Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'Un hachazo invisible y homicida'

sábado, 03 de diciembre de 2016
Imaxine, lector, que dende que a luz se perde no túnel do tempo o seu pobo natal -poñamos por caso, Celanova- mantén unha relación fraternal con outro pobo situado a mil quilómetros, na serranía granadina. Digamos Guadix, para máis señas.

Imaxine que despois de ter feito propósito de visitar aquel lugar sen que nunca tivera vagar, hai arredor dunha ducia de anos lle tocase viaxar a Sevilla no marco dun programa europeo e coñecese alí a unha representante institucional daquel pobo, que en recíproca correspondencia tamén tivera feito propósito de ter visitado Celanova sen tampouco telo conseguido.

Pode dar por suposto que naquel encontro non só emerxeu unha espontánea e franca relación de amizade, senón tamén a iniciativa de irmandar as dúas poboacións, tal e como hoxe están irmandadas.

Imaxine, porque é fácil de imaxinar, que despois de ter compartido aquela emerxente relación, os ventos institucionais soprasen dende outro punto cardinal e aqueles contactos se volvendo esporádicos. Ata que un día, nun restaurante de Orihuela, outro granadino de ben a quen acababa de coñecer por vía completamente allea á antiga amiga accitana, lle di que vai facer unha chamada e que o vai saudar unha persoa á que vostede coñece, pero nin moito menos espera.

Así foi cómo coñecín en Sevilla a Iluminada Jímenez, cando era concelleira de educación de Guadix, e, anos despois, en Orihuela, ó director da Casa Natal de García Lorca, Alfonso Alcalá, que naqueles anos de silencio entre Iluminada e máis eu retomaran unha relación de parella dos tempos novos -para min loxicamente descoñecida- e da que fun convenientemente informado naquela conversa telefónica.

Hai pouco máis dun mes tiven ocasión de coincidir de novo con el nunhas xornadas arredor de Blas de Otero no profundo e euskaldún val de Orozco, onde Alfonso logrou emocionarnos a todos ó regalarlle a Sabina de la Cruz (a viúva de Blas de Otero) unhas fotografías do poeta vasco na primeira homenaxe que a recuperada democracia lle organizara, a comezos dos anos 70, ó "seu" Federido García Lorca.

Onte, unha breve mensaxe informoume de que "un hachazo invisible y homicida" lle furtou a Alfonso a vida paseando por unha rúa de Granada.

Como pode comprender, tanto Alfonso como Iluminda forman parte dese intransferible tesouro de pequenas e fermosas historias que de cando en vez a un lle regala a vida e que logo lle demostra o cruel que esa mesma vida pode ser, sen pestanexar nin nada.

Sei que isto non aliviará a inmensa dor que nestes intres sinte Granada pola inesperada partida de Alfonso Alcalá. Máis tamén sei que se a dor vai repartida, é ben máis levadeira. De aí que lle queira dicir a Iluminada que a súa dor mora hoxe compartida por tódalas Casas Museo de escritores de España.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES