Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os Xardíns de Marcos Cela

viernes, 23 de febrero de 2007
Os Xardíns de Marcos Cela: Un recuncho verde que moitos lucenses descoñecen.

O 29 de marzo de 2005 inauguráronse estes xardíns en nome do que fora Concelleiro de Medio Ambiente, o finado Marcos Cela.

Este fermoso parque encóntrase nas beiras esquerdas do Miño, desde a volta da Viña ata a baixada ó Muiño da ceña de Olga. Ocupa unha carballeira, restos daquela primitiva que bordeaba a Tolda pola banda de Magoi. Son en total 43.700 m2 e, no seu acondicionamento foran gastos 312.533 €, unha grande parte dos cuais viñeron dos fondos europeos do FEDER. O parque forma un conxunto de ar romántico, pois a carballeira autóctona non foi alterada. Apenas paseos de terra, barandas de madeira e unha mínima actuación no control das augas que por el discorren de maneira natural. Unha pequena pérgola deíxanos debruzar sobre o río: abaixo o balneario á dereita a Volta da Viña, ó fondo, tras da Ponte Romana, o grande meandro do Miño que forma os aluvións da veiga da Cheda e define o outeiro de Orbazai. Neste tempo de fins da invernía pódese disfrutar das vistas do río a través das árbores ainda espidas que deixan ver o verde novo dos salgueiros da ribeira anunciando a proximidade da primavera.

Os bosques de ladeira, sobre todo de tanta pendente como a que ocupa o Parque de Marcos Cela, xogan un papel importantísimo no ciclo hidrolóxico filtrando as augas e retendo os solos, pezas fundamentais na saúde dos ríos e no control das cheas. Tristes exemplos de enxurradas catastróficas vímolos este inverno en Oia (Pontevedra) en Cee (Coruña), en Valga, etc... provocadas por construccións de estradas ou canalizacións que esqueceron este papel fundamental das árbores.

O Parque non está moi coidado. Máis ben diriamos que algo degradado. Xa en agosto de 2005 laiábame eu deste feito: “Así é patético e incita ó descuido. A Educación ambiental é parte integrante da Educación cívica. O cuidado dos espacios comúns é fundamental para fomentar un comportamento respetuoso có noso medio” (Paseando polo Parque de Marcos Cela. El Progreso.)

Invito á cidadania a que disfrute dun dos nosos parques menos coñecidos. Ten grande interés paisaxístico non só polas vistas que dende el se disfrutan, senón polas que ofrece dende o barrio da Ponte. Interés histórico, porque nos lembra os antigos usos da terra nun pasado ainda recente. Interés ecolóxico, polo papel de regulador das augas e fixador do terreno evitando as enxurradas sobre a Tolda. Interés botánico por ser resto das vellas caballeiras de Magoi e Fingoi.

A proposta dunha ponte sobre o río é un vello aceio de todos os lugueses. Dos da Ponte especialmente. Ourense ten 6 no tramo urbano, Pontevedra ten 6, máis unha peonil. Nós apenas 3. Máis non é necesario destruir o Parque de Marcos Cela para facer esa ponte tan necesaria. Hai outras alternativas. Máis económicas, máis ecolóxicas, máis sustentaveis. Sustituir a carballeira por un muro de cemento que non vai reter augas nin solo, pode mesmo ser perigoso. Vímolo xa en diferentes cidades da Galiza. O impacto visual non é de somenos importancia, como non o é a consideración da existencia dunha falla de deslizamento ubicada nesa zona (vide PEPRIM) que debería de obrigar a facer unha construción antisísmica por seguridade.

Construamos as infraestructuras necesarias, máis que sexa o interés xeral o que nos guíe. Imos perder a vista do Parque de Rosalía. Non perdamos outro dos nosos parques. Eu convídovos a pasear por entre os seus carballos, sentir o marmurio das follas e ulir o recendo da terra viva.
Figueroa Panisse, Adela
Figueroa Panisse, Adela


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES