máis delicado é o engarce pendente co sistema financeiro internacional, un proceso en curso que China aspira a lidar con éxito reducindo a vulnerabilidade. Ese proxecto nacionalista ten no político desafíos territoriais importantes, xa falemos das nacionalidades minoritarias ou Taiwan.

En política exterior, ausente de vocación mesiánica ou hexemónica, cabe advertir contradicións importantes que veñen ditadas por un aumento substancial das súas necesidades estratéxicas ou polo novidoso feito de que por primeira vez en toda a súa historia, o presente e o futuro do xigante asiático depende en gran medida da súa presenza e proxección exterior. A economía seguirá sendo a punta de lanza da estratexia internacional de China pero as súas necesidades estratéxicas poden cristalizar en cambios significativos da súa tradicional política neste ámbito.

Socialmente, China debe facer fronte a importantes desafíos. avanzou moito na redución da pobreza pero a mellora xeral dos dereitos humanos é unha gran tarefa pendente. Por outra banda, os retos ambientais son xigantescos e requirirán grandes esforzos durante moitas décadas como tamén a preservación de certa xustiza social, o combate da corrupción ou a superación dos desequilibrios territoriais.

A fase actual do proceso de reforma representa un momento crítico. O novo modelo de desenvolvemento asociado á nova normalidade, con índices de crecemento máis baixos do habitual, demanda un gran impulso transformador, a definición dun novo equilibrio que no económico abra camiño a unha economía baseada no consumo e os servizos e no político supoña oportunidades para as clases medias ascendentes. Un malabarismo no que as autoridades chinesas xóganse o éxito ou fracaso de máis dun século de afán modernizador.

En suma, China acariña o soño de afirmar a recuperación da grandeza de outrora. Conforme aumenta o seu poder, progresa tamén o seu propósito de excepcionalidade, trazando os límites dun camiño propio que Xulio Ríos debuxa con orixinalidade e destreza nunha síntese que o profesor Romer Cornejo, do Colexio de México, non dubida en cualificar de brillante e precisa.
GaliciaDigital
GaliciaDigital


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES