A Bolsa e a Vida
Editorial - lunes, 26 de febrero de 2007
Agardábase que a bolsa española medrase un dez por cento no decurso do ano 2007, e a mediados de febreiro xa leva subido un 5,5%. Estes días con máis lentitude, pero en total a paso de carga.
Parece como se a bolsa estivese empeñada en levarlle a contraria á realidade. Aumentan as dificultades, soben os intereses e as hipotecas, e a bolsa dispárase.
Cómodo xeito de investir aínda que arriscado, a bolsa que causou fondos pesares ós investidores a comezos deste século- recuperou o perdido e sobe imparable nos últimos tempos como para demostrar que os seus altibaixos non teñen que ver coa marcha da economía nin coa racionalidade, e entre Opas e veras, pode manter vivo un mundo diferente do real onde se xoga coa maior alegría cos investimentos de pobres e ricos.
A bolsa é un lugar restrinxido, ó que non deben entrar os curiosos, si os arriscados onde o éxito depende da rapidez, da vista, das previsións, da análise.
A Bolsa ou a vida, eran as opcións dos vellos asaltantes de camiños de hai máis dun século. A Bolsa ou a vida, son hoxe dúas opcións para os investidores: A Bolsa, para a rapidez, o risco, a non responsabilidade de administrar...A vida, para a finanzamento das ideas, o traballo diario, o investimento, o apoio ás iniciativas interesantes.
É a diferenza entre a aventura e o traballo, entre a lixeireza e a responsabilidade, entre o xogo e o futuro.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora