Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Achegamentos á cultura popular da auga (5)

miércoles, 07 de diciembre de 2016
2.2. Algúns usos da Auga
2.2.1. Fecundador
A. A auga do mar. Ritual dos nove ondas. A lanzada.

Trátase dun lugar castrexo, que está situado na parroquia de Noalla (Sanxenxo, Pontevedra). É moi probable que nese espazo houbese un antigo culto a unha “Dea Mariña” asimilable a unha “Gran Deusa” da fecundidade existente dende a antigüidade; isto motivou unha cristianización do culto, quedando como pervivencia “o baño das sete ou das nove ondas”, aínda que o maís habitual era “o das nove ondas”, xa que o número 9 fai alusión aos meses nos que a muller está embarazada; e ademais, é un número relevante nos ritos menciñais.

A práctica ritual debía levarse a cabo denantes do mencer do último sábado do mes de Agosto (festividade no recinto sacro), aínda que tamén eran días propicios os da Ascensión e o San Xoán. Non embargantes, para algúns pensadores os días propicios eran os sábados de lúa chea; e dos meses, os de maio, xuño, xullo e agosto; e a hora, as doce da noite (1). A muller antes das 12 da noite tiña que levar a cabo o “ritual de circunvalación”, percorrendo nove veces o perímetro da capela e rezando unha Ave María logo de cada tres voltas. A continuación, nunha praia anexa ao santuario tomaba o baño, espida de cintura para abaixo, agardando que nove ondas chegasen ao seu ventre; era o momento no que –segundo a tradición- sería fecunda.

A eficacia do baño radica para algúns pensadores nas propiedades naturais da auga da Lanzada; pola contra, hainos que tentan ver nos movimentos de vaivén das ondas (luxo e refluxo) unha imitación do coito como reflicte na antigüidade o mito de Venus (a escuma da que vai nacer Afrodita e o seme masculino) (2). Este ritual tamén se manifestou hai anos na praia de Louro (Muros); en Praceres (Lourizán) etc. Tamén hai pensadores que sosteñen que esta práctica se realizaba antano en todas as zonas costeiras de Galicia (3). Nesta práctica ritual queda patente a asociación dos seguintes elementos: lúa-auga-muller-fecundación. Esta interacción, foi completada coa vexetación, xa que hai bastantes tarefas agrarias que fan alusión ao influxo fecundante da lúa. Así para plantar, podar, cortar madeira etc. cómpre esperar a determinadas fases da lúa.

Por outra banda, nesta mesma praia tamén se realizaba un baño colectivo, no que participaban persoas de todas as idades para sandar doenzas, dar sorte na vida, e quitar o meigallo ou posesión diabólica (4).

Asi mesmo é mester aludir á presenza feminina, normalmente de orixe labrego, que acudía a tomar “os baños” ás diferentes praias galegas dende finais do mes de Agosto. Esta recibiu nomes peculiares, segundo os lugares de asentamento. Así, na Mariña oriental luguesa, todas as mulleres procedentes dos concellos de Abadín, Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo, O Valadouro…, que ían a praia da Rapadoira (Foz) ou aos areais de Ribadeo, deronlles o apelativo de canónigas, canouras ou candelarias. Pola contra, ás que acudían a praia de Covas (Viveiro) procedentes de Ourol, Cabanas ou Riobamba recibían o nome de “carachentas” (persoas con falta de hixiene) (5). A pensadora de Viveiro, Fina Roca –estudiosa do tema- fai alusión a presencia dun colectivo feminino nas praias do litoral lucense entre finais de agosto e mediados de setembro. Esta estancia temporal levabase a cabo logo das duras tarefas do verán- segas, recoleccións,mallas…- e tiña un fin sandador e, ao mesmo tempo, ligado cun antigo culto a auga (6).

B. A auga dos ríos. Ritual do “Bautismo Anticipado”.
Esta práctica levábana a cabo mulleres infecundas na parte inferior das pontes baixo as que corría auga de río e sempre e cando houbera un cruceiro moi preto. As mulleres ían acompañadas de familiares e de veciños ata o lugar do ritual, que se celebraba calquera día da semán, as doce da noite; os acompañantes debían vixiar a ponte denantes da hora sinalada para convencer a primeira persoa que pasara pola mesma para que actuase de padriño. Chegado o momento do bautismo, a persoa encargada botáballe á muller un pouco de agua no ventre, mentres que pola ponte os familiares e veciños impedían que ninguen pasase ata que rematase a ceremonia. O padriño tiña dereito de poñer nome ao bautizado... Logo, todos participaban nun pequeño ágape no lugar no que tivo lugar o ritual, botando as sobras ao río. No suposto de que non pasase ninguén pola ponte para levar a cabo o ritual, voltaban outro día.

No transcurso dos anos foi unha práctica, que se realizou en varios lugares de Galicia, como en Cobas (Meaño) (Pontevedra), en Moreira (Ponteáreas) (Pontevedra), en Ponte Sampayo (Pontevedra), en San Estevo de Pedre (Cerdedo) (Pontevedra); na Poboa do Caramiñal e Padrón (A Coruña)… (7). Na provincia de Lugo, realizouse hai xa maís de 50 anos en Xanceda (Ourol) (8). Alí as novidades do ritual con respecto ao doutras zonas consistían no día da celebración, que era un martes, e no carácter da manifestación relixiosa, reflectida nunha cruz en vez dun cruceiro. Na actualidade esta práctica ritual xa non se leva a cabo en ningures; de tódolos xeitos no concello de Avión (Ourense), moi ligado coa inmigración mexicana, levouse a cabo aínda hai uns dez anos. O río goza dunha facultade de sinerxía sexual fertilizante como o amosa o feito de que hai máis de cen anos que algunhas parellas cumprían co débito conyugal á beira do río (9).

2.2.2. Propiedades da auga do San Xoán
As augas neste día están dotadas de propiedades non só fecundadoras, senón tamén adiviñatorias e sandadoras. Considéranse tan extraordinarias que non é preciso recorrer a mananciais especiais santificados para se aproveitar delas. As augas do mar, as dos ríos e mesmo o orballo dos campos teñen virtudes excepcionais na noite e no abrente dese día (10). O orballo desta noite era moi eficaz para sandar doenzas de carácter cutáneo “No orballo dista mañá miragreira envolquillanse os sarnosos, ou dormen espidos antre o centeo, para curar seu mal” (11). Tamén a auga mesturada con rosas, romeo, artemisa, amenta etc., adoita deixarse pola noite ao relento e, logo, usase pola mañá cedo para lavarse. E moi eficaz para as doenzas de pel e dos ollos; e está relacionada coa fecundidade ao existir unha vinculación entre a auga e o elemento vexetal, que propicia que este sexa un símbolo da forza vital da natureza. Asi mesmo “a flor da auga”, era boa para erradicar a soltería da muller; esta flor –segundo González Reboredo- recollese dunha fonte no mesmo intre en que o Sol comeza a raiar, incidindo nas súas augas (12).

Finalmente, nesta noite as mozas que querían averiguar o seu futuro levaban a cabo o seguinte ritual: “poñían ás doce da noite unha clara de ovo no medio dun vaso de auga e, segundo a forma que tivese a clara pola mañá era un signo importante do que ía deparar o seu futuro. Así, se a clara tiña forma de igrexa, indicaba boda; forma dun barco, viaxe; caixa, morte…”.


NOTAS:
1. DE SÁ BRAVO.: Creencias des costumbrismo religioso en Galicia, Pontevedra; 1991, páx. 75.
2. MARIÑO FERRO, X.R.: Ob. cit., 2003, páx. 81.
CHAO REGO, Xosé.: Ob. cit., páx. 274.
3. ALONSO ROMERO, F.: “ As nove ondas da mar sagrada: ritos y mitos galaicos sobre las olas do mar”, en Cuadernos de Estudios Gallegos, 98, 1982, páxs. 589-605.
4. CEBRIÁN FRANCO, Juan José.: Santuarios de Galicia, Santiago de Compostela: Arzobispado de Santiago, 1982, páx. 119.
GONZÁLEZ DEL PIE, Calos.: Ob. cit., páxs. 68-69.
5. INSUA, Emilio Xosé.: “Candelarias, Canónigas, Canouras, Carolinas, Carranchentas, Catalinas, Mantidas, Montañesas, Poubanas.”. Bañistas Labregas no mar Galego de onte. Grupo Etnográfico “Mascató”, Ardentia. www. cultura maritima. org.
6. INSUA, Emilio Xosé.: “Candelarias, Canónigas, Canouras, Carolinas, Carranchentas, Catalinas, Mantidas, Montañesas, Poubanas.”. Bañistas Labregas no mar Galego de onte. Grupo Etnográfico “Mascató”, Ardentia. www. cultura maritima. org.
7. LIS QUIBÉN, Víctor.: La Medicina popular en Galicia, Madrid: Akal, 1980, páx.224.
8. Referencia de Mario Saavedra Pérez.
9. CHAO REGO, Xosé.: Ob. cit., páx. 274.
10. CARO BAROJA, J.: La estación del amor. Fiestas populares de mayo a San Juan, Madrid: Taurus, 1979, páx.175.
11. TABOADA CHIVITE, Xesús.: Ob. cit. 1972, páx. 74.
TABOADA CHIVITE, Xesús.: Ob. cit.1982, páx. 21
12. GONZÁLEZ REBOREDO, X. M.: A festa de San Xoán, Vigo: Ir Indo, 1989, páx. 44.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania