Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O silencio da cultura

viernes, 02 de diciembre de 2016
Grisentas cores do pensamento único, libros no híper con sabor a kétchup, alegría tinguida de sospeita. A mala noticia é que a mirada sobre as artes, o teatro e a danza, os libros e a música, volve ser un luxo prescindible nestes tempos de devastación económica e voladura controlada do estado social. Ou unha delicatessen para os privilexiados aos que a crise económica enriqueceu aínda máis. A finais dos 70 España era o país máis igualitario de Europa e hoxe estamos nos primeiros lugares da desigualdade que veta toda cultura.

Os indicadores das artes escénicas, musicais e audiovisuais advirten que o sector está en perigo. E son un catálogo de malas noticias para a beleza, hálito intanxible que alimenta o mellor de nós mesmos. O tecido cultural que costou tantos cartos e tempo levantar e que mellorou ata facer irrecoñecible este país áspero, pode colapsar en poucos anos.

Tampouco melloran os índices de lectura nun país que le pouco. Unha mágoa, porque se non nos miramos no espello dos libros, se non hai unha ollada pausada e reflexiva sobre os sons máis bellos e sobre o edificio das artes construído ao longo de milenios, será imposible interrogarse, pensar sobre si mesmo. A vida sen cultura éche un ermo onde os dogmas se impoñen ás dúbidas razoables, onde non é posible o diálogo entre os creadores e os devoradores de cultura, esas dúas soidades tan fructíferas. O escenario da cultura é o da complexidade, o da liberdade, o do silencio, o da soidade reflexiva. Certo que vivimos na cultura da imaxe efémera, no presentismo das pantallas que outorgan respostas rápidas pero silencian a palabra que pregunta. Unha imaxe vale por cen palabras e unha palabra evoca cen imaxes.

Os empresarios miopes que aplaudiron a masacre da reforma laboral e o recorte de salarios, danse conta que quedan sen clientela. Mentres que a brutal subida do Ive levou a isto: o 21% de cero é nada. O consumo cultural nun país no que a oferta pública chegaba ao 80%, é dicir a todos, pode quedar en nada.

Unhas políticas contra a cultura, que menosprezan o cine, que exilian aos libros, que prohiben o teatro, silencian a música e paralizan a danza terá o que merece: o paraíso dos mediocres, un país deseducado que berra e non escoita, xente infeliz e peores persoas, porque a beleza é alimento que engrandece o mellor de nós mesmos.

A cultura é estratéxica para o país. Non é adorno prescindible. Non é un luxo, é artigo de primeira necesidade. Quizais se pretenda un país embrutecido, cheo de ruído e de furia, co fanatismo dos bardallas, co cainismo da nosa peor historia, co matonismo crecente dos que non crean lazos senón que afían coitelos. Velaí a colleita envelenada, o resultado de prohibir a beleza, de silenciar a cultura.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES